A memoria histórica que esmorece: quedan 230.000 persoas en Galicia que viviron o golpe franquista

Un grupo de republicanos coruñeses en 1932 (entre eles Juan Wonenburger, Arturo Taracido Veira ou Alvaro Cebreiro), a maior parte represaliados © Memoria do Cárcere

Non hai todo o tempo do mundo para facer memoria do golpe franquista e da represión que veu inmediatamente despois. De feito, en apenas unha década xa non quedarán fontes de primeira man que poidan relatar o vivido naquela Galicia de 1936 que en apenas un mes pasou de ser chamada a votar o Estatuto de Autonomía a recibir a ameaza de que quen non atendese ás ordes dos militares sublevados "non poderán queixarse se lles acontece algún mal". Non en van, a finais de 2016 restaban no país pouco máis de 230.000 persoas de 80 ou máis anos.

No pleno do Parlamento celebrado hai dúas semanas os votos do PP rexeitaron a proposta formulada polo BNG para impulsar unha lei galega da memoria histórica que fose alén da vixente no Estado dende 2007. No transcurso do debate o deputado popular Aureliño Núñez -quen, destacou, contou na súa familia con varias persoas represaliadas polos franquistas- sinalou "non saber" que parte da poboación galega estaba aínda formada por quen viviron o golpe contra a II República e os anos da represión. A resposta ao interrogante é que apenas un 9%, practicamente a metade que, cando no ano 2006, a Xunta conmemorou o Ano da Memoria.

Cando a Xunta declarou o 2006 como ano da memoria ficaban o dobre de testemuñas vivas que na actualidade

Un dos plans xurdidos con apoio público durante aquel ano de lembranza das vítimas fora o proxecto de investigación Nomes e Voces, que implicara as tres universidades galegas para "estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura" e "ofrecer á sociedade datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía e da súa posición favorable á democracia republicana". Aquel proxecto, eloxiado por institucións internacionais como a ONU, baseou boa parte do seu traballo nas testemuñas vivas, nos relatos da poboación que daquela roldaba os 70 anos, unhas 450.000 mulleres e homes.

A fin do financiamento público provocou que en 2013 o proxecto Nomes e Voces tivese que botar definitivamente o ferrollo. Daquela, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, aínda había no país case 300.000 testemuñas vivas dos peores anos da posguerra. Eran xa moitas menos que no inicio destas investigación, e practicamente a metade das que, segundo os padróns municipais, vivían en Galicia a comezos deste século.

As testemuñas vivas contribuíron a construír a base de datos do proxecto 'Nomes e Voces', que documenta case 5.000 asasinatos

Propostas cidadás como as lanzadas dende a oposición parlamentaria ou a Iniciativa Galega para a Memoria, pero tamén dende as propias Nacións Unidas, poñen o acento na urxencia de aproveitar estas fontes de primeira man mentres existan. Non en van, as súas lembranzas combinadas co baleirado de bases de datos xudiciais e militares permitiron construír arquivos da memoria como o de Nomes e Voces, con datos fidedignos dos arredor de 5.000 asasinatos dos franquistas documentados en Galicia, o seu "laboratorio de control social", en verbas do historiador Julio Prada. Trátase, ao cabo, de documentar e reparar en vida, mentres sexa posible, a quen coñeceron que o que sucedeu naqueles anos non foron simples "mortes por hemorraxia interna".

Traslado de presos a San Simón, nunha imaxe tirada do libro 'Aillados' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.