"A polémica vén porque lle estamos metendo o dedo no ollo ao sistema"

Iñaki Errazkin Dominio Público hitza

"Cando chegas a un goberno tes que tomar estas decisións. Sabes que vai haber xente en contra e que podes perder as seguintes eleccións. Pero co paso do tempo isto consolídase e xera cambio social. En política é importante ter perspectivas a medio e longo prazo porque a medio e longo prazo é cando as cousas dan os seus froitos. En Hernani, dous anos mais tarde da implantación do porta a porta xa non hai polémica". Iñaki Errazkin, conselleiro de Medioambiente da Deputación de Guipúscoa, explicou na xornada sobre Defensa do Territorio organizada polo BNG o modelo de xestión de residuos porta a porta que Bildu puxo en marcha despois de acceder ao goberno da Deputación Foral.

"Sabes que vai haber xente en contra e que podes perder as seguintes eleccións. Pero co paso do tempo isto consolídase e xera cambio social. En política é importante ter perspectivas a medio e longo prazo"

En marzo do 2011 comezarn as obras de construción da planta incineradora de Zubieta, destinada a xestionar os residuos de toda a provincia, particularmente os da capital, Donostia, da que se sitúa a escasos quilómetros. A iniciativa espertou a protesta cidadá, e de forzas políticas como Bildu, Aralar ou Alternatiba, tanto polos prexuízos directos que podía causar na zona, como polo modelo de xestión de residuos escollido, que consegue a recuperación de menos do trinta por cento do lixo, no mellor dos casos. A planta tiña prevista a súa entrada en funcionamento en 2014, pero a vitoria electoral de Bildu nos comicios locais e forais de maio cambiou todo, ao facer co goberno da capital da provincia e das Xuntas Xerais de Guipúscoa.

Algúns concellos como Usurbil, Hernani, Oiartzun e Antzuola apostaron de inmediato polo sistema alternativo de recollida porta a porta dos residuos, e pouco despois unironse outros, entre eles Pasaia, Arrasate, Tolosa, Legazpi, Azpeitia, Bergara, Villabona, Zarautz ou Oñati, gobernados por Bildu. Este sistema, fronte á incineración ou a compostaxe, consegue a recuperación do 80% dos materiais e é defendido por distintas plataformas e colectivos en todo o Estado. En Catalunya un cento de concellos (gobernados por CiU, ERC, PSC, PP, ICV e independentes) xa funcionan con este sistema, que tamén apoiou o PSOE en Madrid. E no resto de Europa é un modelo moi habitual, maioritario por exemplo en Alemaña ou Italia.

No canto de colectores, nestes municipios fixáronse uns postes duns dous metros de altura para que cada veciño colgue no seu sitio prefixado a súa bolsa do lixo. E todo depende da educación e da responsabilidade dos veciños e veciñas. Se non separan axeitadamente os residuos non reciben ningún tipo de multa ou amonestación pero o seu lixo non é recollido. Segundo o protocolo establecido, os veciños deben depositar o lixo dentro do horario establecido; en Hernani, por exemplo, entre as 20.00 e as 23.00 horas, pero para orgánicos só os mércores, venres e domingo; o luns e xoves pódense sacar os envases; e o martes é o día do papel.

As vantaxes son claras: o 80% dos materiais é recuperado, fronte ás taxas de recuperación que se acadan nos contedores, do 30% ou do 40% como máximo. Tamén se incide na prevención e na recuperación e por exemplo os gobernos de Bildu promoven que os consumidores leven tuppers aos supers e aos mercados para mercar os produtos sen necesidade de envases desbotables.

O plan de recollida porta a porta en Guipúscoa tería un custe de ao redor de 180 millóns de euros e xeraria máis de 700 postos de traballo directos e públicos, e ademais localizados en cada unha das vilas

Por outra banda, esta alternativa conseguiu a paralización da cara e contaminante planta incineradora, que ía supoñer un gasto de máis de 400 millóns de euros. Pola contra, o plan de recollida porta a porta en Guipúscoa tería un custe de ao redor de 180 millóns de euros e xeraria máis de 700 postos de traballo directos e públicos, e ademais localizados en cada unha das vilas. Ademais, tamén aumenta a corresponsabilidade dos cidadáns, e de feito Errazkin salienta que só será posible grazas ao traballo de "700.000 superheroes guipuscoanos". "Ao comezo supón un cambio nos hábitos das persoas e xera receos. Pero co tempo a cousa adóitase tranquilizar e o que custa é revertelo. Sobre todo porque a xente se sente moi orgullosa dos obxectivos que se van conseguindo", destaca. Os ecoloxistas tamén apoian o novo sistema. "Hai que facer obrigatoria a reciclaxe", é a xustificación de Josetxo Álvarez, de Ekologistak Martxan. Greenpeace é da mesma opinión. A súa alternativa é a biometanización e o tratamento mecánico-biolóxico.

Porén, o plan dos gobernos de Bildu topou cun rexeitamento frontal de PNV, PSE e PP, que politizaron o debate con fortes ataques mediáticos e acusacións de "imposición". Outros municipios adoptaron un método mixto: a materia orgánica almacénase en colectores e só a fracción non reciclable recóllese porta a porta un único día á semana. E outros, sobre todo os gobernados por PNV, PP e PSE-EE, apostan polo quinto colector para a materia orgánica.

