A 'República da Berxa', unha república de dignidade en Mesía

Antonio Gómez Carneiro (esquerda) no cárcere de El Dueso, en Cantabria © Praza Pública

Carral acollerá este venres unha nova presentación do libro A República da Berxa. Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo, unha investigación do historiador Manuel Pazos GómezAntonio Gómez Carneiro foi alcalde de Mesía durante a Segunda República, despois do golpe de Estado de 1936 permaneceu sete anos agochado ata que se entregou ás autoridades franquistas, e en 1947 volveu ser detido, acusado de axudar a Foucellas e outros guerrilleiros, e pasou seis anos na cadea. Morreu en 1979, convertido nun símbolo do republicanismo en toda a comarca de Ordes. Na presentación (ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Carral), organizada pola Asociación Cultural Cultura Aberta, participará o propio autor, acompañado do profesor da USC Emilio Grandío e de Mini e Mero.

Manuel Pazos, membro da Asociación Cultural Obradoiro da História, de Ordes, levou a cabo unha importante recollida de documentación sobre a historia contemporánea da comarca. Así chegou á historia persoal de Antonio Gómez Carneiro, “unha figura importante” -destaca- “porque a través da súa figura pode coñecerse a evolución social e política dun concello rural como Mesía e por extensión de todo a comarca de Ordes durante todo o século XX”.

Foi unha persoa comprometida co republicanismo e cos valores republicanos durante toda a súa vida. Emigrou a Bos Aires moi novo, dise que para evitar o servizo militar. Alí formouse cultural e politicamente, participando na Unión Galaico Americana. Á volta, atópase de novo co turnismo e coa ditadura de Primo de Rivera, unha realidade moi distinta á que coñecera en Arxentina e decátase das posibilidades que Galicia e España estaban a perder. As súas dúas prioridades cando chega eran a cultura e a educación. El vén comisionado para montar unha escola de emigrantes porque na parroquia da súa muller non había escola.

Era un republicano de esquerda moderada. En 1934 foi alcalde polo Partido Radical, trala vitoria das dereitas nas eleccións. E en 1936 foi alcalde por Unión Republicana, dentro da Fronte Popular

"Por que se volve republicano?" -apunta Manuel Pazos- "Porque a crise social, a crise política, a crise democrática que existía no turnismo e na ditadura, estaba asociada á Monarquía". Era un republicano de esquerda moderada. En 1934 foi alcalde polo Partido Radical, trala vitoria das dereitas nas eleccións. E en 1936 foi alcalde por Unión Republicana, dentro da Fronte Popular. "No seu primeiro período na alcaldía non puido facer demasiado, máis que loitar co control caciquil que se producía a través do secretario do Concello, unha figura que daquela tiña moitísimo poder. Si crea algunha escola, carterías para o servizo de correos, arranxo de camiños e demais", explica. "Cando a Frente Popular gaña as eleccións, el regresa á alcaldía e aí si que afianza a súa loita contra o caciquismo, incrementando a asistencia para pobres, contratando mestres, ou melloras veterinarias", engade.

O alzamento militar de 1936 obrígao a agacharse para salvar a vida. Permanece seis anos refuxiado nun zulo soterrado baixo unha casa na parroquia de Gonzar do Concello do Pino. Non saía de alí agás nalgunha ocasión na que se disfrazaba para que non o recoñeceran. Mentres el permanecía escondido, a súa muller tiña que presentarse todos os xoves no cuartel da Garda Civil de Curtis onde a retiñan horas e horas para que dixera onde estaba o seu home, deixando os seus fillos ao coidado dos veciños. Finalmente, en 1942 entrégase, é procesado polo Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas e é enviado ao cárcere da Coruña.

Non foi esta a última vez que foi preso. En 1947 é acusado de axudar os guerrilleiros Manuel Ponte e Foucellas e é enviado ao penal de El Dueso, en Santander, outros seis anos. Nunha nota manuscrita do 23 de abril de 1947 relataba como lle arrincaran as unllas dos pés, rompéranlle varias costelas e tivérano varios días sen comer.

"Cando sae do cárcere en 1953 el segue sendo republicano e segue sendo un símbolo do republicanismo en Mesía", conta Manuel Pazos. "El poñía o traxe, collía o coche de liña e marchaba á Coruña para participar en tertulias políticas ou culturais, nas que coincidía con moitas das persoas coas que coincidira na cadea. A pesar das dificultades, el facía a súa vida normal, acudía a xuntanzas con vellos republicanos, e mesmo a encontros clandestinos con comunistas, aínda que el non era do PC”, explica. "Era un home de moito carácter e tivo algún enfrontamento con algún crego. Neses casos, cando tiña que pasar por algún acareo xudicial chegaba a afirmar publicamente: 'Eu son republicano, pero por iso xa paguei cadea seis anos, non teño por que seguir pagando por iso'", engade. 

"Cando tiña que pasar por algún acareo xudicial chegaba a afirmar publicamente: 'Eu son republicano, pero por iso xa paguei cadea seis anos, non teño por que seguir pagando por iso'"

“Cando existe unha persoa así nunha aldea, coa súa cultura, é respectada tanto pola xente de esquerdas coma de dereitas”, afirma Manuel Pazos. Nos anos seguintes Gómez Carneiro seguiu traballando no seu muíño, foi tratante de madeira e impulsou a concentración parcelaria en Mesía. Loitou tamén por conseguir unha turbina para levar a luz a varios lugares da zona, e a partir do muíño da Berxa, situado á beira do río Samo, instalou unha das máis importantes centrais hidroeléctricas da bisbarra ordense naquel tempo, a Central Berxa.

"Ao falar da República da Berxa quería referirme a esa república da dignidade que el mantivo durante toda a súa vida"

"Sempre foi un home coñecido, pero nunca se escribira un libro sobre el, recollendo con detalle a súa historia persoal", destaca o historiador, que sinala que "ao falar da República da Berxa quería referirme a esa república da dignidade que el mantivo durante toda a súa vida". Libros coma este non só afondan no coñecemento dunha persoa concreta, senón que axudan a explicar mellor o pasado de todo un pobo e tamén o presente, subliña Manuel Pazos, que salienta que "a historia nunca se repite exactamente, pero si algún dos seus fenómenos". "O bipartidismo ten un antecedente, que é o turnismo. Tamén se repite a fraude electoral que existía a comezos de século, que se facía a través do famoso artigo 29. Hoxe faise a través da lei d'hont ou a través das modificacións da lei electoral para beneficiar un partido. Parécenos que a situación política que vivimos é nova, e non o é tanto", di.

De igual xeito, fai fincapé na importancia do traballo de recuperación e difusión da historia contemporánea, sobre todo daquela que foi silenciada pola ditadura franquista: "A teima de moitas das persoas que traballamos na recuperación da memoria histórica é que se faga xustiza para estas persoas que non se puideron defender, e publicitar o que pasou para vergoña dos culpables do sucedido naquel tempo e dos políticos actuais que seguen empeñados en que a memoria hai que borrala ou esquecela".

Manuel Pazos Gómez Dominio Público Praza Pública
Antonio Gómez Carneiro (esquerda) no cárcere de El Dueso, en Cantabria © Praza Pública
Cartaz da presentación © Asociación 'Cultura aberta'

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.