"A monarquía é a grande metáfora da desigualdade. Por iso hoxe A Coruña dille non"

Imaxe da manifestación, este xoves na Coruña Dominio Público @Corrienteroja

Máis de tres mil persoas participaron este xoves na cidade herculina nunha mobilización unitaria pola República, "unha marcha exemplar, cívica, pacífica, na que o que nos convoca é a unidade", segundo os seus organizadores. A marcha partiu da Casa do Mar e finalizou na Praza de Ourense encabezada por unha faixa que dicía Galiza pola República. Polo dereito a decidir.

Ao remate da manifestación, o escritor Manuel Rivas deu lectura ao manifesto acordado por todas as organizacións convocantes da marcha e ao que o autor engadiu tanto un limiar como un colofón elaborado por el mesmo. Así, Rivas destacou que A Coruña non celebrou este xoves "unha festa medieval, cun escenario anacrónico, de cartón pedra, no que os cidadáns son utilizados como extras no papel de súbditos e vasalos para maior gloria dun poder dinástico", senón unha "marcha cívica contra o atraso, o escurantismo e a imposición" de "seres ceibes". 

"Non somos súbditos de ninguén. Somos o pobo. Mesmo na Idade Media, a xente ceibe de Galiza, as Irmandades, foron quen de proclamar Deus fratresque Gallaeciae: Ninguén por riba de nós! No pobo reside a soberanía. Por iso dicimos non á Monarquía e si á República e ao dereito a decidir", leu Manuel Rivas dun manifesto que destacou o "fermoso" dun día onde a xente está "onde ten que estar". "A democracia non é un agasallo temporal. Non é un paraugas que che presten na seca e que cho quiten cando chove, cando fai falta. A soberanía reside no pobo, iso din todos, mesmo os que a negan na práctica. Porque a soberanía popular, nestes momentos, no Estado español, está a ser obxecto de subtracción", lembrou.

"Isto lembra a estafa das preferentes: o diñeiro é voso, pero comémolo nós"

Ao tempo, Rivas destacou o "discurso dominante" que é dunha "hipocrisía estupefaciente". "Dinnos: sodes soberanos, mais non é tempo de exercer a soberanía. Xa seredes soberanos cando as ras boten pelo. Xa o estudaremos dentro duns séculos. Isto lembra a estafa das preferentes: o diñeiro é voso, pero comémolo nós", insistiu.

O manifesto lido ante a Delegación do Goberno insistiu en que era a marcha "na que dicimos non". "Non á imposición monárquica. Non á subtracción da soberanía. Non á política de cartón pedra, que fan as elites á marxe do pobo", asegura un texto que aclara que os alí reunidos tamén "din un si moi grande á liberdade e ao dereito a decidir, porque os dereitos están para exercelos e non para que os teñan conxelados nas neveiras do poder".

"Queren poñer un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, como xa fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución"

Foi, segundo os convocantes, "unha marcha exemplar, cívica, pacífica, na que o que nos convoca é a unidade". O pasado luns o propio Rivas, en entrevista con Praza, destacaba a importancia do “carácter unitario” deste chamamento, que “contrapesa esa imaxe interesada, de intoxicación”, que fronte á operación sucesoria, presentada como “a normalidade”, presenta a alternativa cívica republicana “como algo caótico”-

"É a festa verdadeira. A festa do pobo sen cadeas", insistiu Manuel Rivas, que advertiu de que a abdicación do rei Juan Carlos "non pretende outra cousa que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción". "Queren poñer un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, como xa fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución", dixo.

O manifesto lembra tamén que o ditador Franco, que encabezou en 1936 un levantamento militar e fascista contra a democracia, "nomeou ao príncipe Juan Carlos como o seu sucesor en 1969", polo que a monarquía actual é "herdeira daqueles que se levantaron contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas". "Juan Carlos, que nunca condenou a ditadura franquista, xuraba, daquela, lealdade ao ditador e aos “Principios del Movimiento Nacional” e falaba de “la legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”.

"A monarquía actual é, polo tanto, herdeira daqueles que se levantaron contra a República constitucional", di o manifesto

"A monarquía é incompatíbel cun sistema democrático; é un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas", leuse tras a marcha da Coruña, na que se reivindicou "a ruptura democrática" e poder "decidir sobre o noso futuro": "Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e escoller a forma do Estado".

Ademais, Manuel Rivas quixo reivindicar tamén a "forte tradición republicana" da Coruña, lembrando as eleccións de abril de 1931 que acabaron coa monarquía e nas que as candidaturas republicanas acadaron 35 concelleiros na cidade, fronte ás cinco das monárquicas, ou os 13 dos 16 deputados republicanos que a provincia colocou nas Cortes en xuño do mesmo ano. "É hora de manifestar ese sentimento republicano e de defensa da democracia", rematou o escritor, que honrou os que loitaron contra o fascismo e a ditadura e os que seguen reivindicando a memoria.

"A monarquía é a grande metáfora da desigualdade", advertiu Manuel Rivas

"Estamos a vivir un tempo en que se acentúan as desigualdades e mesmo vólvese a formas de desigualdade que considerabamos superadas, como é o caso da muller e das minorías estigmatizadas. A monarquía é a grande metáfora da desigualdade. Por iso hoxe A Coruña dille non. Viva a República. Galiza pola República. O pobo unido xamáis será vencido", finalizou.

Imaxe da manifestación, este xoves na Coruña Dominio Público @Corrienteroja
Pluralidade de bandeiras nunha manifestación Dominio Público @15Mmontealto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.