As obras do AVE arrasan castiñeiros protexidos no Macizo Central

Árbores arrasadas polas obras, en Cerdedelo CC-BY-SA Sociedade Galega de Historia Natural

De novo, infraestruturas a costa da natureza. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de dar a voz de alarma a respecto dun dos efectos ata agora descoñecidos das obras do AVE en Galicia, nomeadamente, ao seu paso polo Concello de Laza. Esta entidade científica vén de detectar que a superficie afectada polo treito Vilariño-Cerdedelo do novo ferrocarril, de 2,3 quilómetros, está a ser moi superior á prevista inicialmente. O proxecto, explican, someteu a información pública, á avaliación de impacto ambiental e posteriormente a expropiación 190.000 metros cadrados. "Pero agora, sen xustificación técnica ningunha, amplíase ata os 450.000 metros", "cunha absoluta falta de respecto á legalidade vixente" que ademais ten consecuencias concretas: leva por diante diversas especies vexetais de importante valor, a comezar por un "excelente souto de castiñeiros en Cerdedelo", en pleno Macizo Central.

Ademais de aos castiñeiros, esta "invasión", explica a SGHN, afecta tamén a diversas nogueiras, ambas especies "en plena produción de froito, fundamentais na economía das vilas de Cerdedelo e Trez". Trátase, din, de "máis de 2.000 árbores de medidas e formación xigantescas, cunha produción promedio de 200 quilos ao ano" que "van desaparecer sen necesidade e sen xustificación se os nosos gobernantes non son quen de pórlle couto" ao qeu está a acontecer. Ao propio valor ecolóxico que teñen engádese, ademais, que entre elas figura "unha árbore extraordinaria", o Castiñeiro de Cerdedelo, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia e, polo tanto, protexido pola Xunta.

As obras levan tamén por diante 3.000 árbores de ribeira incluídos no LIC do río Támega

Pero a "destrución" non queda aí. Segundo as comprobacións realizadas sobre o terreo pola SGHN "o desprezo pola riqueza do territorio galego" está tamén a arrasar na zona "perto de 3.000 árbores de ribeira como freixos, amieiros, bidueiros e outras especies de vital importancia para os cauces altos dos ríos de montaña" que se inclúen no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) do río Támega. "É lamentable a esacasa sensibilidade ambiental que se demostra a cotío en Galicia", lamentan, "cando un feito como o presente sería impensable, por exemplo, en Catalunya".

Todo isto vén de ser posto en coñecemento directo do subdelegado do Goberno central en Ourense, do director xeral de Ferrocarrís, do xefe territorial de Medio Ambiente en Ourense e do secretario de Estado de Medio ambiente a través de senllas cartas nas que a Sociedade reclama a "paralización cautelar inmediata e por vía de urxencia dos traballos" na zona que excede a incluída na declarción de impacto ambiental, "a depuración, no seu caso, das responsabilidades legais que correspondan", aśi como "toda a información" que as Administracións públicas teñan "a respecto do tema", en virtude das leis galega e estetal "que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente" e, no caso galego, a Lei de Transparencia de 2006.

A SGHN inicia este proceso "para esixir que tamén no interior de Galicia" se cumpra "coa Constitución, coa lexislación ambiental, co Código Civil" e coas demais leis vixentes, "que é o mínimo que sempre pide" a entidade "para calquera actuación", din. Ademais, esta reclamación, din, implica tamén "esixir respecto para os galegos indíxenas -ironizan- que teñen a valentía de coidar e vivir no rural e do rural e para a dignificación da súa propiedade", nun contexto no que "tamén dende o simple punto de vista económico" o que está a contecer é "unha burla aos propietarios", xa que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) "valora as superficies con castiñeiros en produción" en 1,40 euros o metro cadrado, cifra "que deixan patente constancia de que os danos á paisaxe, ao entorno" e a propia natureza "xa nin se valoran".

Árbores arrasadas polas obras, en Cerdedelo CC-BY-SA Sociedade Galega de Historia Natural
Mapa das obras e das zonas expropiadas CC-BY-SA Sociedade Galega de Historia Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.