Fegamp e Xunta coordínanse por fin para atallar a praga da avespa asiática

CC-BY-SA Praza Pública

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta acordaron este xoves coordinarse por fin para abordar "dunha maneira máis efectiva" a grave incidencia da avespa velutina en Galicia, especialmente naqueles concellos cunha maior presenza de niños e nos que a praga afecte a zonas sensibles para a poboación.

Fegamp e AGA acordaron a "necesidade de potenciar a coordinación", unha petición que AGA e concellos levan tempo facendo

Logo das críticas da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e de varios alcaldes de concellos afectados que se uniron para reclamar medidas e unha maior implicación das administracións, Fegamp e Consellería de Medio Rural acordaron a "necesidade de potenciar a coordinación entre os distintos organismos, para evitar duplicidades e aproveitar as sinerxias de actuación". 

Así, ambas as dúas institucións acordaron elaborar un protocolo de intervención que permita aos servizos de emerxencia e aos efectivos municipais e autonómicos "atallar a problemática dun xeito máis eficaz". Os técnicos e responsables de Medio Rural fixaron a prioridade de preservar a seguridade nas zonas máis sensibles para a cidadanía, como son os camiños de paso, os núcleos urbanos, os parques infantís e as contornas escolares.

Ao tempo, Fegamp e Xunta anunciaron a súa coordinación para mellorar a formación dos efectivos que participan na erradicación dos niños, un asunto tamén aprobado na última Comisión de Seguimento do convenio GES 2016-2018, celebrada a pasada semana. Serán aqueles concellos que conten con Grupos de Emerxencia Supramunicipais os que lles encargarán a eles as tarefas de eliminación de colonias.

No caso dos entes locais non adscritos aos GES, os labores realizaranse ben co seu servizo de Protección Civil, ben a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza se a zona pertenza á Rede Natura ou cos medios que estableza a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Fegamp e a Consellería de Medio Rural celebrarán a súa vindeira xuntanza a finais deste mes de marzo e será nela cando avancen no mapa de actuación. Segundo os datos da Xunta a finais de 2015, máis da metade dos concellos galegos estaban afectados pola praga da avespa asiática. Nun total de 160 municipios foran detectados niños da vespa velutina, cen localidades máis que hai ano e medio e uns sesenta máis que seis meses atrás, aínda que as cifras seguen sendo moi optimistas ao non contabilizarse todos os niños existentes. 

 

Perigo para a seguridade alimentaria de toda Europa

Por outra banda, a eurodeputada de AGE, Lídia Senra, deu comezo este xoves á xornada Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa lembrando que "o sector leva denunciando a problemática da desaparición das abellas dende hai moitos anos". Senra destacou tamén "o efecto do cambio climático e da globalización" como dous dos condicionantes que están a favorecer o desprazamento de especies foráneas cara outras latitudes, como acontece no caso da avespa asiática. "Tanto a apicultura, como a agricultura e o medioambiente estanse vendo fortemente afectados por este problema; un problema que non é sectorial, senón de toda a sociedade", por iso un dos obxectivos desta xornada é "facer unha chamada de atención ao Parlamento Europeo e á Comisión sobre a grave problemática que estamos enfrontando".

"A apicultura, a agricultura e o medioambiente estanse vendo moi afectados por este problema, que non é sectorial, senón de toda a sociedade"

Durante esta primeira xornada, Sandra Rojas, Doutora en Bioloxía na Universidade de Vigo e unha das coordenadoras do plan contra a vespa velutina posto en marcha por AGA, achegou as claves deste Plan de estudo e monitoreo das medidas de control do avispón asiático invasor.  Rojas, que resaltou que a polinización mediada por animais é "un proceso esencial para o mantemento da biodiversidade, o  funcionamiento dos ecosistemas e o benestar humán" e que máis do 80% dos cultivos europeos dependen desta polinización, advertiu de que os animais  polinizadores "están a afrontar  globalmente unha crise causada polo cambio climático, a alteración da paisaxe, a intensificación agrícola, o propagamento de axentes patóxenos e, en especial, a presión de especies invasoras; (...) a vespa velutina constitúe o primeiro caso exitoso dunha invasión de véspidos en Europa".

A avespa asiática acadou en apenas dez anos os Estados español, francés, portugués, belga, italiano e alemán e, "de acordo con modelos preditivos", especificou Rojas, "a invasión pode alcanzar á maioría de países europeos". En Galicia, segundo aclarou, "os primeiros rexistros son de 2012 e xa ten colonizadas todas as áreas costeiras". De entre todos os impactos negativos da presenza desta especie invasora, Sandra Rojas destacou como o máis forte aquel que se relaciona co seu comportamento como depredador de insectos como abellas, bolboretas e outros polinizadores.

Xuntanza entre representantes da Fegamp e de Medio Rural © Fegamp
Xornadas sobre a incidencia da velutina na Eurocámara © AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.