A Xunta presume ante a ONU dos proxectos de memoria histórica que deixou morrer

Representantes de Cultura con Pablo de Greiff © Xunta

A Xunta presume ante a ONU das súas medidas promovidas respecto dos compromisos internacionais en materia de dereitos humanos e na reparación do franquismo. Fíxoo o pasado xoves 29 de xaneiro nun encontro de representantes da Consellería de Cultura Pablo de Greiff, relator especial das Nacións Unidas para a promción da verdade e da xustiza e que tamén se reuniu con vítimas e familiares e con asociacións pola memoria histórica durante a súa visita a Galicia.

Tal e como informa o Goberno galego nun comunicado, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, informaron ao relator da ONU das "principais iniciativas vinculadas coa memoria histórica promovidas pola Xunta de Galicia nos últimos dez anos desde os departamentos de Educación e Cultura". E aí destacaron os programas de recuperación de memoria histórica -organización de cursos, coloquios e outras actividades-, ordes de subvencións a asociacións para a investigación, difusión e homenaxe dos represaliados, así como a "colaboración con proxectos interuniversitarios de investigación sobre a represión franquista durante a guerra e a ditadura", en referencia ao proxectoo Nomes e Voces. Pero nin se cita polo seu nome nin moito menos se fai referencia a que esta recoñecida e inxente iniciativa tivo que pechar o pasado verán por falta de financiamento.

A Xunta informou á ONU das iniciativas vinculadas coa memoria histórica e obvia o peche de 'Nomes e Voces' ou da Fundación Illa de San Simón

Nomes e Voces xurdira en 2006 ao abeiro daquel Ano da Memoria promovido polo Goberno bipartito. Foi un proxecto de investigación que implicou as tres universidades galegas co obxectivo de "estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura e ofrecerlle á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía e da súa posición favorable á democracia republicana". Entrevistas con vítimas e as súas familias, baleirado de milleiros de causas xudiciais e unha abondosa produción científica foi o resultado dunha iniciativa agora paralizada por falta de subvención pública.

Xa a Xunta, o pasado mes de novembro, gabárase de cumprir "o convenio asinado polo anterior Executivo autonómico", cunha achega de "240.000 euros no ano 2009 que permitiron rematar a cuarta fase do programa de accións conxuntas dirixidas a desenvolver a investigación histórica sobre a represión en Galicia". Tamén presumira de asumir en 2010 "as novas necesidades do devandito proxecto", cun novo convenio de 30.000 euros para o "mantemento físico e actualización de contidos da información recollida na base de datos de vítimas da Guerra Civil e da represión franquista". Pero Nomes e Voces tivo que botar o ferrollo e suspender as súas actividades, malia que todo o traballo feito mantense para a súa consulta na web.

O proxecto interuniversitario de investigación tivo que ser paralizada por falta de subvencións públicas

Pero na súa xuntanza co relator da ONU, os responsables da Consellería tamén informaron do proxecto cultural da Illa de San Simón, que entre 1936 e 1943 se convertera nun lugar de reclusión e illamento para milleiros de presos políticos, e que "actualmente conta cun centro de interpretación da historia da illa e un centro de documentación centrado na historia do lugar, a memoria histórica e a cultura do mar".

Porén, hai tan só dous meses, a Xunta admitía que non entra na súa axenda promover acto ningún para lembrar que a illa de San Simón foi un enorme centro de detención e torturas durante o franquismo. Todo logo da extinción da fundación (para "profundar no aforro") que xestionaba as actividades deste espazo, do que agora presume o Executivo como referente de actividades culturais pero onde non se celebra acto oficial ningún pola memoria histórica. Por suposto, nada dixo tampouco a Consellería de Cultura ante o relator da ONU da falta de axudas para a exhumación das vítimas do franquismo nas varias foxas de represaliados que hai no país.

Representantes de Cultura con Pablo de Greiff © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.