Anciáns de Rianxo piden un centro de día tras meses de encerro e o PP di que non pode “abrir un en cada concello”

Veciños de Rianxo durante a súa protesta ás portas do Parlamento de Galicia Dominio Público Praza Pública

“Non é posible construír un centro de día ou unha residencia nos 313 concellos”. Esa é a resposta que este martes ofreceu no Parlamento de Galicia a deputada do PP Marta Rodríguez Arias á petición que veciños de Rianxo veñen realizando desde hai meses á Xunta para que abra un centro de día na vila. Tras un encerro de máis de dous meses no que están a participar algúns dos propios anciáns, que este martes tamén se desprazaron a Santiago para protestar diante da Cámara, a resposta que obtiveron dos populares é a mesma que veñen escoitando todo este tempo: non está nos plans do Goberno galego e a opción que teñen é a de desprazarse diariamente 20 quilómetros ata A Pobra do Caramiñal.

O centro de día non está nos plans da Xunta e a opción é desprazarse diariamente 20 quilómetros ata A Pobra do Caramiñal

A reclamación dos veciños de Rianxo foi formulada este martes no Parlamento a través dunha proposición non de lei de En Marea á que se sumaron PSdeG e BNG. A resposta dos populares foi que o centro non está entre os seus plans e que “é necesario un estudo previo dos equipamentos existentes e das necesidades reais”. Os veciños de Rianxo pechados na vila din que eles son esas “necesidades reais”, pero os populares lamentan que “neste momento non é posible construír un centro de día ou unha residencia nos 313 concellos” de Galicia.
A popular Rodríguez Arias argumentou que nos arredores de Rianxo hai centros de día en Boiro, A Pobra do Caramiñal e Dodro, de 40 prazas os dous primeiros e 45 o terceiro, entre os que suman 35 prazas libres. Delas, a deputada do PP salientou que o centro da Pobra, a uns 20 quilómetros de Rianxo, foi aberto o pasado decembro e ten “só” 12 prazas ocupadas. A outra opción que ofreceu Rodríguez Arias foi a da axuda no fogar, lembrando que o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela prometeu ao alcalde de Rianxo, o socialista Adolfo Muiños, incrementar o número de horas de que poden dispor os veciños da vila.

A oposición acusa os populares de planificar mal os servizos sociais e primar concellos onde goberna o propio PP

A resposta da oposición foi a de acusar os populares de planificar mal os servizos sociais ao primar con residencias e centros de día a concellos onde goberna o propio PP aínda que non haxa tanta demanda como noutros como Rianxo. Tamén censuraron que os veciños tivesen que estar pechados un mes ata que foron escoitados por algún responsable autonómico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.