"Botamos en falta que o alumnado reciba información sobre as agresións que sofre a paisaxe e o territorio"

Balsas mineiras no Monte Neme © Salvemos Cabana

A asociación ambiental e cultural Petón do Lobo vén de editar o libro O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida. A publicacion repasa a historia e o simbolismo deste espazo, situado entre Carballo e Malpica, tamén a súa traxectoria mineira, que se iniciou a comezos do século XX, extraendo dela volframio, estaño e mesmo arsénico. 

Finalmente, analiza a súa situación actual, coa existencia aínda de grandes balsas de residuos que son vistas con preocupación pola poboación da contorna. Cómpre lembrar que no ano 2014  a balsa rompeu, provocando a vertedura de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica). "Hoxe continúa todo igual e os núcleos de poboación ao pé do monte utilizan para consumo doméstico a auga que baixa do monte. Quen está a medir os metáis pesados que teñen estas augas?", pregúntase a asociación, que esixe do Goberno galego "a restauración integral da canteira" e mais "a drenaxe e selado das balsas tóxicas", toda vez que a empresa propietaria da mina declarou a quebra económica.

A obra, que se pecha cunha unidade didáctica para a mocidade, co obxectivo de que se use nos centros de ensino, será distribuido gratuitamente a partir do mes de xaneiro entre os departamentos de ciencias dos institutos de Secundaria da comarca de Bergantiños e, igualmente a todos aquels que demande un exemplar. O libro inclúe, ademais, un medidor portátil do pH da auga. Falamos con Ana Varela, coordinadora da obra.

O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida © Petón do Lobo

"Filtracións sempre hai. Ti pensa que debaixo das balsas non hai ningunha xeomembrana que impida que pasen as augas cara ás capas inferiores"

Como é neste momento a situación da balsa? Segue habendo filtracións?

Filtracións sempre hai. Ti pensa que debaixo das balsas non hai ningunha xeomembrana que impida que pasen as augas cara ás capas inferiores. A xente de Razo e Baldaio, que obtén a auga de pozos que veñen directamente do monte, dinnos “Que é o que estamos bebendo nós realmente? Quen está medindo a calidade destas augas?”. 

Como valorarades a actuación do Goberno galego?

A Xunta está facéndose o sueco. Está claro que non vai pasar nada por bañarse unha vez na balsa, pero si pode pasar se durante anos estás bebendo esas augas. A empresa que xestionaba a mina xa non existe. Polo tanto, esixímoslle á Xunta, como responsable subsidiaria, a restauración integral da canteira, a drenaxe e o selado das balsas tóxicas. Xa no ano 2009 a Xunta encargoulle á empresa Norcontrol a realización dun inventario de balsas e escombreiras mineiras de Galicia. E o seu informe alertaba do problema da balsa do cumio do monte, que xa naquel ano presentaba algún problema en canto á estabilidade.

"Esixímoslle á Xunta, como responsable subsidiaria, a restauración integral da canteira, a drenaxe e o selado das balsas tóxicas"

Dentro da historia mineira do Monte Neme destaca a etapa na que se extraeu volframio, especialmente durante a Segunda Guerra mundial. Que efectos tivo na comarca?

A minería do volframio trouxo moitos beneficios para unhas poucas persoas, pero a xente pouco se beneficiou dela. Trouxo, ademais un auxe do bandolerismo na comarca, algo do que nunca se fala. E nunca se fala tampouco de que aquí se extraía tamén arsénico para exportalo a Alemaña durante a querra. Para que querían arsénico os alemáns? Pois para utilizalo para matar, como tricloruro de arsénico ou con anhídrido arsenioso.  

Sinalades no libro a orixe sacra do monte, cunha rica historia castrexa á que se engadiron despois os cultos cristiáns. Que destacarías?

O nome completo é Monte Ginedo e Neme, que son nomes que fan referencia á muller, sinalando que este puido ser un lugar de uso exclusivo das mulleres. Alí foi atopada a Arracada de Cances, unha peza de ourivaría castrexa depositada inicialmente no Museo de Pontevedra en 1957, e que está fortemente relacionada coa simboloxía que encerra o monte. Acabamos de solicitarlle á Deputación da Coruña que intermedie para que a Arracada sexa trasladada ao Museo Comarcal de Carballo, para achegala máis ao seu contexto. Moita xente da comarca descoñece que aquí se atopou unha xoia destas características. 

"Acabamos de solicitarlle á Deputación que intermedie para que a Arracada sexa trasladada ao Museo Comarcal de Carballo"

E pedimos tamén a inclusión do Monte Neme no Parque do Megalitismo da Costa da Morte, porque consideramos que sobran os argumentos para que un monte mítico como este mereza tal consideración. Isto daríalle pulo a súa conservación e posta en valor. É apaixonante, ademais, a microtoponimia presente neste lugar, no que existen por exemplo ducias de fontes (Fonte dos Espellos, Fonte dos Cristais...), que remiten a un imaxinario máxico e ao culto ás augas que existiu aquí.

Vista do cumio do Monte Neme dende o extremo dunha das concesións © Salvemos Cabana

O libro acompáñase dunha unidade didáctica. A quen vai dirixida?

Botamos en falta que os rapaces da comarca non reciben información nos centros de ensino sobre as agresións que sofre a paisaxe e o territorio. O que queremos facer é achegarlles esta información, para que coñezan o que foi a historia do extractivismo no Monte Neme e que saiban a orixe desta lagoa, por chamarlle así.  

E inclúe mesmo un medidor de pH... Por que?

En realidade é un medidor portátil, moi barato, pero que aos rapaces válelles perfectamente para medir a pH das augas, e aprender as diferenzas entre as augas acedas e as augas básicas, ver como reaccionan a uns e outros materiais e coñecer a orixe desas cores azuis e verdes que presenta a balsa.

"Na balsa de residuos do Monte Neme, que é dun azul moi bonito, a xente chega a bañarse nas augas E a Xunta cae na tentación de promocionalo turisticamente"

Aínda o pasado ano a Xunta chegou a difundir unha imaxe da lagoa no marco dunha campaña turística, que finalmente tivo que retirar ante as protestas...

Non se pode confundir a beleza da natureza cos efectos da minaría irresponsable. Na balsa de residuos do Monte Neme, que é dun azul moi bonito, a xente chega a bañarse nas augas, cando a realidade é que esas augas proceden da drenaxe aceda da mina e conteñen unha gran cantidade de metais pesados, bioacumulativos e daniños para a saúde. E a Xunta cae na tentación de promocionalo turisticamente, como sucedeu o pasado ano.

E, ollo, non sucede só o Monte Neme. Noutros puntos de Galicia hai outras balsas de residuos que se están a sinalar como atractivos turísticos. Pensa por exemplo no Lago de Cartelle, na Lagoa de Pedras Miúdas en Catoira, o Lago de Ventoxo en Forcarei... E o mesmo pasa en Lousame, en Triacastela... Como vas converter isto nunha atracción turística?  

Imaxe da campaña publicitaria que usou as balsas do Monte Neme como reclamo publicitario, finalmente retirada pola Xunta © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.