Cando a antiga gardaría da vila torna en centro para maiores

Edificio da antiga gardaría infantil de Cee © Que pasa na Costa

A situación demográfica do Concello de Cee non é das peores do país. A súa poboación mantense estable na contorna das 7.500 persoas dende hai décadas e aínda que seu saldo vexetativo -a diferenza entre nacementos e mortes- é negativo, é moito mellor que o doutros moitos concellos galegos. Durante os anos previos ao estourido da crise este panorama mesmo mellorou un chisco no municipio ceense e o número de nenas e nenos menores de 4 anos achegouse aos 300. Nese tempo o goberno local impulsou a creación dunha segunda escola infantil no municipio que, tras diversos atrasos, non abriu ata 2012 e non para sumarse á xa existente, senón para substituíla.

Dun xeito simultáneo a esta remuda chegaron os plans para a vella escola, que abrira en 1999. E case dende o inicio as diversas propostas apuntaron nunha mesma dirección: tornar o edificio nun centro de día para persoas maiores. O metafórico cambio tiña como obxectivo atender a crecente demanda de atención aos habitantes máis anciáns da vila, onde cando abriu a primeira escola infantil vivían unhas 1.700 persoas maiores de 65 anos e cando finalmente estivo preparada a segunda eran máis de 2.300 e na actualidade, unhas 2.000, segundo o IGE.

Tras abrir a segunda escola infantil da vila o Concello de Cee pechou a primeira e agora disponse a abrir no antigo edificio un espazo de atención á poboación anciá

A promesa do centro de maiores gañou intensidade a partir do ano 2012, cando o PP chegou á alcaldía a través dunha moción de censura que o Bloque local apoiara para desbancar do poder ao independente Ramón Vigo pola súa presunta implicación no caso Orquestra, trama de presunta corrupción aínda pendente de xuízo. A daquela conselleira de Benestar, Beatriz Mato, anunciouno en vésperas das eleccións municipais de 2015, aínda que o plan non chegou a concretarse e esta mesma semana o propio Vigo, en declaracións a Radio Voz, asegurou ter avanzado o proxecto para, en colaboración cunha asociación local, abrir na vella gardaría "un centro de atención á terceira idade, algo así como a antesala do centro de día que presta servizos similares".

Os últimos 22 anos da vida en Galicia, con limitacións

O elocuente cambio de usos do edificio da vella escola infantil ceense suscitou reaccións na vila e nas redes sociais, casualmente, nas xornadas previas á publicación polo Instituto Galego de Estatística do seu estudo sobre "esperanza de vida sen limitación". Este traballo tenta, xunto aos habituais valores de expectativa vital -que en Galicia non deixan de medrar- "estimar o número medio de anos que pode esperar vivir unha persoa sen limitación e sen limitación grave". Isto é, para poder desenvolver de xeito autónomo e sen axuda externa as actividades da vida cotiá, o que implica ir alén de "reflectir o impacto da mortalidade" para poñer o foco tamén nas "condicións de saúde".

A esperanza de vida sen limitación grave sitúase no país nos 79,6 anos, segundo o IGE

Segundo os datos feitos públicos polo IGE a poboación galega precisa, de media, axuda para realizar algún tipo de actividade durante practicamente os últimos 22 anos da súa vida, toda vez que a esperanza de vida media no ano 2014 -referencia para o estudo- era de 83 anos e a esperanza de vida sen limitación, de 61,2 anos. No caso das limitacións graves o período estimado é moito menor, un chisco por riba dos 79 anos e medio.

Aínda que a esperanza de vida sen limitacións é moi semellante entre homes e mulleres, en ambos casos arredor dos 61 anos, este valor varía notablemente ao estudar as limitacións graves. Os homes viven en Galicia unha media de 79,8 anos e dende antes dos 77 padecen limitacións graves, di o IGE. Mentres, as esperanza feminina de vida supera os 86 anos e as limitacións graves chegan a partir dos 82.

Edificio da antiga gardaría infantil de Cee © Que pasa na Costa

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.