A xuíza executa o secuestro de 'Fariña' tras dous anos e medio á venda

Imaxe distribuída por 'Libros del K.O.' tras o inicio do procedemento do secuestro © Libros del KO

O secuestro está en marcha. Dous anos e medio e dez edicións despois, a titular do xulgado de instrución número 7 de Collado Villalba (Madrid), Alejandra Fontana, ditou a providencia para facer efectiva a retirada das librarías e a paralización da reprodución e distribución do libro no que o xornalista Nacho Carretero percorre a traxectoria dos principais clans do narcotráfico galego nos anos 80 e 90 do século pasado. Atende así as pretensións do ex-alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar, que se considera prexudicado polas mencións no traballo ao seu procesamento.

Apenas unha semana despois de que Antena 3 Televisión adiantase a estrea da serie televisiva baseada na obra ao fío, precisamente, da orde de secuestro, a xuíza decidiu facela efectiva. Segundo adiantaron as axencias EFE e Europa Press e recolle eldiario.es, Fontana ditou a orde porque Bea Gondar xa depositou os 10.000 euros que lle foron esixidos como caución para executar a medida. A editorial Libros del K.O. xa recibiu a providencia e á súa vez viuse obrigada a trasladarlla formalmente á distribuidora e á imprenta.

A orde de secuestro do libro afecta aos exemplares xa "producidos", dos que a xuíza dispón a "retirada do mercado" analóxico e dixital e, á súa vez, prohibe tamén a "tradución ou transformación da obra" e a súa "explotación en calquera outra forma". Deste xeito, cabe deducir que mentres estea vixente a restrición ficará paralizada a saída ao mercado da versión en galego do libro, que Xerais prevía publicar este ano.

A xuíza atende a reclamación do ex-alcalde do Grove e ordena a retirada do mercado do libro e a parálise da súa reprodución e distribución; Bea Gondar tenta conseguir medio millón de indemnización

Aínda que dende que transcendeu a orde de secuestro Libros del K.O, admitiu un importante repunte das vendas, a pequena editora resaltara que a medida podía traer consigo un importante prexuízo para a súa actividade. "Para unha editorial pequena é un dano moi grande e que podería ser irreparable", explicou nos últimos días o propio Carretero, quen lembrou ademais que Alfredo Bea só sae reflectido en dúas liñas do libro para referirse a feitos que "foron probados".

A editorial xa recorreu o secuestro ante a Audiencia Provincial de Madrid e só unha rápida resolución do tribunal ao respecto pode evitar un secuestro prolongado. Se isto non sucede, a difusión do libro pode quedar paralizada ata que o xulgado resolva sobre o fondo da reclamación do ex-alcalde, que tenta obter medio millón de euros como indemnización polo que consideración unha vulneración da súa honra.

Procesado, condenado e exonerado 

O litixio de Bea Gondar contra Carretero remóntase a comezos de 2017. Daquela os avogados do ex-político argumentaran que o texto de 'Fariña' relaciona a Bea Gondar con delitos relacionados co narcotráfico sen mencionar que foi absolvido. Nomeadamente, o libro menciona o procesamento de Bea Gondar, que acabaría sendo condenado pola Audiencia Nacional en 2005 por branquear cartos procedentes do narcotráfico. A condena foi anulada no Supremo en 2006 por un defecto formal na declaración dun arrepentido.

Bea Gondar foi condenado en 2005 e absolvido en 2006 por un defecto formal na declaración dun arrepentido

Alfredo Bea Gondar foi figura clave de UCD na provincia de Pontevedra. En 1983 foi elixido alcalde por Convergencia de Independientes de Galicia, pero pouco despois pasou xunto a todos os concelleiros a Alianza Popular, xermolo do actual PP. Volveu ser elixido alcalde do Grove en 1991 como cabeza de lista da Agrupación Vecinal Independiente (AVI), pero non chegou a exercer. Fora o primeiro concelleiro da lista máis votada e a falta de acordo entre as seis formacións políticas no Concello propiciara a súa proclamación malia estar xa detido. Aos tres días, fóralle retirada a condición de rexedor electo ao considerar todos os grupos que a súa ausencia no acto da toma de posesión era inxustificada. Estaba internado no cárcere de Alcalá-Meco por orde do xuíz Baltasar Garzón, e en prisión preventiva como sospeitoso de implicación nun delito de narcotráfico.

Capa de 'Fariña', de Nacho Carretero © Libros del KO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.