Dez anos sen novos parques naturais en Galicia

CC-BY-NC amaianos

4 de abril de 2002. O daquela conselleiro de Medio Ambiente, José Carlos del Álamo, asina a declaración da Serra da Enciña da Lastra en Rubiá (Ourense) como novo parque natural. Foi a última vez que o Goberno galego asignou esta protección para un espazo no noso pais. Pasaron xa máis de dez anos e son varios os lugares en Galicia para os que se reclama esta figura. Un deles é o Monte Pindo e o seu entorno, en Carnota, para o que a asociación Monte Pindo vén tempo demandando a conversión en parque natural.

En Galicia hai apenas un parque nacional (Illas Atlánticas) dos 14 cos que conta o Estado, o 7%. E hai só 6 parques naturais mentres que en toda España hai 127, o 4.7%. Son as Fragas do Eume (1991), Dunas de Corrubedo (1992), Baixa Limia-Serra do Xures (1993), Enciña da Lastra (2002), Invernadoiro (1997) e Monte Aloia (1978).

A asociación Monte Pindo salienta que "neste tempo moitas cousas cambiaron" e que "tres presidentes pasaron pola Xunta e moitos máis conselleiros sen que ningunha outra zona de interese medioambiental da nosa xeografía fose atendida mediante o emprego da figura de protección máis coñecida e recoñecida das que existen, ademais de ser das poucas que obrigan a comprometer un orzamento anual". Critican a súa substitución por outra como é a Rede Natura 2000, que non supuxo "ningunha mellora fóra do papel".

Critican a substitución desta figura pola Rede Natura 2000, que non supuxo "ningunha mellora fóra do papel"

Citan o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, que hai uns dias afirmou que "na Rede Natura os veciños non poden decidir nin opinar sobre o que se pode facer ou non nos espazos naturais" e salientaba que a declaración do Parque Natural "non suporá máis restriccións para os veciños senón ao contrario: permitirá consensuar entre todos os sectores os usos que debe ou non debe ter o Monte Pindo".

A declaración do Parque Natural "non suporá máis restriccións para os veciños senón ao contrario: permitirá consensuar entre todos os sectores os usos que debe ou non debe ter o Monte Pindo"

Carnota é o segundo concello costeiro galego con máis superficie protexida, cun 42% da superficie total do municipio. Pero segundo esta entidade "esta protección trouxo poucas ou ningunha vantaxe e si moitas trabas tanto para a administración local coma para os veciños á hora de sacar adiante proxectos e mesmo para continuar cos aproveitamentos que tradicionalmente se viñan desenvolvendo neses espazos". E reclaman a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, pois esta figura "obriga a investimentos reais e a constituir órganos de diálogo e consulta con todas as partes, dando prioridade máxima tanto á sociedade civil coma ao tecido económico que deben ser os primeiros beneficiarios desa protección".

CC-BY-NC amaianos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.