Acusan o reitor da USC de entregarlle á Xunta a autonomía universitaria

Reunión do claustro da USC © USC

Os afectados e afectadas pola suspensión da convocatoria de prazas fixeron pública este luns unha carta aberta ao Consello de Goberno da USC e á comunidade universitaria para denunciar a actación do reitor, Juan Casares, no proceso. O pasado venres unha resolución reitoral anulaba 25 dos 33 concursos de prazas de profesorado contratado doutor e só salvaba oito postos, seis de perfís de investigadores Ramón y Cajal e dous postos de interinos de longa duración.

Na carta aberta denúnciase que o sucedido constitúe "un ataque aberto aos órganos de representación e xestión da USC, e por tanto, un ataque directo por parte de Xunta e Reitor á autonomía universitaria"

Na carta aberta denúnciase que o sucedido constitúe "un ataque aberto aos órganos de representación e xestión da USC, e por tanto, un ataque directo por parte de Xunta e Reitor á autonomía universitaria". Acusan a Juan Casares de "negociar e decidir coa Xunta as actuacións a tomar, ás costas do Consello de Goberno", unha actuación ademais contraria aos acordos tomados en Consello e que incumpre o artigo 82 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela. Polo tanto, denúnciase que con esta actuación Juan Casares asume que é a Xunta, e non os órganos de goberno da USC, quen decide que prazas se convocan a concurso, pasando por riba da autonomia universitaria.

Ademais, critícanlle o terlles "ocultado información" pois na xuntanza que mantiveron o 2 de novebro Casares se comprometera a "negociar para desbloquear a convocatoria íntegra do 21 de Setembro (incluso indicando que poñía o seu cargo neste compromiso)". Porén, o 31 de outubro o reitor da USC e a Xunta acordaron as convocatorias de prazas para 2012 e 2013 e a propia anulación dos 25 concursos. De feito, na anulación parcial da convocatoria o reitor refírese ao acordo tomado o 31 de outubro coa Xunta.

Critícanlle o terlles "ocultado información" cando se comprometeu a "desbloquear" un proceso que xa pechara coa Xunta

Os afectados e afectadas piden a mobilización da comunidade universitaria "para evitar este ataque directo á autonomía universitaria" e conseguir que o Reitor cumpra os acordos tomados polo Consello de Goberno e revogue as dúas resolucións reitorais que non foran sometidas a valoración por parte do mesmo a través da convocatoria dun Consello Extraordinario.

 

Os sindicatos denuncian "a intromisión na autonomía universitaria"

Denuncian que "a intromisión na autonomía universitaria que decide tolerar o reitor abre un camiño sen retorno de intervención externa na que toda a comunidade universitaria vai sair perdendo"

Tamén os sindicatos se posicionan contra a actuacion do reitor. CIG, CCOO, CSIF e UGT emitiron un comunicado conxunto no que afirman que "a decisión unilateral do reitor viola todas as normas de funcionamento democrático da universidade" pois o Reitorado "non pode unilateralmente botar abaixo decisións colectivas". Consideran que existe "unha clara vontade de ocultar información á comunidade universitaria" e denuncian que o Reitorado se negou a facilitarlles a documentación que lle foi solicitada sobre este asunto.

Ademais anuncian que van facer "unha defensa de todas as prazas aprobadas" e afirman que "non parece haber motivación efectiva para a anulación parcial da convocatoria" pois "as prazas que se anulan parcialmente non supoñen apenas incremento orzamentario e son consecuencia de promocións amparadas polo convenio colectivo, os Estatutos da USC e a propia LOU". Denuncian que "a intromisión na autonomía universitaria que decide tolerar o reitor abre un camiño sen retorno de intervención externa na que toda a comunidade universitaria vai sair perdendo".

"As prazas que se anulan parcialmente non supoñen apenas incremento orzamentario"

Os sindicatos anuncian que abandonan a Mesa de negociación sindical e rompen toda negociación coa equipa reitoral "mentras non se produzan cambios radicais no respecto das competencias dos órganos de representación do persoal".

Reunión do claustro da USC © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.