"As pensións públicas son un dereito universal, un tema que afecta a todo o mundo e non só á xente maior"

Será a primeira manifestació das Marchas da Dignidade na Coruña Dominio Público Marchas da Dignidade

O 62,9% dos e das xubiladas galegas reciben pensións que se atopan por debaixo do limiar da pobreza, unha situación que afecta sobre todo ás viúvas, pois 8 de cada 10 viven con menos de 667 euros mensuais. Mesmo con estas cifras -as máis negativas de todo o Estado- os e as pensionistas convertéronse nos últimos anos na táboa de salvación de moitas familias afectadas por situacións de desemprego ou de gran precariedade laboral. As pensións, ata agora relativamente a salvo dos recortes, crecen por debaixo do IPC, unha situación que se pode manter nos vindeiros anos. E dende hai tres anos as contías das pensións dos novos xubilados están totalmente conxeladas. Todo nun contexto de grande incerteza de cara ao mantemento do actual sistema público de pensións que, mesmo alongando a idade de xubilación e incrementando os anos requiridos para acceder ao pagamento completo, presenta unha gran fraxilidade por mor do baleirado do fondo de reserva da das pensións levado a cabo polo PP.

Este é o marco no que as Marchas da Dignidade convocan a súa nova mobilización de ámbito galego, que terá lugar este sábado na Coruña, baixo o lema Coas nosas pensións non se negocia. "As pensións públicas son un dereito universal, un dereito de toda a cidadanía. E son un tema que afecta a todo o mundo e non só á xente maior", destaca Santi Lamelo. "Por suposto á xente que xa está xubilada ou que está a piques de facelo, pero tamén á xente nova que por culpa do desemprego e da precariedade cotizou moi pouco tempo e comeza a ver complicado chegar ao número de anos esixidos", di, sinalando a situación especialmente difícil na que se atopan algúns colectivos, coma os emigrantes retornados ou moitas mulleres, "que reciben pensións moi precarias, puramente de subsistencia, que non ofrecen medios para vivir con dignidade". As pensionistas galegas cobraban a finais de 2015 unha media de 594 euros ao mes, fronte ao 940 euros dos varóns.

"As pensións afectan tamén á xente nova, que por culpa do desemprego e da precariedade cotizou moi pouco tempo e comeza a ver complicado chegar ao número de anos esixidos"

As Marchas denuncian "a degradación calculada dos dereitos sociais" e "a demolición progresiva dos servizos públicos", o que dá como resultado "un preocupante perfil de pobreza, precariedade e vulnerabilidade dos e das pensionistas, vinculada a unha estratexia para favorecer ás pensións privadas, favorecendo o lucro do sector bancario". "Os medios do sistema repiten que a xente nova é a que mantén as pensións da xente maior. Iso é unha falsidade: as pensións de cada un, págaas esa persoa ao longo da súa vida laboral co que lle descontan da súa nómina todos os meses", sinala Lamelo.

Este 25 de febreiro haberá mobilizacións en toda España, agás Andalucía, onde se celebrarán o día 28. A manifestación galega recibiu o apoio dos plenos municipais de Compostela e da Coruña, que aprobaron senllas mocións. Tamén o do Movemento galego pola defensa das pensións públicas, que terá un papel protagonista no acto. "A Troika, é dicir, o poder económico, segue a mandar sen que ninguén os elixira para iso, e xa están a pedir recortes nas pensións, sanidade, educación e servizos públicos en xeral. Piden recortes de máis de 8.000 millóns de euros mentres o Estado rescata autoestradas de empresas amigas", subliñan as marchas, que destacan que a"a loita institucional non pode frear a Troika, é necesaria a mobilización social para facerlles fronte. As institucións so poden chegar ata un punto, se chegan, a rúa ten que chegar moito máis aló".

"Dise que a xente nova é a que mantén as pensións da xente maior. Iso é unha falsidade: a pensión de cada un págaa esa persoa ao longo da súa vida laboral co que lle descontan da súa nómina todos os meses"

As Marchas da Dignidade volven á rúa, tralas mobilizacións de maio (Lugo) e novembro (O Carballiño), e despois de dous anos marcados pola sucesión de convocatorias electorais. "Os períodos electorais afectaron ao nivel de mobilización, tanto pola maior confianza no traballo institucional coma pola propia limitación de forzas, porque hai moitas persoas que están metidas en varias cousas á vez e deben repartir o seu tempo e as súas enerxías", recoñece Lamelo que, con todo, subliña que "as Marchas sempre estivemos aí". "Esperamos que a xente se decate de que o que sucede nas institucións non vai solventar todos os problemas. Ese non é o único camiño. Defendemos a loita na rúa como o método para cambiar o estado de cousas, porque é a forma de desbordar a acción das institucións", conclúe.

Dúas columnas

A manifestación estará composta de dúas columnas. A primeira, conformada polos e polas participantes de Ourense, O Carballiño, O Ribeiro, Vigo, Morrazo, Pontevedra, Arousa, Barbanza, Compostela e A Estrada-Lalín, partirá do Pazo da Ópera ás 12 do mediodía. A segunda, cos e coas asistentes da Coruña, Ferrol, Monforte, Sarria, Lugo e a Mariña, sairá do Campo da Leña á mesma hora. Ambas as dúas uniranse na Praza de Ourense. Dende alí marcharán xuntas polos Cantóns, ata rematar nos Xardíns de Méndez Núñez. Alí lerase o manifesto da convocatoria, nun acto conducido e amenizado por Lois Pérez Díaz no que cantarán Antón Valcarce e Manolo Bacallau e que contará coa música de Lucía Aldao e de Fanfarria Taquikardia, que acompañará a manifestación en todo o seu percorrido.

Cartel da manifestación deste sábado © Marchas da Dignidade
Representantes das marchas, este luns no Concello da Coruña © Concello da Coruña
Itinerario da Columna 1 Dominio Público Marchas da Dignidade
Itinerario da Columna 2 Dominio Público Praza Pública
Itinerario conxunto das dúas columnas Dominio Público Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.