Cerceda gaña puntos para acoller en Sogama a incineradora prevista no Irixo

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

"O concello ourensán do Irixo acollerá a planta de tratamento que dará servizo aos concellos do sur de Galicia". Así anunciaba a Xunta, o pasado mes de decembro, que a nova incineradora de lixo prevista para Galicia acabaría neste concello ourensán. Máis de seis meses despois, e logo das protestas veciñais e ecoloxistas da zona, do rexeitamento da propia Deputación de Ourense e do atraso e as dúbidas cada vez máis evidentes de Estela Eólica -compañía encargada de levar a cabo o proxecto- a denominada Sogama do sur semella que quedará na nada. Será Sogama a secas.

Así o aseguran fontes coñecedoras do proxecto e das últimas negociacións do Goberno galego. Estela Eólica foi unha das empresas beneficiadas polo reparto de megavatios no último concurso eólico da Xunta, pero a cambio debía presentar un plan industrial asociado que rematou nunha proposta para engadirlle a construción dunha planta de lixo que descentralizase o tratamento dos residuos no país. A eliminación das primas ás renovables, as dúbidas da Xunta ante o rexeitamento veciñal e político -incluso desde o propio PP- e as dificultades económicas van camiño de paralizar o proxecto.

As dúbidas da Xunta ante o rexeitamento veciñal e do PP en Ourense van camiño de paralizar a Sogama do sur

O Executivo galego, de forma máis ou menos indirecta, xa non descarta unha nova ubicación e as posibilidades de que Cerceda acabe asumindo os residuos é cada vez máis grande. Abondaría cunha ampliación da planta de Sogama, a grande área de tratamento de residuos de Galicia. “Creo que acabará alí e de feito xa houbo xuntanzas para artellar esta posibilidade”, recoñece unha fonte sabedora das negociacións. E vai máis aló: “Os dirixentes de Sogama estarían encantados coa idea”.

"Os dirixentes de Sogama estarían encantados coa idea de que a planta acabase en Cerceda"

O propio alcalde de Cerceda, José García Liñares, xa se reuniu co conselleiro de Industria, Javier Guerra, para tratar o tema. E disque tamén houbo reunións nesta mesma semana co presidente de Sogama, Luís Lamas, consciente de que a posibilidade de que a planta que dirixe asuma finalmente os residuos é cada vez máis grande. Nunca puxo moitos reparos a esa posibilidade.

“A Xunta ten xa case asumido que o proxecto de Estela Eólica non vai ir adiante e que apostar agora por outro concello do sur traería consigo moitas protestas e rexeitamentos”, engaden as mesmas fontes. Nin tan sequera a posibilidade de que Cespa, filial de Ferrovial, colaborase na construción da planta semella xa unha opción para Estela Eólica, que oficialmente di que segue adiante coa súa idea inicial. Feijóo, no entanto, ve cada vez máis factible a opción de Cerceda.

O alcalde de localidade non di nin si, nin non nin todo o contrario, pero non rexeita nada. “O primeiro estudo para unha posible ampliación xa se fixo hai oito anos;  hai que ter en conta que en Cerceda xa tes unha infraestrutura montada e no outro non si. É verdade que se pode abaratar o transporte, pero tamén hai que competir en prezos e conseguir reducir os custos non é tan doado”, di García Liñares, que engade outro argumento a favor da súa vila: “Nós xa sabemos do rexeitamento que provoca entre a poboación, pero xa pasamos por iso, xa o aturamos... Convencemos moita xente e levaríamolo mellor”.

O alcalde de Cerceda abre as portas da súa localidade á planta: "Xa temos a infraestrutura montada"

E hai outro factor a favor. Nestes momentos, Sogama conta cun exceso de persoal que habería que recolocar. A ampliación da planta sería o proxecto ideal para poder dar traballo a todos eses empregados da planta que ven reducida a súa actividade nos últimos meses. E a maioría xa son cualificados. Ademais, podería ofrecer máis emprego nestes tempos nos que o paro é o grande problema na meirande parte das comarcas galegas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sabe que Cerceda traeríalle menos problemas e xa non descarta nada. O único atranco que lle quedaría sería o Plan de Residuos de Galicia, que habería que modificar ao establecer que a nova planta debería instalarse nalgún dos concellos do sur do país. Porque non parece que sexa así. Nestes momentos, o máis probable é que a Administración galega acabe por recuperar o control da planta e decida ampliar a da localidade coruñesa. Nese caso, a Sogama 2 sería tan só unha Sogama Plus.

O propio conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, xa aclarou este martes que a Xunta non ten "noticias respecto das intencións e do proxecto que pretende executar" Estela Eólica. Por iso, indicou que a consellería "loxicamente terá que reflexionar coa situación que se abre agora", tras asegurar que a empresa "non cumpriu" co pactado coa Xunta e asume que o Goberno terá que variar o o Plan de Residuos de Galicia para poder cumprir co que agora parece a principal opción: ampliar Sogama.

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama
A protesta contra a instalación da incineradora advírtese en distintos lugares do Concello do Irixo CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.