A Xunta dá o visto e prace ambiental ao inmenso parque eólico nunha serra virxe da Costa da Morte

Recreación de Adega do futuro parque eólico de Mouriños © Adega

Un conxunto de tres grandes aeroxeradores, cunha altura tope duns 150 metros, na Serra do Gontón --nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños-- e nas inmediacións da Rede Natura. Este é o proxecto que Renovables de Aragón SLU, filial de Naturgy, antiga Gas Natural Fenosa, proxecta ante o esteiro fluvial do río Anllóns e nunha das últimas serras virxes que queda na Costa da Morte. A magnitude e as afectacións denunciadas levaron a numerosos colectivos a presentar alegacións á instalación, que vén de recibir da Xunta o visto e prace á declaración de impacto ambiental (DIA) e superar así os primeiros atrancos e reparos, mesmo por parte do Executivo galego.  

O proxecto prevé tres grandes aeroxeradores, cunha altura de ata 150 metros, na Serra do Gontón e nas inmediacións da Rede Natura

Deuno a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, e xa foi publicado no DOG, pero logo de que a empresa modificase algúns aspectos do proxecto, como a tecnoloxía dos aeroxeradores e das turbinas para diminuír o impacto e logo das eivas e afectacións das que advertiran Sanidade, a Axencia de Turismo de Galicia ou o Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, entidades como Adega, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Arco Iris, Salvemos Cabana, Equo ou En Marea amosaron o seu rexeitamento á iniciativa polo seu impacto ambiental, paisaxístico, arqueolóxico e patrimonial, neste último caso sobre lugares como a mámoa do Pico de Sinde ou ao Castelo de Borneiro. 

Tamén afecta unha serie de miradoiros, como o do Monte Branco e o do Alto da Fernandiña, este último dentro da área de aproveitamento do parque eólico. Segundo o Catálogo das Paisaxes, o parque eólico situáse nas comarcas paisaxisticas de Costa da Morte e Bergantiños, na grande área paisaxística das Chairas e Fosas Occidentais e perto dunha área de especial interese paisaxístico (AEIP), a do Dolmen de Dombate. Tamén supón afectación sobre a fauna, especialmente a unha especie en perigo de extinción como a escribenta das canaveiras, advertindo mesmo o promotor do efecto acumulativo e sinérxico por colisión e efectos barreira sobre a avifauna e quirópteros.

O parque eólico prevía catro grandes aeroxeradores que quedarán en tres, o que permite que estea exento de pagar o canon eólico

O proxecto tiña, no seu inicio, previstos catro grandes aeroxeradores, que quedaron finalmente en tres, o que, como denuncian Petón do Lobo ou En Marea, provocan que que os concellos sobre os que se sitúa "non perciban diñeiro ningún en concepto de canon eólico". "Non deixará nin un euro nos municipios de Cabana de Bergantiños e Zas ao constar de tres aeroxeneradores, o que fai que estea exento de pagar o canon eólico", insiste a formación política. 

Tal e como se destaca no expediente, o parque estará constituido por tres aeroxeradores modelo Vestas V126, cunha altura de buxa de 87 metros, polo que o muíño en total pode alcanzar entre os 117 e os 150 metros aproximadamente. O edificio máis alto de Galicia, a Torre Costa Rica na Coruña, alcanza os 119, mentres que a Torre de Hércules non pasa dos 57. 

Esteiro do Anllóns dende o miradoiro do Pico de Sinde / © Salvemos Cabana

Para En Marea, o parque eólico de Mouriños "é o exemplo perfecto dun modelo pensado para beneficio das grandes eléctricas, alleo ao desenvolvemento económico local, mesmo contraproducente, que non pagará nin un euro de canon eólico, dentro dun país que acaba pagando a factura da luz máis cara do Estado". A formación alerta de que "creará pouco emprego na zona, basicamente na fase de construcción e case nada ou nada na de explotación, con un ou dous traballadores como moito".

 "É o exemplo perfecto dun modelo pensado para beneficio das grandes eléctricas, alleo ao desenvolvemento económico local", denuncia En Marea

Ademais, destaca o "enorme potencial turístico" da zona, o que non impide "que o proxecto pase por riba de todo iso e continúe a súa tramitación" e lembra que a área podería ser parte da ampliación da Rede Natura e, xa que logo, "vetada para a implantación de parques". "De acontecer isto algún día, o parque xa será unha realidade". 

En Marea recorda tamén que, mentres os parques eólicos seguen coas súas tramitacións, continúa paralizada a aprobación das Directrices da Paisaxe, "misteriosamente conxeladas e en trámite ambiental dende decembro de 2016, e cuxa aprobación prometeu Núñez Feijoo para 2017". "Séguese sen poder contar con esta figura de protección" para casos como o relatado, din. 

"Voan os beneficios producidos polo vento, non serve para dinamizar a economía do rural e prevalece o descoido ambiental e paisaxístico"

"A declaración de utilidade pública outorgada sistemáticamente por riba doutros usos, como o agrario, forestal ou turístico, e a declaración de proxecto de especial interese, que acurta os prazos á metade, son dous instrumentos que favorecen as grandes empresas que se dedican á producción eólica, e impiden a defensa dos intereses da maioría", denuncia En Marea, que considera o parque de Mouriños como un proxecto que "insiste no modelo eólico desenvolvido nas últimas décadas en Galiza". "Voan os beneficios producidos polo vento, non serve para dinamizar a economía do rural e prevalece o descoido ambiental e paisaxístico. As empresas aproveitan a normativa aprobada polos gobernos autonómico e estatal para facer un gran negocio que pouco ou nada deixa na economía local", remata. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.