A ría de Arousa érguese tamén contra a mina de Touro

Zona mineira en Touro onde se prevé o proxecto © Atalaya Mining

A ameaza da mina que a empresa Atalaya pretende reabrir en Touro e O Pino, na conca do río Ulla, segue apañando rexeitamentos. Situados os terreos nunha zona do primeiro dos concellos no que anteriores episodios da minería metálica xa provocaron graves problemas ambientais, varios colectivos, administracións e plataformas veciñais presentaron as súas alegación e mesmo dirixentes populares arrefriaron o seu apoio ante os claros informes sobre a súa afectación. Agora, é o sector do mar da ría de Arousa a que se posiciona contra o proxecto. 

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, asociacións de mariscadoras e bateeiros e de confrarías rexeitan con rotundidade a reapertura da mina

Responsables da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), de asociacións de mariscadoras e bateeiros e de varias confrarías compareceron este sábado para amosar o seu rexeitamento a este proxecto megamineiro polas "graves consecuencias" que tería para a actividade pesqueira e marisqueira na zona. 

Na rolda de prensa, a PDRA considera que permitir a reapertura da mina pode provocar "consecuencias catastróficas" ao tratarse dunha "bomba de reloxería" que podería afectar non só a ría e ao "tecido socioprodutivo arousán"-do que viven 30.000 persoas, lembran-, senón tamén á "saúde pública".

O sector pesqueiro e marisqueiro advirte das "consecuencias catastróficas" para o "tecido socioprodutivo arousán"

O proxecto mineiro, que foi publicado no DOG a finais de agosto, conta con 1.500 alegacións nas que se advirte do impacto nos ríos e regatos, mananciais, explotacións gandeiras e veciñanza. Pero tamén se advirte dos problemas que pode causar no Ulla, que desemboca na ría de Arousa, principal banco marisqueiro do país. Un estudo científico xa advertiu de que reabrir a mina de Touro pode extinguir o salmón no Ulla

Ademais, e tal e como se advertiu na rolda de prensa, o río serve para captar auga potable para moreas de concellos, entre eles Vilagarcía,  Rianxo, A Pobra, Ribeira ou Catoira. O sector marisqueiro e pesqueiro da zona xa enviou cartas ás consellerías do Mar, Medio Ambiente e Industria para poder manter unha reunión cos responsables e deixar "claro" que queren é "parar a reapertura da mina". Tamén presentarán mocións en todos os concellos e levarán a cabo unha campaña informativa entre a cidadanía para dar a coñecer as posibles incidencias da mina de Touro-O Pino na comarca e na súa ría. 

A PDRA presentará mocións nos concellos e fará campaña informativa entre a cidadanía

"É un proxecto de dimensións descoñecidas con grande afectación na ría de Arousa", insistiu o sector do mar, que anuncia que exercerá "presión" para que a apertura da mina "non se leve a cabo". "Faremos a presión que faga falla sobre as administracións", aseguraron tras insistir na "ameaza" que ven nese megaproxecto que continúa apañando voces en contra. 

Panorámica da ría de Arousa CC-BY Antonio Espejo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.