A querela contra o franquismo que comezou en Galicia

Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Arxentina teima en xulgar o franquismo e levar os torturadores aínda vivos ao banco dos acusados. Foi a pasada semana cando a xuíza María Servini de Cubría ordenou a busca e captura de catro ex membros das forzas de seguridade españolas que estarían implicados na represión acontecida durante a ditadura do xeneral Franco. Un paso máis que supón unha "decisión sen precedentes" para uns crimes soterrados e branquexados desde hai décadas polos sucesivos gobernos da democracia, que aínda hoxe en día seguen poñendo atrancos á xustiza. Un pequeno chanzo cara á reparación cuxo camiño empezou hai xa anos da man dun galego, Darío Rivas, que con máis de 90 segue exixindo xustiza para seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937 e cuxo corpo logrou recuperar en 2005.

A causa aberta contra o franquismo en Arxentina comezou da man da querela presentada polo galego Darío Rivas

Foi cinco anos máis tarde, aquel 14 de abril de 2010, cando Darío Rivas, acompañado de Inés García -outra muller cuxos familiares foron represaliados polo fascismo- presentaron ante a Xustiza arxentina unha querela por xenocidio e crimes de lesa humanidade contra a ditadura e ante a nulidade e falta de progreso das causas abertas contra o franquismo en España. Nela pedíase que se procurasen os nomes e enderezos dos membros dos gobernos existentes entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, así como dos mandos militares, da Garda Civil, de Seguridade e da Falanxe no mesmo período. Consideraba a demanda que os seus delitos son imprescritibles baixo o criterio de xustiza universal e a pesar da lei de Amnistía de 1977.

A causa foi medrando e acumulando milleiros de casos de represaliados, torturados, desaparecidos e asasinados durante o franquismo desde a primeira, a do pioneiro Darío Rivas, que segue reclamando a reparación de seu pai, Severino Rivas, republicano, con nove fillos e asasinado aos poucos meses do comezo da guerra civil. O mesmo home que pedía sementes na cidade para que os seus veciños plantasen centeo na aldea ou que improvisou unha escola na súa casa xunto a outros mestres.

A querela foi crecendo con casos de milleiros de represaliados, incluídos os 5.000 galegos que recolle o proxecto 'Nomes e voces'

Desde aquela, a querela arxentina contra o franquismo foi crecendo cos casos de milleiros de represaliados, incluídos os 5.000 de galegos recollidos no proxecto Nomes e voces, levado a cabo polas tres universidades galegas, no que se documenta a represión sufrida en Galicia e coa que se certifica "o xenocidio" sufrido no país, tal e como aclaraba Gustavo García, avogado galego e representante da Fundación Galega contra a Impunidade, que sumou o caso galego á querela, á que tamén se sumara Nova Esquerda Socialista, única entidade da autonomía personada, e a Federación de Sociedades Gallegas en Argentina, que a apoiou tamén xunto a ducias de asociacións.

Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea pola USC e coordinador de Nomes e Voces, cre que o proceso aberto en Arxentina "obriga, cando menos, a que España afronte o problema", aínda que insiste na "excepcionalidade" vivida no Estado e que explica tamén a nula ou feble reacción das autoridades españolas ante os requirimentos da Xustiza. "Sempre se nos di que aquí non nos comportamos como en Alemaña, onde o nazismo foi condenado e rexeitado, pero os nazis perderon a guerra e nós somos gobernados polos que gañaron a guerra; iso non o podemos esquecer porque iso define tamén os comportamentos diferentes, tanto os de agora como os de antes", engade.

"España foi sempre unha excepción, quedou fóra dos efectos xurídicos de Núrembre e da lexislación por crimes contra a humanidade", di Fernández Prieto

Para Fernández Prieto, España "foi historicamente unha excepción, quedou excepcionada dos efectos xurídicos de Núremberg e da lexislación de crimes contra a humanidade porque seguiu un proceso histórico diferente. A transición e a lei de Amnistía supuxeron, na práctica, unha lei de punto final", unha lei que a causa aberta en Arxentina pretende derrubar. "A situación aberta agora supón alento para as vítimas, sobre todo tendo en conta do país de onde vén, onde se logrou acabar coa impunidade, pero non me deixa de chamar a atención a forma na que se está a recibir este proceso en España", insiste.

Segundo varias informacións, a Fiscalía oponse xa á detención dos ex policías reclamados por Arxentina ao considerar que os presuntos delitos que se lles atribúen están prescritos e arquivados pola lei de Amnistía de 1977. O Estado volve pasar por riba da lexislación internacional por crimes contra a humanidade mentres, pola contra, o país austral ordena abrir todos os seus consulados para continuar recollendo denuncias contra o franquismo. "Un síntoma máis da excepcionalidade que se vive en España", engade Fernández Prieto, que para nada culpa a sociedade da escasa repercusión da causa aberta ou das poucas voces que se alzan pedindo unha reparación de vez. "A xente tamén sufriu todo isto e construíuse unha memoria que responde aos que viviron ou viven na excepcionalidade dun réxime saído dos tempos e da lóxica do fascismo e que aínda se mantén", conclúe.

Ao tempo, a xuíza arxentina agarda resultados á súa petición de busca e captura para declarar dos ex policías Jesús Muñecas Aguilar, Celso Galván Abascal, José Ignacio Giralte e Juan Antonio González Pacheco, Billy El Niño. Mentres, co gallo da visita oficial ao Estado español do Grupo de Traballo das Nacións Unidas sobre Desaparicións Forzadas e Involuntarias, a Plataforma pola Comisión da Verdade (á que pertence a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña), convoca esta semana de mobilización da opinión pública e a sociedade para denunciar ante a ONU "o desamparo xurídico e político que sofren no noso país os e as desaparecidas e nenos e nenas roubadas do franquismo". A resposta do Goberno é, polo momento, silencio. O mesmo que Darío Rivas recibe desde hai máis de oitenta anos.

Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polo franquismo © FSGA
Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.