A gran manifestación contra a mina de Touro busca "encher" o Obradoiro o 10 de xuño

Rolda de prensa que anuncia a manifestación do 10 de xuño CC-BY-SA Nós TV

Unha gran manifestación o vindeiro 10 de xuño en Santiago contra o proxecto megamineiro ao pé da capital de Galicia. Iso foi o que anunciaron este martes a plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) xunto con máis de 40 colectivos, convocantes da marcha para rexeitar a mina de cobre a ceo aberto que promoven as empresas Explotaciones Gallegas e Atalaya Mining.

Os colectivos convocantes advirten de que as empresas impulsoras da mina xa foron sancionadas varias veces por contaminación

Nunha rolda de prensa, as dúas plataformas advertiron do perigo dun proxecto liderado por empresas "afectadas por múltiples procedementos e expedientes sancionadores, mesmo penais, por contaminación medioambiental" e acusaron a Xunta de ir da man destas firmas e de non evitar que as súas actividades afectasen xa ríos, fervenzas ou mananciais. 

O obxectivo da manifestación é "encher" a praza do Obradoiro e "presionar" con "argumentacións" a Xunta para que non autorice o proxecto mineiro e rexeite a solicitude, que podería ter resposta, segundo os convocantes, en pleno mes de agosto, tal e como denunciou Xaquín Rubido, da PDRA, que cuestiona a suposta transparencia do Goberno. 

O obxectivo da marcha é "encher" o Obradoiro para "presionar" a Xunta con "argumentacións" 

Ademais, Aida Suárez, da plataforma veciñal, convidou toda a cidadanía a que "saia" ás rúas tamén para mostrar o rexeitamento a unha mina que "afecta a vida de toda Galicia" e para esixir "que se restauren os danos 30 anos despois" de que este espazo xa fose explotado. O patrón maior da Illa de Arousa, Juan José Rial, avisou de que este proxecto "pon en perigo toda a actividade socioeconómica que hai na pesca e na agricultura".

Segundo destacan, o proxecto de extracción de cobre previsto supón voaduras diarias na que se empregarán entre 9 e 16 toneladas de explosivos cada unha, así como unha mina a ceo aberto con emisións de pó que conleva unha grave contaminación atmosférica, como mínimo, nun radio de 15 quilómetros, ata Compostela. Tamén se prevé a utilización dunhas 15.000 toneladas de produtos químicos altamente perigosos e sospeitosos de causar cancro para a separación do mineiral. 

"Afecta a vida de toda Galicia", advirten desde a plataforma veciñal, que anima a toda a cidadanía a unirse á manifestación

Ao tempo, e segundo os convocantes, a empresa prevé gastar arredor de 2,25 hectómetros cúbidos de auga ao ano (seis veces máis que os concellos de Touro e O Pino xuntos no mesmo período), así como a creación de dúas grandes balsas de lodos cun dique de 3,2 quilómetros e 80 metros de altura, cos graves riscos que supoñen para as localidades máis achegadas. A área de afectación, lembran, é dunhas 700 hectáreas ampliabls a máis de 1.800 e o proceso desviará regatos e eliminarán varios centos de hectáreas de masa forestal e cultivos. Todo en área de Camiño de Santiago e nunha zona agrícola e gandeira. 

Rubido, por exemplo, alertou de que o proxecto "non é unha mina calquera", senón unha "megamina" que "drena todos os seus contaminantes cara ao río Ulla", posto que está "no tramo medio". "Nun día chega (á ría) tanto a contaminación crónica como a contaminación que se pode producir por rotura ou fisura das grandes balsas (de lodos)", expuxo, após explicar os cálculos polos que estima a velocidade do río, con base no seu caudal medio.

Ante iso, os convocantes da manifestación claman contra a Xunta "para que denegue a autorización solicitada polas empresas" e "non permitan a utilización, de forma definitiva, dos nosos recursos a empresas foráneas, con consecuencias pra todos os galegos e as vindeiras xeracións", pasando por riba de sectores estratéxicos como a gandeiría, a agricultura, a pesca, a acuicultura, o marisqueo, as industrias agroalimentarias e o turismo.

Os convocantes acusan a empresa mineira de "repartir diñeiro" para que "as opinións eon contra teñan menos visibilidade social"

Para rematar, ademais, Rubido advertiu de que a empresa que impulsa o proxecto "está a repartir diñeiro". "Sabemos por traballadores que hai pagos para tentar que as opinións da plataforma veciñal e da plataforma en defensa da ría teñan menos visibilidade social", destacou, tras referirse tamén a "presións por arriba".

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.