"A guerrilla galega reuníase nas casas, non no monte"

José Castro Veiga, O Piloto © Xerais

O 10 de marzo de 1965 era asasinado pola Garda Civil preto do encoro de Belesar José Castro Veiga, O Piloto. Así comezan a meirande parte dos relatos sobre o derradeiro guerrilleiro de toda España morto en combate, uns relatos e unha historiografía que adoitan presentalo como un loitador solitario nese tempo, que se limitaba a resistir, a esperar, "un home que agardaba", como escribiu Carlos G. Reigosa no seu Fuxidos de sona. Con O Piloto, o último guerrilleiro (Hércules de Ediciones) Afonso Eiré racha esa visión: nin inactivo nin illado, José Castro Veiga contaba na comarca de Chantada cun importante apoio social, que Eiré enumera en ata 105 casas que lle daban acubillo e recursos, un carácter social da guerrilla galega no seu conxunto que axuda a desmontar tamén a imaxe de Galicia como un territorio totalmente submiso ao franquismo.

Afonso Eiré presenta a súa obra este xoves na Coruña, ás 20 horas na Fundación Rodríguez Iglesias (Rúa Cordelería, 32-A), nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e no que participarán o alcalde Xulio Ferreiro, o historiador Emilio Grandío e o editor Francisco Rodríguez Iglesias. Un libro con documentos e materiais inéditos e cun formato que se sitúa a medio camiño entre o ensaio e a novela, no que agroma o intenso traballo de documentación realizado por Eiré durante anos, incluídas ducias de entrevistas: "Quixen darlles voz ás fontes, para que sexan os protagonistas. Non é novela nin é ensaio, quixen que xente que habitualmente non lería un ensaio histórico se interese por isto, como se lese unha novela de acción", destaca o autor. Eiré sinala a importancia dos traballos de investigación que se están a realizar de xeito local, acudindo ás fontes, e que rachan coa "distorsión e contaminación da propaganda existente en boa parte da historiografía sobre este tema", denuncia.

"Existiu unha 'amnesia xeral' cara á causa guerrilleira por parte do PCE"

A figura do Piloto ficou como mito, asociado a esa etiqueta do derradeiro guerrilleiro, pero o teu libro amosa que era pouco o que sabíamos realmente sobre el, e que había moitas ideas erróneas. Por que non se estendeu máis coñecemento sobre el?

Dixo Armand Balsebre que o silencio imposto á memoria dos guerrilleiros dende os anos 60 reuniu, paradoxalmente, na mesma beira a visión do PCE e a do aparello propagandístico de Fraga Iribarne. Sen iso non se entende a imaxe que quedou da guerrilla galega. O propio Balsebre di que existiu unha 'amnesia xeral' cara á causa guerrilleira por parte do PCE. Iso é o que leva a que a figura do Piloto fose esmorecendo, a pesar de ser o derradeiro guerrilleiro do Estado morto en combate. Tampouco se conta que a guerrilla galega foi a primeira de todo o Estado en autoorganizarse, en 1942, e que o fixo tres anos antes que o resto. O propio PCE toma a organización da guerrilla galega como exemplo para todo o Estado.

"A represión nos lugares nos que actuaba O Piloto foi moito menor da doutras partes de Galicia"

Tamén se di sempre que era un guerrilleiro que xa non exercía como tal, e que se limitaba a resistir, de forma solitaria...

É que tampouco se conta a verdade cando se di que O Piloto xa non era guerrilleiro, porque estaba só ou porque había anos que non realizaba ataques armados. Isto é descoñecer o que era a guerrilla e a actividade dos guerrilleiros. A guerrilla facía máis cousas ademais de atentados; a guerrilla distribuía panfletos, entrevistábase con xente, protexía e organizaba os veciños para evitar a represión. A represión nos lugares nos que actuaba O Piloto foi moito menor da doutras partes de Galicia, sendo un lugar onde triunfara a Fronte Popular. En 1963 O Piloto publica e difunde un manifesto dirixido ao pobo galego (que mesmo se distribuíu nas cidades), no que chamaba os comunistas e a todos os antifranquistas a facer unha folga xeral: “Franco, treme, treme de medo, porque a folga xeral política te vai colgar do valado do Retiro”. Nos últimos anos de actividade do Piloto estaban celebrando a campaña dos 25 anos de paz, e non lles conviña para nada que existise a guerrilla e que se falase dela.

