Denuncian que o proxecto de Corcoesto incumpre a lexislación sobre xestión de residuos

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

A plataforma contraria á mina sinala que Edgewater informou incorrectamente dos perigos dos seus residuos para así saltar os controis legais de prevención de accidentes graves. En concreto, denuncian que o proxecto mineiro incumpre a lexislación española e comunitaria sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado polas actividades mineiras.

Segundo a plataforma, o proxecto fai unha incorrecta clasificación das instalacións de residuos mineiros, "establecendo inxustificadamente que non son de categoría A, incumprindo de cheo a citada normativa". Desde a Plataforma afírmase que con esta intencionada clasificación, a empresa trata de evitar o cumprimento dunha serie de requisitos moi estritos no que se refire aos aspectos relativos á política de prevención de accidentes graves que se debe aplicar na xestión dos residuos de extracción, evitar a instauración dun sistema de xestión de seguridade e a posta en práctica dun plan de emerxencia interior no que se especifiquen as medidas que se deben tomar no caso de que acontezan este tipo de accidentes.

Desde a Plataforma afírmase que con esta intencionada clasificación, a empresa trata de evitar o cumprimento dunha serie de requisitos moi estritos no que se refire aos aspectos relativos á política de prevención de accidentes graves

Por outra banda, a Xunta de Galicia estaría obrigada a elaborar un plan de emerxencia exterior que debe ser comunicado, xunto con un protocolo de actuación, á poboación afectada no caso de que ocorran accidentes graves. 

O proxecto mineiro de Corcoesto contempla tres instalacións de residuos mineiros: a escombreira mineira, a balsa de lodos de flotación e a balsa de lodos de lixiviados. De conformidade coa citada lexislación, segundo a plataforma, cada unha delas debe ser obxecto dun proxecto propio, pero a empresa mineira presentou un único plan de xestión de residuos para os tres, incumprindo ademais numerosos artigos relativos a aspectos técnicos das instalacións previstos na citada normativa. A Plataforma advirte que de autorizarse o proxecto con estes incumprimentos da lexislación comunitaria e española, pode denunciarse ante a Comisión Europea.

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.