A violencia de xénero en 8 gráficos

Manifestación feminista en Vigo, hai uns meses CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Unha muller asasinada non é un número. As 17 denuncias por violencia de xénero que todos os días se producen en Galicia non son unha estatística. Os case dous mil homes que en Galicia están baixo vixilancia policial porque se determinou que existe un risco obxectivo de que exerzan violencia contra as súas parellas, ex parellas, fillos e fillas cson moito máis que unha cifra. Con todo, estes números e estatísticas serven para dar conta dunha realidade que vai máis aló dun problema individual, dun sistema de dominación e malos tratos moi xeneralizado e do que probablemente só coñecemos un fragmento. O Consello Xeral do Poder Xudicial, o Observatorio de Violencia de Xénero ou o Ministerio do Interior recompilan unha serie de indicadores que amosan a importancia cuantitativa do inferno que sofren milleiros de mulleres en Galicia.

Nos últimos 15 anos 58 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas e ex-parellas

Asasinatos

Nos últimos 15 anos, segundo os datos oficiais do Goberno central, 58 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas e ex-parellas, tres no que levamos de 2018: Ana Belén Varela Ordóñez (50 anos, de Cabana de Bergantiños), María Judith Martins Alves (57 años, A Coruña) e María Magdalena Moreira Alonso (47 años, O Porriño). A cifra é maior se se teñen en conta outros crimes cometidos por homes contra mulleres: clientes de prostitución, familiares... Feminicidio.net elabora unha estatística propia que engadiría outros 22 asasinatos nos últimos nove anos.

Denuncias

Vigo e A Coruña suman o 37% de todas as denuncias por violencia machista

Cada día prodúcense en Galicia máis de 17 denuncias por violencia de xénero, un total de 6.436 no conxunto do pasado ano 2017. A cifra creceu un 23% nos últimos dous anos. Se analizamos os datos por partido xudicial, vemos como os dous únicos que contan cun xulgado específico de Violencia sobre a Muller (A Coruña e Vigo) suman o 37% de todas as denuncias, cando só representan o 25% da poboación galega. As outras cinco cidades galegas engaden outro 30% de denuncias, ficando o resto de Galicia con só un terzo do total, o que pode indicar unha invisibilización da violencia machista na Galicia non urbana.

Só dous Xulgados de Violencia contra a Muller

Galicia só conta con dous xulgados exclusivos de Violencia contra a Muller, en Vigo e na Coruña, tendo o resto de partidos xudiciais tribunais de primeira instancia e instrución compatibles, que realizan estas funcións sen estar especializados. O noso país é un dos territorios con menos xulgados especializados en violencia de xénero, a moita distancia de Andalucía, Madrid, Cataluña e a Comunidade Valenciana, pero tamén por detrás de comunidades con menos poboación, como Canarias, Baleares, País Vasco e Murcia.

Case dous mil homes vixiados pola Policía

O Sistema de Seguimento Integral púxose en marcha en 2007, realizando predicións de risco e emitindo alertas cando se detecte algunha incidencia que poida poñer en perigo a integridade das vítimas. Neste momento están activos en Galicia 3.414 casos e en case dous mil (1.907) a Policía detectou algún tipo de "risco", polo que procede a realizar algunha modalidade de vixiliancia da situación e da actividade do agresor.

Dez chamadas diarias ao 016

Cada día o 016 recibe dez chamadas (pertinentes) dende Galicia. O servizo de información e asesoramiento xurídico en materia de violencia de xénero, gratuíto e que non queda reflectido na factura telefónica nin no historial de chamadas da maior parte dos móbiles, sumou o pasado ano 3.464 consultas dende o noso país.

Crecemento do 50% nas ordes de protección dende o 2014

No 2017 foron aprobadas en Galicia case dúas mil ordes de protección contra presuntos agresores (1.928), seiscentas máis que no ano 2014, o que representa un incremento do 45% en tres anos.

Axudas económicas e para o cambio de residencia

Colectivos feministas e de axuda a mulleres maltratadas insisten na necesidade de que as mulleres que denuncian a violencia machista conten con apoios que lles permitan escapar da dependencia económica dos seus agresores, que en moitas ocasións sofren. Acceso a un emprego, facilidades para atopar outra vivenda para elas e os seus fillos e fillas, recursos económicos inmediatos para facer fronte aos primeiros meses e seguir adiante cos procesos xudiciais son básicos para poder saír destas situacións. O pasado ano en toda Galicia concedéronse 144 axudas para o cambio de residencia e outras 66 axudas no marco do artigo 27 da Lei contra a Violencia de Xénero. 

Agresións sexuais

82 violacións en 2017 en Galicia

Este mércores o Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que establece que a circunstancia agravante de xénero debe aplicarse en todos os casos nos que se agreda a unha muller "polo feito de selo". Unha vella reivindicación do movemento feminista, que tamén reclama que se inclúan como violencia machista as violacións, agresións sexuais, abusos sexuais e acoso, tanto os que se producen no marco dunha relación de parella como os que non. O pasado ano a estatística oficial recolle 82 agresións sexuais en Galicia (44 con penetración), ás que se engaden case 300 casos doutros delitos "contra a liberdade e a indemnidade sexual", que abranguen a trata de mulleres para prostituílas, os abusos ou o acoso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.