En 2015 rexistráronse 54 violacións en Galicia, un 15% máis que no ano anterior

Evolución do número de violacións denunciadas en Galicia 2012-2015 Dominio Público Praza Pública

O pasado ano denunciáronse en Galicia 54 agresións sexuais con penetración, sete máis que as 47 que se rexistraran en 2014, o que supón un incremento do 15%, segundo se recolle no Anuario estatístico do Ministerio do Interior, feito público este mércores. O número de violacións denunciadas en Galicia é o máis alto dos últimos anos, superior ás 51 de 2013 e ás 42 de 2012. Estes datos chegan en pleno debate aberto pola elevado número de violación producidas en festexos coma os San Fermíns, a relativa invisibilidade ou normalización destas agresións nos últimos anos e a resposta social que comezou a haber para poñerlle freo.

O número de violacións denunciadas en Galicia é o máis alto dos últimos anos

Tamén se incrementou en Galicia a frecuencia doutros delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual, que inclúen outro tipo de agresións e abusos sexuais sen penetración, acoso sexual, delitos de contacto mediante tecnoloxía con menores de 13 anos con fins sexuais, exhibicionismo, provocación sexual e relativos á prostitución. O seu número (332) é moi superior ao rexistrado en 2014 (287) e 2013 (254).

A terceira parte das vítimas de violación teñen entre 18 e 30 anos e outro 23% entre 14 e 17

No conxunto de España o número total de violacións (1.229) diminuíu lixeiramente con respecto a 2014 (1.239) e é inferior ao rexistrado nos anos anteriores (2011: 1.513; 2012: 1.280; e 2013: 1.298). Os outros delitos contra a liberdade/indemnidade sexual aumentan en 2015 (7.460) dende 2014 (7.218) acadando o nivel máis alto dende o 2011.

En 2015 o 91% das vítimas de violación no Estado español foron mulleres, o mesmo que o 85% das vítimas dos demais delitos contra a liberdade/indemnidade sexual. A terceira parte (33%) das vítimas de violación teñen entre 18 e 30 anos e outro 23% tiñan entre 14 e 17.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.