A Radio Galega destitúe a Luís Rial tras insultar gravemente os seus compañeiros

Luís Rial, xornalista da Radio Galega © CRTVG

A dirección da Radio Galega (RG) decidiu destituír o xornalista Luís Rial, logo de que cualificase en directo de "mangantes" a boa parte dos seus compañeiros e despois de que o comité de empresa pedise "unha resposta urxente" da compañía. Os representantes dos traballadores amosaron o seu rexeitamento e total indignación ante unhas declaracións “lamentables”. Nunha nota de prensa, mostraron a súa “solidariedade con todos os compañeiros, que acoden á empresa  a traballar arreo, independentemente da súa antigüidade” e logo de que o devandito traballador os denominara “mediocres” e louvase o proceso selectivo levado a cabo na CRTVG. Nunha xuntanza entre a directora da RG, o xefe de persoal da CRTVG e o propio Rial, decidiuse de "mutuo acordo" destituír o implicado como director e presentador do seu programa nocturno.

"Os que traballan conseguen froitos, pero os mangantes non", dixo Luís Rial en directo no seu programa

A polémica xurdiu cando o xornalista Luís Rial, no transcurso do programa Pensando en ti, dedicou duras palabras a boa parte dos seus compañeiros na radio pública, aos que chamou “mangantes”. “Os que traballan ao final conseguen os froitos, os mangantes non conseguen os  froitos. (…) Nesta casa, na CRTVG, acaba de haber oposicións, moitos quedarán na rúa dentro de pouco e outros iranse incorporando sucesivamente. Pero, naturalmente, quen vai quedar? Por suposto, os mellores tras unhas oposicións limpas, transparentes onde non existiu a recomendación”, dixo en antena Rial, que defendeu o proceso selectivo que critican boa parte dos traballadores do ente público.

O comité da RG respondeu “rexeitando abertamente” todas as súas palabras e destacando “a falta de ética e de escrúpulos” de Luís Rial, ao que acusan dunha “ofensa flagrante aos seus compañeiros, aproveitando o seu papel mediático nun programa que emite na que de momento é a radio público galega”.

O comité denuncia "a falta de ética e de escrúpulos" de Rial, que "ofendeu" os seus compañeiros aproveitando o seu papel mediático

Ademais, o comité aclara que moitos deses traballadores que cita Rial “non conseguiron os froitos non por falla de méritos e de valía”, senón porque no proceso extraordinario de consolidación “o mérito que primou foi o tempo traballado na empresa”.

Ademais, o comité especifica tamén que “dentro dese baremo non todas as formulacións de contratos efectuados durante dúas décadas foron tidos en conta á hora de avaliar os compañeiros”. “Non son mangantes, senón profesionais que a a diario demostran a súa gran valía”, engade a nota de prensa.

O comité aclara que o mérito que primou no proceso de consolidacón "foi o tempo traballado na empresa"

Na súa invertención en directo, Luís Rial chegou a recoñecer que era “moi forte” o que dicía que asumiu que moitos dos seus compañeiros se estarían “acordando” da súa familia. “Pero me la refanflinga! Porque saben que no fondo estou dicindo a verdade absoluta. Neste momento tan só triunfan os mellor formados, aínda que sempre hai o factor sorte, pero a sorte hai que buscala coa formación, co espírito de traballo e sobre todo coa ilusión”, chegou a dicir o xornalista, que advertiu que a RG "podía ser privatizada, porque é normal". "Se se privatiza, a metade dos que estamos aquí sobramos e van quedar os mellores... Os mediocres, á puñetera rúa", asegurou en directo respondendo a unha oínte.

Así, o comité insiste en que Rial aproveitou un soporte de comunicación público para “ofender, discriminar e desprestixiar as persoas que se presentaron a este proceso de consolidación de emprego”, polo que solicita “unha resposta urxente” por parte da dirección da RG e pídelle que “se pronuncie ante estas barbaridades e graves declaracións”.

Luís Rial, xornalista da Radio Galega © CRTVG
Carta de desculpa de Luís Rial Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.