Coia: tempo de festa e tempo de reflexión sobre o pasado do barrio

Avenida de Castelao, en Coia CC-BY-SA HombreDHojalata

O vindeiro 21 de xuño, coincidindo coa festa da Bouza, o blog Alicerces e a ODS de Coia organizan un faladoiro no que tres habitantes do barrio dende hai décadas, Ángel Vila, Manolo Pipas e Marisa Andrade, falarán sobre a evolución deste espazo. En Alicerces dan conta deste faladoiro, que se celebrará no parque da Bouza (na zona da carballeira próxima á rúa Cronista Rodríguez Elías) a partires das 12:30 horas, e dos seus obxectivos.

Tres habitantes do barrio dende hai décadas, Ángel Vila, Manolo Pipas e Marisa Andrade, falarán sobre a evolución deste espazo

Ademais da troula, a convivencia e a reivindicación, haberá un intre para botar a vista atrás e escoitar o que nos teñen que contar persoas veciñas da Coia antiga (a parroquia tradicional anterior á construción do polígono de vivendas a principios dos anos 70). Achegarán as súas vivencias como xentes que xa estaban no barrio antes de se converter no polígono: como viviron a súa construción, que trocos supuxo para eles o paso dunha parroquia tradicional a un barrio residencial, que botaron en falta en toda a transformación, como asimilaron a chegada de miles de persoas á súa parroquia…

En Coia viven ao redor de trinta mil persoas. Un barrio, unha pequena cidade dentro doutra cidade, que constitúe a columna vertebral de Vigo, e que malia a súa densa urbanización, até hai relativamente pouco (os anos sesenta) era aínda unha zona rural, unha das tantas parroquias do Val do Fragoso. A súa construción e crecemento reuniu varios dos elementos que caracterizaron o desarrollismo e o desenvolvemento urbano na España tardofranquista: urbanización acelerada, insuficiencias dotacionais, elementos de marxinalidade e, fronte a todo isto, a organización e loita da veciñanza, organizada en asociacións e plataformas co obxectivo de que o barrio fora un suxeito activo do seu propio desenvolvemento integral.

Ángel Vila, Manolo Pipas e Marisa Andrade falarán, polo tanto, dese choque brutal que supuxo o desmantelamento da freguesía tradicional (a partir dos anos 60), e como en moi poucos anos cambiou o aspecto do barrio, pasando de ser unha zona netamente rural a un barrio urbano. Unha paisaxe que permanecera inalterada durante séculos da noite á mañá transformouse nunha cidade cidade-dormitorio.

Para a veciñanza da Coia “antiga” os cambios foron moitos e moi rápidos: construción de torres onde antes existían leiras, crecemento explosivo da poboación coa chegada de familias que viñan a traballar na industria

O punto de partida deste cambio está no Plan Nacional da Vivenda (1961-1976), concretamente no desenvolvemento do Plan Parcial de Coya de 1963 que decretaba a expropiación de fincas rústicas e a súa conversión en solo residencial, co obxectivo de crear preto de 9.000 vivendas. Séculos de existencia dun modo de vida rural quedaron de súpeto truncados por decisións políticas tomadas a moitos quilómetros de Coia: a construción dun polígono de vivendas no marco das políticas de desenvolvemento do tardo-franquismo. Para a veciñanza da Coia “antiga” os cambios foron moitos e moi rápidos: construción de torres onde antes existían leiras, crecemento explosivo da poboación coa chegada de familias que viñan a traballar na industria viguesa, urbanización do espazo sen contar cos intereses dos habitantes…

"Sabemos que pensan os habitantes autóctonos de todo este proceso que lle deu a volta ao seu mundo e as súas vidas?"

"Pensamos que é unha historia que paga a pena ser recuperada e contada", destacaban hai uns meses en Praza Eduardo Rodríguez (responsable do blog Alicerces) e Diego Lores (ODS de Coia). En xaneiro de 1975 o Ministerio de Gobernación, no seu documento interno Plan Barrios, catalogou como "perigoso e subversivo" o barrio de Coia, xunto aos tamén barrios vigueses de Calvario e Ribadavia. "Por ignorancia ou por mala fe, poñíase o énfase nas consecuencias e non nas causas, cun falaz discurso que segue plenamente vixente na actualidade" -destacan- "no caso da Coia dos anos 70 e 80, a perigosidade e a subversión tiñan unhas razóns moi claras. En apenas unha década, pasou de ser unha das tantas parroquias rurais do Val do Fragoso a un barrio urbano construído a toda velocidade. O paro, as drogas, a precariedade e a desatención por parte das administracións eran o ecosistema cotián no que tiñan que vivir os veciños do barrio".

A historia das loitas dos recén chegados por conseguir un barrio mellor é facilmente reconstruíble a través de novas da prensa, libros, testemuñas directas,… Pero, sabemos que pensaban os habitantes autóctonos de todo este proceso que lle deu a volta ao seu mundo e as súas vidas?

Cartaz da actividade © Alicerces
Avenida de Castelao, en Coia CC-BY-SA HombreDHojalata

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.