"A polémica que se xerou tamén está servindo para que a xente fale da problemática dos residuos, e isto está favorecendo que a medio a e a longo prazo callen a reciclaxe e a conciencia de que cada un de nós nos debemos responsabilizar dos residuos"

Que efectos positivos ten o sistema de porta a porta?

O máis positivo é que xa non imos necesitar ningún tipo de incineradora en Guipúscoa. E tamén vai conseguir que Guipúscoa sexa un referente en toda Europa na xestión de residuos. E sobres estamos demostrando que hai alternativas e que son viables. A polémica que se xerou tamén está servindo para que a xente fale da problemática dos residuos, e isto está favorecendo que a medio a e a longo prazo callen a reciclaxe e a conciencia de que cada un de nós nos debemos responsabilizar dos residuos.

"Se temos éxito nisto demostraremos que hai alternativas e que son viables. É unha loita de hexemonías entre dous modelos: o de PNV, PSE e PP, que é o que provocou a crise, e o noso"

As críticas de PNV, PSE e PP debíanse á diferenza de modeloso ou agochaban outros temas?

Unha das claves é o uso que fan do tema estes partidos, que levaban 30 anos gobernando en Guipúscoa, e que agora teñen un instrumento para desgastar o Goberno de Bildu. Outra clave por suposto é que temos modelos moi distintos tanto na xestión de residuos coma no noso modelo de desenvolvemento sostible. A incineradora é moi contaminante, non reciclas e tampouco evitas a existencia de vertedoiros, mentres que a nosa alternativa é ir á raíz do problema: á xeración dos residuos. Eles están atacándonos moito, porque se temos éxito nisto demostraremos que hai alternativas e que son viables. É unha loita de hexemonías entre dous modelos: o de PNV, PSE e PP, que é o que provocou a crise, e o noso. O centro da polémica é que lle estamos metendo o dedo no ollo ao sistema. Temos que manter a tranquilidade e a determinación.

"Se pensamos que cando pase a crise imos volver ao mesmo de antes estamos moi equivocados. En Europa xa nada vai ser igual e polo tanto tampouco en Galicia ou no Pais Vasco"

Ademais, este é un modelo moi estendido en Europa...

Moitos pechan os ollos á realidade de que ese modelo é o que vai vir antes ou despois. Se pensamos que cando pase a crise imos volver ao mesmo de antes estamos moi equivocados. En Europa xa nada vai ser igual e polo tanto tampouco en Galicia ou no Pais Vasco. En Europa teñen claro que estivemos desaproveitando os nosos recursos dunha maneira brutal. E a única forma de aproveitar os recursos é reutilizar e reciclar. Son moito máis rendibles economicamente os modelos nos que entra en xogo a responsabilidade persoal. Ademais, neste modelo xéranse moitísimos postos de traballo no que se denomina economía verde. En toda Europa calcúlase que se poden crear 400.000 empregos e só en Guipúscoa imos crear 700 postos directos e a custe cero, pois imos gastar menos cartos dos que custaría a incineradora. E postos de traballo locais e públicos, ademais.

Economía verde, pero de verdade?

As grandes multinacionais gañan cando as actividades se centralizan e se centran no poder tecnolóxico que eles detentan. Son infraestruturas que custan moitisimo e que tardan moitos anos en se amortizar. Unha vez que entras nesas débedas, tes que devolver durante máis de 20 anos eses cartos e os intereses xerados. E, paradoxalmente, se vas mellorando os teus niveis de reciclaxe e recuperación, esa infraestrutura ten un custe maior, porque en realidade amortízase cos residuos que non recuperas. Eles chámanlle economía verde ás incineradoras, que non teñen nada de verde, e que ademais impiden que as administracións dispoñan de recursos para levar a cabo as súas políticas.

"Eles chámanlle economía verde ás incineradoras, que non teñen nada de verde, e que ademais impiden que as administracións dispoñan de recursos para levar a cabo as súas políticas"

Como é a relación que establecedes cos cidadáns, que son a clave deste proceso?

O que se fai é abrir procesos de información e participación. En cada barrio fanse asembleas, fórmase e edúcase, con charlas portal a portal. A idea é que contaminar non é un dereito. Polo tanto reciclar tampouco é unha elección. Non podemos andar discutindo eternamente se a reciclaxe ten que ser voluntaria. O que nós dicimos é: temos un problema, así que temos que reciclar. Do mesmo xeito que se exerce un control sobre as empresas que fan vertidos nos ríos, tamén ten que haber un control sobre o que cada persoa fai cos seus residuos. Non falamos de control social senón de responsabilidade social. E iso non é algo que inventáramos nós, senón que está en todas as lexislacións. En calquera concello de España ti non podes deitar o lixo onde queiras: hai contedores. É o mesmo que a lei do tabaco: hai sitios onde non se pode fumar. E a oposición fala de imposición. Levar o cinto no coche é unha imposición?

Iñaki Errazkin Dominio Público hitza
Lixo recollido polo sistema 'porta a porta', nunha localidade vasca © Manuel Garreta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.