As auxiliares de enfermería inician unha protesta de 24 horas no Álvaro Cunqueiro

Concentración das TCAE no vestíbulo do hospital vigués © @montseprado

Ao redor dun cento de auxiliares de enfermaría (TCAE) do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo iniciaron este xoves unha serie de protestas ante a situación de sobrecarga de traballo que sofren, coa imposición por parte da dirección do centro de funcións que -denuncian- non lles corresponden, coma o traslado de bolsas de roupa de sucia ata determinados puntos de recollida. Lembrar que o seu labor é asistencial e que con estas novas tarefas impostas, son os e as pacientes quen quedan desatendidos e desatendidas. As traballadoras mobilizadas tiñan prevista a realización dun peche, pero tralas ameazas da Xerencia do hospital decidiron trasladar a súa protesta ao exterior.

"Dende que recibimos a nova orde estamos a ser coaccionadas, manipuladas e acosadas", denuncian

O conflito iniciouse cando a Xerencia publicou unha orde na que lles asignaba esta función, que non consta nos seus estatutos. As traballadoras portestaron e a dirección do centro reaccionou coa apertura de máis dun cento de expedientes. "Dende que recibimos a nova orde estamos a ser coaccionadas, manipuladas e acosadas dunha forma incomprensible. Vixíannos e acósannos as 24 horas, a Subdireccion de enfermeria fixo quendas para vixiar e tomar nota do que faciamos, creando un estrés e unha tension que complicaban o noso labor asistencial, que en todo momento a pesar do dificil da situación tentamos que non minguase", denunciaron este xoves na asemblea convocada no hospital.

"Esta decisión ten como único obxectivo novos aforros para a empresa privada a custa do persoal do SERGAS que debe dedicar tempo e diñeiro a esta actividade", di a AGDSP

"Eu non sei quen ten que facer este traballo, pero dende logo non é a nosa función. Somos persoal de enfermería, a nosa función é asistencial. Se nos obrigan a levar as bolsas dun lado ao outro estaremos precisamente desatendendo os pacientes. É a Xerencia a que está primando o aforro sobre a atención ao paciente", dicía Miriam Costas, voceira das traballadoras en conversa con Praza. "Cal é o fondo do problema? Que a concesionaria non quere contratar máis persoal e polo tanto opta por cargarnos a nós cun traballo que non nos corresponde", denunciaba. Subliñan que "o Álvaro Cunqueiro é un hospital que como todos sabemos está baixo unha xestión mixta, como lle chaman, en vez de dicir una privatización encuberta, a pesar que se segue definindo como un hospital público. Esta situación leva á externalización de determinados servizos e isto é a base do conflito no que nos atopamos".

A protesta contou co apoio de En Marea, BNG e da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que nun comunicado indicou que "resulta inaceptable que a empresa concesionaria obrigue a persoal do SERGAS a realizar unha actividade que debería realizar cos seus propios recursos" e que "esta decisión ten como único obxectivo novos aforros para a empresa privada a custa do persoal do SERGAS que debe dedicar tempo e diñeiro a esta actividade". "Desde a nosa Asociación anunciamos que a xestión público privada xeraría conflitos e enfrontamentos entre a Concesionaria e a Sanidade Pública dado que a primeira vea unicamente polos seus intereses empresariais e a outra por prestar asistencia sanitaria", lembran a AGDSP.

"Queremos que a ciudadania sexa consciente que a nosa loita se debe a que non estamos dispostas a que mingüe a calidade asistencial para que a Xerencia ou a concesionaria aforren para os seus petos", sinalan as traballadoras

A Comisión de Centro recibiu unha carta asinada polo Xerente do hospital, Félix Rubial, na que as acusa de "perturbar a tranquilidade dun centro sanitario". "Queremos que a ciudadania sexa consciente que a nosa loita se debe a que non estamos dispostas a que mingüe a calidade asistencial para que a Xerencia ou a concesionaria aforren para os seus petos", sinalan as traballadoras, que para sentar a falar coa Xerencia esixen que sexan retirados todos os expedientes abertos e os que están en proceso de saída.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.