En dous días arderon en Galicia máis da metade de hectáreas que en todo 2014

O incendio de Soutomaior avanzando cara Redondela, coa ría de Vigo á dereita Dominio Público @BrifLaza

O luns e o martes desta semana queimáronse en Galicia en só catro incendios forestais máis da metade das hectáreas que arderon durante todo o ano 2014, o mellor da serie histórica, e o 10% das afectadas en todo 2015. Segundo as primeiras estimacións da Xunta, os lumes de Cotobade, Soutomaior, Caldas de Reis e Mondariz suman máis de mil hectáreas queimadas, mentres que hai dous anos queimáronse unhas 2.000 en todo o ano e o ano pasado unhas 12.000. Do mesmo xeito, eses catro lumes requiriron a activación da Situación 2 de emerxencia que contempla desaloxos pola proximidade a vivendas, situación que non se deu en ningún momento de 2014 e que si foi activada 13 veces en todo o 2015.

Só os incendios de Cotobade, Soutomaior, Caldas e Mondariz, os catro con risco para vivendas, suman máis de mil hectáreas, fronte ás 2.000 queimadas en 2014, o mellor dos últimos anos, ou as 12.000 de todo 2015

Aos catro grandes incendios anteditos hai que engadir nestes dous últimos días outros dous en Ribeira que queimaron 95 hectáreas e dous máis en Cee e Pontevedra que xa superan as 20 hectáreas cada un, ademais das 38 hectáreas que resultaron afectadas só o luns por 58 conatos de diversa intensidade que a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, puxo como exemplo dunha elevada actividade incendiaria. A suma dos dous últimos días ascende así a unhas 1.200 hectáreas, máis da metade que en todo 2014, un dez por cento das 12.000 queimadas en todo o ano 2015 e moito menos que as 96.000 rexistradas hai xusto dez anos, no tráxico 2006.

Con estes datos, o presidente Feijóo apelou este martes, nunha visita ao centro de coordinación da loita contra os incendios da Xunta, á “unidade” da cidadanía contra os que “plantan” lume no monte. De momento, só a candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, criticou ao goberno galego sinalando que os incendios teñen tamén “responsabilidades políticas” relacionadas coa falta de medidas de prevención e coa necesidade dun “novo modelo forestal para Galicia”. Cando estaba na oposición, Feijóo reclamaba “falar de política” en relación cos incendios forestais, postura que cambiou cando chegou ao goberno e asegurou que a política forestal da Xunta e os incendios non teñen “nada que ver”.

Situación dos principais incendios

-Cotobade: O maior incendio dos rexistrados nos dous últimos días iniciouse o luns pola tarde na parroquia de Tenorio, cando se decretou a Situación 2 de emerxencia que contempla desaloxos por risco para as vivendas, nivel que foi desactivado no mediodía deste mércores. A Xunta estima que afecta  a 365 hectáreas. Requiriu a actuación da Unidade Militar de Emerxencias (UME)

-Soutomaior: Iniciouse o martes pola tarde na parroquia de Soutomaior, estendeuse cara Redondela e na mañá deste mércores tamén mantén activa a Situación 2 con desaloxos de vivendas. Afecta a unhas 200 hectáreas e tamén a UME está loitando alí contra o lume.

-Caldas de Reis: Iniciado a primeira hora da tarde do luns na parroquia de Saiar, estendeuse cara Vilagarcía de Arousa e a Xunta deuno por controlado na mañá deste mércores tras afectar a unhas 300 hectáreas.

-Mondariz: Comezou o luns pola noite na parroquia de Queimadelos, afecta tamén a Ponteareas e a Xunta considérao controlado nunhas 200 hectáreas logo de desactivar a Situación 2 na mañá deste mércores.

Ademais destes catro grandes lumes, na tarde deste mércores iniciáronse outros catro incendios que motivaron a activación da Situación 2 por risco para vivendas: en Santiago, na parroquia de Fecha; en Porto do Son, na parroquia de Baroña; en Soutomaior, na parroquia de Arcade; e en Avión, na parroquia de Nieva. Sen ese nivel de risco, este mércores tamén se iniciaron outros incendios de máis de 20 hectáreas en Fisterra, Rois, Cerceda, Cee e noutras dúas parroquias de Porto do Son e Avión.

Membros da Unidade Militar de Emerxencias traballando no incendio de Cotobade Dominio Público @UME

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.