A mina de Corcoesto deixa de ser "estratéxica" para a Xunta

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

Edgewater non se rende e segue loitando polo polémico proxecto de Corcoesto. A lúa de mel entre Xunta e empresa mineira rematou cando, o pasado mes de marzo, o Goberno galego deu en frear o proxecto apoiándose en motivos económicos. A postura pública da compañía canadense é que "segue traballando co Goberno para desbloquear o potencial do proxecto aurífero", pero en realidade leva tamén a cabo unha batalle legal -e incluso mediática- contra o Executivo de Núñez Feijóo, que puxera unha alfombra vermella a unha enorme mina a través de normativas e benefcios que a presión social acabaron por botar abaixo.

A Xunta confirma que o proxecto de Corcoesto perde a condición de "industrial estratéxico" que facilitaba os trámites á multinacional

A última prebenda que se lle escapa a Mineira de Corcoesto -filial da multinacional canadense no país- é a declaración do pretendido proxecto como "industrial estratéxico", ese polo que non quedaria suxeito á licenza urbanística municipal, acadaría "prevalencia sobre outras utilidades públicas" e lle permitiría realizar todos os trámites -tamén as expropiacións- por vía de urxencia. Unha figura que lle tería facilitado o traballo no caso de que se recuperase o proxecto pero que o mesmo IGAPE denunciara que non cumpría os requisitos. Nin contribuía á expansión significativa do tecido industrial galego, non garantía un mínimo de 250 empregos directos e non implicaba a consolidación destes.

Agora, a Consellería de Economía e Industria confirma que a declaración de proxecto industrial estratéxico xa non é tal. "Na mesma resolución na que se denega a aprobación do proxecto de explotación da mina de Corcoesto advírtese de que a denegación da aprobación do proxecto comporta a perda sobrevida do obxecto do procedemento para a declaración do proxecto como estratéxico", confírmalle por escrito a Xunta a Antón Sánchez, deputado de AGE.

Un proxecto "indusrial estratéxico" non quedaría suxeito á licenza urbanística municipal e podería realizar as expropiacións por vía de urxencia

En canto á Declaración de Impacto Ambiental (DIA), a Xunta xa ten confirmado que segue vixente ata 2017 malia que o proxecto foi cancelado. Contradí o criterio do Valedor e coincide co da empresa e do Concello de Cabana, que din buscar socios para relanzar a explotación. Na mesma carta dirixida agora a AGE, a Consellería de Economía insiste en que a DIA "deixa de ter efecto" para a iniciativa cancelada, pero aclara -de novo- que "no suposto da presentación doutro proxecto, sobre a vixencia ou validez da DIA debe pronunciarse o órgano competente nesta materia, a Secretaría Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas". Xa que logo, non é descartable que se lle conceda esta declaración a outro novo proxecto. Abondaría con reavaliala.

A Xunta insiste en que a DIA en caso de que se presentase outro proxecto podería ser reavaliada

Que a cualificación de "proxecto industrial estratéxico" xa non sexa tal pon en máis dificultades a Edgewater, xa que, tal e como aclara a plataforma Salvemos Cabana, suporíalle ter que cumprir con máis requisitos e impediríalle levar a cabo a súa idea tan axiña como pensaba e sen tantas vantaxes burocráticas. Aínda así, desde o colectivo insístese en que "hai que seguir alerta", xa que as intencións da mineira canadense seguen centrándose en Corcoesto, en conseguir solvencia financeira e en levar a Xunta ata o final cos seus recursos á denegación do permiso. Ademais, e tal e como advirten, que Arias Cañete se converta en comisario de Enerxía na UE sería outro atranco máis na loita contra a minería destrutiva en Galicia.

 

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.