A Xunta demora datos sobre a mina de Touro tras ser condenada a mostrar os de Corcoesto

Terreos da antiga explotación mineira en Touro © Adega

Nove concellos cuxas corporacións se posicionaron en contra, sindicatos, a oposición parlamentaria, asociacións ecoloxistas, veciñanza organizada das zonas máis afectadas, o sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa, continuos informes desfavorables, centos de alegacións... A megamina prevista en Touro e O Pino continúa a apañar rexeitamento e peticións para que a Xunta desestime este polémico proxecto. O último informe solicitado pola Administración, tal e como destaca a plataforma veciñal que lidera as protestas, foi o da Federación Ecoloxista Galega (FEG), que tamén advertiu como desfavorable unha iniciativa cuxas propostas son "inviábeis e insustentábeis"

Despois de que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) emitira xa un estudo no que alertaba do grave impacto do proxecto mineiro, desta vez foi a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a que solicitou á FEG un ditame que non foi menos contundente. Logo de analizar a documentación presentada pola empresa, asegura que as "afeccións hidrolóxicas, ambientais, paisaxísticas e patrimoniais", así como a "destrución e deterioro do tecido socioeconómico (en particular do agro-silvogandeiro)" e a "posta en risco severo da vida e integridade de núcleos de poboación e das fontes de abastecemento de auga para consumo humano e agrogandeiro tornan inviábeis e insustentábeis as actuacións propostas na documentación exposta". 

O informe da FEG encargado pola Xunta desaconsella un proxecto mineiro que cre "inviable e insustentable"

Ademais, a FEG denuncia o intento de Atalaya Mining de "evitar trámites legais, ocultar o impacto global ou minimizar a oposición social" a través do "fraccionamento de proxectos" cando, segundo lembra, no propio informe que presentou no pasado xuño sobre as súas intencións en Touro amosa un plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global proposto pola empresa, un total de 122 km2.

A Federación, que agrupa a maioría das asociacións ecoloxistas activas en Galicia, denunciou tamén a "negativa continua" da Sección de Minas da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria da Coruña en proporcionar copia dos expedientes relativos aos diversos dereitos mineiros, o que impide emitir un informe que permita valorar o conxunto do proxecto, dado que "nin tan sequera foi posible verificar se os dereitos aos que fai referencia a empresa están vixentes ou caducados” e insta ao ente, en base á Convención de Aarhus, a facilitar no prazo de quince días copia íntegra dos expedientes relativos aos dez dereitos mineiros solicitados. A crítica chega logo de que a Xustiza condenase hai unhas semanas a Xunta por ocultar información sobre estes mesmos dereitos mineiros no caso de Corcoesto

A FEG denuncia que a Consellería de Economía se nega a achegar información sobre os dereitos mineiros, como fixo no caso de Corcoesto e polo que foi condenada

Mentres todo isto acontece, o sector marisqueiro e pesqueiro, liderado pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, anunciaba hai dez días que presentaría unha moción conxunta en todos os concellos da comarca para esixirlle á Xunta que "paralice a reactivación da mina de cobre de Touro" polos graves efectos tóxicos que tería a súa explotación no río Ulla e no marisqueo e pesca. Advertiron de "consecuencias catastróficas" do que consideran unha "bomba de reloxería" que podería afectar un "tecido socioprodutivo arousán" do que viven 30.000 persoas. Naquela mesma altura, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores solicitaba á Consellería de Economía se pronuncie "en contra" de darlle autorización administrativa ao megaproxecto mineiro polas súas posibles “repercusións ambientais e produtivas para a ría". 

Nove concellos da conca do Ulla posicionáronse contra a reapertura da mina

Ademais, as corporacións de concellos da conca do río Ulla, como Vilagarcía de Arousa, Lalín, Santiso, Vedra, Rianxo, A Estrada, Teo, Vedra e Vila de Cruces manifestáronse en contra do proxecto, mentres que as de Touro e O Pino "recuaron nas súas posicións iniciais", como lembra a plataforma veciñal. No pleno de Vedra, por exemplo, o pasado venres aínda se acordou instar a Xunta a que desestime a autorización administrativa ao proxecto e que resolva desfavorable a declaración ambiental, ademais de pedir amén que promova "unha completa restauración da antiga explotación mineira, eliminando os focos de contaminación de metais pesados para como mínimo asegurar que esta explotación non comprometa a calidade ambiental do río e da ría". 

Un día antes, o eurodeputado socialista José Blanco presentaba unha pregunta ante a Comisión Europea sobre a afectación da mina prevista no sistema fluvial Ulla-Deza (zona Rede Natura) e a ría de Arousa (Complexo Ons-O Grove e Rede Natura), apelando ao informe da SGHN e inquirindo sobre "a compatibilidade deste proxecto coa lexislación europea en materia de protección da natureza".

Alén disto, e nestes últimos días, os sindicatos maioritarios na comarca de Compostela (CIG, CCOO e UGT) manifestáronse publicamente en contra dun proxecto que, segundo denunciaron, "terá un impacto ambiental inasumible, un impacto sobre a saúde preocupante, un impacto económico negativo e un impacto social que xera unha forte alarma e rexeitamento en toda a contorna". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.