"Había 105 casas da zona de Chantada que lle daban apoio ao Piloto. E a súa importancia continuou máis aló da súa morte"

Cal era o seu apoio social na zona?

Había 105 casas da zona de Chantada que lle daban apoio ao Piloto. E a súa importancia continuou máis aló da súa morte. Eu crieime coa figura do Piloto, para min era un heroe. Antes de coñecer o Capitán Trueno, a Red Ryder, o Llanero Solitario ou a Roy Rogers, para min o heroe era O Piloto, que era o que escoitaba todos os días. Pero ata que escribín o libro non me decatei dalgunhas cousas que sempre tivera diante do nariz. Cando comezamos a montar as Comisións Labregas en Chantada en 1973, tivemos un éxito impresionante: en plena clandestinidade en tres meses fixen máis de 100 afiliados. Cando es novo pensas que es un fenómeno, pero despois deime conta de que toda esa xente estaba relacionada coa guerrilla e co Piloto. E esa xente é a que nos permitiu facer en 1976 a primeira gran tractorada de todo o Estado, que só quedaron cinco tractores sen saír á manifestación. Pincháronlles as rodas; e as persoas que as pincharon eran fillos de colaboradores da guerrilla, e os tractores que non ían á folga eran propiedade dun que denunciara os guerrilleiros. Daquela non me decataba, pero estaba todo aí.

"En Catalunya Ramón Vila ten un museo e aquí O Piloto, unha figura esencial, está abandonada á súa sorte"

Ese apoio social pode verse noutras cousas. Por exemplo, a guerrilla en Málaga, Asturias, Cantabria..., lugares onde era moi forte, foise desfacendo por mor das delacións internas. Esas delacións en Galicia case non existiron. Iso nunca se di sobre a guerrilla galega. Outro exemplo do apoio social da guerrilla en Galicia podémolo ver en comparación con Catalunya: cando matan o derradeiro guerrilleiro catalán, Ramón Vila, en 1963, os veciños non deixan que sexa soterrado no camposanto; en cambio O Piloto si é enterrado no camposanto, o cura rézalle o responso e os veciños van poñerlle flores. Os guerrilleiros galegos non eran maquis, coma noutros sitios. A guerrilla galega estaba nas casas, reuníase nas casas, non no monte. Pero cal é a outra diferenza? Que en Catalunya Ramón Vila ten un museo e aquí O Piloto, unha figura esencial, está abandonada á súa sorte.

"Ás presentacións está indo xente que son fillos ou netos das persoas que axudaron a guerrilla. E iso significa que aínda que esa relación nunca se exteriorizara, si que na casa se falou do tema e esa memoria quedou aí"

Cres que mudará nos vindeiros anos a visión que se ten sobre a guerrilla galega e o seu recoñecemento?

Espero que si. A Deputación de Lugo fixo unha exposición que está indo por todos os Concellos. E o documental O Piloto, do que eu son guionista, tamén se está vendo en moitos sitios, e cun éxito tremendo. Tamén o libro se está a vender moi ben e estame gustando especialmente que a algunhas presentacións estea indo xente que son fillos ou netos das persoas que axudaron a guerrilla. E iso significa que aínda que esa relación nunca se exteriorizara, si que na casa se falou do tema e esa memoria quedou aí. Si me estraña que aínda que O Piloto é moi coñecido en Chantada e nas comarcas próximas, noutros lugares onde fun presentar o libro, vin que apenas era coñecido. 

José Castro Veiga, O Piloto © Xerais
Capa do libro © Hércules Ediciones

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.