A xustiza avala a decisión do Concello da Coruña de poñer fin ás touradas

Manifestación contra as touradas, na Coruña © GMST

O 13 de xullo de 2015 o Concello da Coruña iniciar o expediente de finalización de contrato e suspensión da Feira Taurina. Foi a fin das touradas na cidade despois de dúas décadas nas que este espectáculos estivo sostido en gran medida polas subvencións públicas, achegando o Concello 2.2 millóns de euros en 20 anos para a súa celebración. Tauro Siglo XXI, concesionaria da Feira, recorreu a decisión ante os tribunais, alegando entre outras razóns o valor que a Lei 18/2013 lle confire á tauromaquia como "ben cultural inmaterial".

Tauro Siglo XXI, concesionaria da Feira, recorreu ante os tribunais a anulación do contrato, alegando entre outras razóns o valor que a Lei 18/2013 lle confire á tauromaquia como "ben cultural inmaterial"

Porén, o xulgado contencioso-administrativo nº 2 da Coruña vén de ditar sentenza, recoñecendo o dereito do Concello a finalizar o contrato da feira taurina "por razóns de interese público" e desbotando a argumentación da empresa taurina en relación a esa suposta "sorte de status privilexiado da tauromaquia sobre as restantes manifestacións culturais, que imporía a todas as Administracións Públicas a obriga de emprender políticas activas de promoción da tauromaquia". A sentenza, que pode sentar un precedente importante en litixios semellantes nos que se invoca unha pretendida protección da tauromaquia como ben cultural, subliña a "autonomía" das administracións locais para decidir a programación ou non de espectáculos taurinos.

O ditame si lle recoñece á antiga concesionaria da feira taurina o dereito ao cobro do "lucro cesante" pola finalización do contrato, valorado nun 10% da recadación tomando como base as cifras no ano anterior. Naquela feira só se venderan un terzo das entradas, cunha recadación aproximada de 140 mil euros. Ademais, a empresa poderá recibir unha pequena indemnización como "dano emerxente". En todo caso, moi lonxe das cantidades reclamadas pola empresa taurina: "306.632,50 euros como dano emerxente e 61.326,50 euros como lucro cesante en cada exercicio". No momento da rescisión o Concello xa calculara que lle debía aboar á empresa o 10% do valor do contrato asinado co anterior goberno municipal. A celebración da feira taurina no verán de 2015 teríalle suposto ás arcas municipais un desembolso de 60.000 euros.

A sentenza entra a debater no fondo da reclamación de Tauro Siglo XXI e Tomás Entero Martín: as implicacións prácticas do carácter de "ben cultural inmaterial" das touradas decidido polo Partido Popular no ano 2013, analizando os efectos desa lei e da sentenza do Tribunal Constitucional 177/2016 que declarou "inconstitucional" a prohibición das corridas de touros en Cataluña, unha anulación da lei catalá que se produciu por unha cuestión meramente competencial e non de dereitos fundamentais. Así, aínda que a Lei 18/2013 sinala o deber da Administración Xeral do Estado de "garantir a conservación e promoción da Tauromaquia como patrimonio cultural de todos os españois, así como tutelar o dereito de todos ao seu coñecemento, acceso e libre exercicio nas súas diferentes manifestacións” a propia sentenza do TC subliñaba que "tampouco é razoable entender" que isto "impoña a obriga de manter de modo incondicional unha interpretación que tenda ao mantemento de todas as manifestacións inherentes aos espectáculos tradicionais, como poden ser as corridas de touros, sen ter en conta outros intereses e dereitos protexidos e outros valores culturais, ás veces contrapostos, que han de ser tamén adecuadamente ponderados".

A sentenza vén recoñecer o dereito dos concellos a non programar espectáculos taurinos, sen que esta decisión atente contra a invocada protección da tauromaquia

O xuíz conclúe que "no exercicio lexítimo pola Administración demandada desa autonomía constitucionalmente garantida atópase integrada a opción de resolución do contrato e en tanto que ese acto de ningún xeito impide o exercicio pola Administración Xeral do Estado da competencia na materia que nos ocupa". Esta sentenza coruñesa vén sumarse á ditada o 13 de decembro de 2017 polo Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, en termos semellantes, pois recoñecía o dereito do Goberno municipal de Donosti a non incluír espectáculos taurinos nas súas festas e rexeitaba a tese de que "a exclusión conleva unha prohibición". En resumo, a sentenza vén recoñecer de novo o dereito das administracións públicas -neste caso concellos- a non programar espectáculos taurinos, sen que esta decisión atente contra a invocada protección da tauromaquia.

 

Pobre asistencia ás touradas na Coruña, en outubro de 2014 Dominio Público @sentouradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.