As vítimas de violencia de xénero menores de 25 anos aumentaron un 31% dende o 2012

Vítimas de violencia de xénero en Galicia por grupo de idade, de 2011 a 2016 Dominio Público Praza Pública

O Instituto Nacional de Estatística publicou este xoves a Estatística de Violencia de Xénero correspondente ao ano 2016, na que se advirte un gran incremento no número de denuncias presentadas en Galicia con respecto ao anterior, pasando das 1.187 ás 1.280, rompendo así unha tendencia de catro anos consecutivos de descensos no número de casos incoados (dende os 1.368 de 2011), unha diminución nas denuncias que distintas análises explicaron como un efecto da crise económica e dunha maior situación de dependencia dalgunhas mulleres con respecto ás súas parellas.

Analizando a estatística dos últimos cinco anos, advírtese un incremento das denuncias realizadas por menores de 25 anos. Eran 202 en 2011 (o 14,7% do total), descendendo en 2012 ata as 152 (11,7%). Porén, nos últimos catro anos veñen experimentando un incremento sostido: 161 en 2013 (12,85%), 165 en 2014 (13,6%), 190 en 2015 (16%) e 200 en 2016 (15,63%). Dende o 2012, o número de denuncias realizadas por mulleres menores de 25 anos creceu case un terzo (31%), a pesar da caída do peso relativo dese grupo de idade sobre o total da pobación galega.

Con todo, a franxa de idade con máis casos segue a ser a de 25 a 44 anos, con 749 casos en 2016. Entre os 45 e os 65 rexistráronse 283 denuncias e 48 por riba desa idade.

En 2016, a maior parte das denuncias foron dirixidas cara a homes que aínda nese momento eran conxuxes (305) ou parellas de feito (242), máis que cara a ex-conxuxes (72) ou ex-parellas de feito (235). Unha parte das denuncias atinxiu tamén a mozos (155) ou ex-mozos (243).

A infracción penal imputada con máis frecuencia aos acusados de violencia de xénero en Galicia foi a de lesións (796 casos). Con todo, chama a atención que nos últimos anos veñen crecendo as denuncias por ameazas, por torturas e integridade moral e por coaccións, situacións que adoitan producirse en paralelo ás agresións físicas e nos momentos anteriores a que estas se executen.

O número de medidas cautelares adoita evolucionar seguindo unha tendencia semenllante á experimentada polo número de denuncias. Con todo, cómpre sinalar que en 2016 o número total de medidas cautelares penais ditadas en Galicia (2.860) foi inferior ao de 2012 e 2013 (2.921), cunha cantidade menor de denuncias neses anos. O uso de instrumentos tecnolóxicos de verificación de aproximación segue a ser resuidual e a cantidade de medidas de prisión provisional ditadas (66 en 2016) móvese no 5% do total de casos de violencia de xénero denunciados.

En 2016 houbo un total de 1.048 condenas por violencia de xénero en Galicia (996 en 2015) e 150 absolucións (196 en 2015). Nesas condenas, 594 incluíron penas de prisión e outras 44 a obriga de localización permanente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.