As mulleres do sector primario, protagonistas da Axenda Feminista 2017

Presentación da axenda no Culturgal © Observatorio da Mariña pola Igualdade

A sétima edición da Axenda Feminista que todos os anos edita o Observatorio da Mariña pola Igualdade céntrase nesta ocasión nas mulleres do sector primario. Nas súas páxinas dá a coñecer o traballo dunha ducia de mulleres de todo o país, Galegas en leiras de mar e terra, "que dende os seus proxectos vitais e laborais traballan a terra e o mar para alimentarnos". En anos anteriores as protagonistas foron músicas, teatreiras, escritoras ou científicas.

A axenda xa se pode atopar en librarías e outros puntos de venda de toda Galicia e espera repetir o éxito acadado en anos anteriores, nos que a súa tiraxe se esgotou completamente en poucas semanas. A edición modifica este ano o formato de axendas anteriores: tamaño A5, tapa branda, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Mónica Justo, e baséase na figura de Maruxa Mallo, que protagonizará o Sía das Artes Galegas o vindeiro 1 de abril de 2017.

No seu interior podemos coñecer doce mulleres, unha por mes, que desenvolven a súa actividade laboral no campo e no mar: Marta Juncal, bateeira de Vilanova de Arousa; Xulia Bande, viticultora de Leiro; Montserrat Otero, labrega de Lourenzá; Eva Beres, queixeira de Ordes; María del Carmen Suárez, percebeira de Corme-Ponteceso; Anxos Orgueira, produtora de Palas de Rei; Carmen Abad, mariñeira de Xove; Nieves Fernández, gandeira de Viana do Bolo; Beatriz Molanes, redeira do cerco de Cangas; Mercedes Alonso, gandeira de Cotobade; Carmen Formoso, mariscadora de Carnota e Clara Basanta, gandeira de Trabada.

O prezo da axenda son 13 euros e pódese atopar nos seguintes puntos de venta: Ribadeo: Libraría Casa das Letras. Foz: Libraría Bahía. Burela: Libraría Espacio Lector Nobel. Viveiro: Libraría Porta da Vila. Vilalba: Papelería Pergamino 2. Lugo: Libraría Trama. Santiago de Compostela: Libraría de mulleres Lila de Lilith. A Coruña: Livraria Suévia. Vigo: Libraría Andel. Allariz: Aira das letras. Pontevedra: Libraría Paz.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade recibiu en novembro o Premio da Crítica de Galicia, na categoría de Iniciativas Culturais. O xurado salientou que “esta iniciativa afonda no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres". En entrevista con Praza, Lisa Pérez Vázquez, unha das súas responsables, sinalaba que "queremos visibilizar mulleres que lle están achegando á sociedade o seu saber, esforzo e experiencia".

 

Capa da axenda feminista 2017 © Observatorio da Mariña pola Igualdade
Presentación da axenda no Culturgal © Observatorio da Mariña pola Igualdade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.