"A lingua deste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel"

Dominio Público Praza Pública

Milleiros de persoas retornaron ás rúas de Compostela para celebrar e defender a lingua galega. Convocadas pola Plataforma Queremos Galego e dispostas a exercer de parapeto "contra os ataques" ao idioma chegaron de diversos puntos do país para asolagar as rúas do centro da capital.

A voz calma de Agustín Fernández Paz converteu a Quintana no salón dun fogar de milleiros de persoas que o escoitaron con respecto defender "a lingua de noso". "Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas", proclamou, e engadiu que a protección do idioma debe vir tamén acompañada de "alegría", subliñou, para "desmontar na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego". Fernández Paz concluíu que "a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel".

CC-BY-NC-SA TingaLaranga AudioVisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.