Festigal: música e moito máis

Ducias de entidades acoden ao Festigal a realizar presentacións e actividades © Galiza Nova

Chega xa o Festigal, que celebrará este ano a súa duodécima edición, coma sempre no Campus Sur da USC, e coma sempre combinando os concertos da noite do 24 de xullo e da tarde do 25 con outras moitas actividades culturais, lúdicas e deportivas, que convidan a pasar o tempo entre manifestación e manifestación. E por suposto, haberá polbo e outros moitos manxares.

O Festigal, "espazo de encontro e rebeldía", como destacaba Xavier Campos, da comisión organizadora, na presentación que tivo lugar a pasada semana, abrirá as súas portas o mércores 24 pola noite cos concertos de A Quenlla, Sés, Nao e Festicultores Troupe, que comezarán ás 22 horas e que de seguro reunirán milleiros de persoas até a madrugada. A música continuará o xoves 25, a partir das cinco da tarde, xa cun formato de café-concerto, coas actuacións de Tempo Catro, Habelas Hainas, Os da Ría Íntimos, Grampoder e García Mc.

 

Debates e presentacións

Haberá tamén debates a tarde do 25. A partir das 18 horas a Galería das Letras e das Ideas acollerá un debate sobre A soberanía como alternativa á crise política e económica, no que participarán representantes de BNG, Sortu e ERC. Ás 19 hora celebrarase outra mesa redonda, A mocidade pola soberanía, coa participación de Galiza Nova, JERC, Ernai, Bloc Jove. 

Unha das novidades deste ‪Festigal‬ será a destacada presenza dos centros sociais, que compartirán as súas experiencias, o 25 de xullo de 16 a 18 horas, como modelo de activismo político e sociocultural. Alí estarán Cultura do País (Lugo), A Revira (Pontevedra), A Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela), Faísca (Vigo), Colectivo Terra (Pontedeume) e En pé (Pontevedra). De 19 a 20 horas terá lugar a presentación da escola de ensino en galego Semente.

Como é habitual, o Festigal acollerá numerosas presentacións de libros:

16.00. Didáctica da lingua e novos soportes comunicativos: a linguaxe SMS. Estefanía Mosquera Castro, AS–PG

16.30. Diario de Lugo. Xosé Ramón Fernández e Oxea "Ben Cho Shey", Deputación de Lugo.

17.00. Retallos daquela infancia. Bautista Álvarez, Xerais.

17.30. Bícame Frank. Miguel Anxo Fernández, Galaxia.

19.45. Eu violei o lobo feroz. Teresa Moure, AGAL.

20.15. Historia de Galicia. Anselmo López Carreira, Xerais.

20.45. Cantares Gallegos, hoxe. Pilar García Negro, Alvarellos.

21:15 Quem fala a minha língua. Valentim Fagim e Gemma Fernández.

 

Fútbol Gaélico, billarda e moito máis

Entre os eventos que máis chaman a atención está a celebración no campo de hockey herba do Campus Sur do primeiro campionato de futbol gaélico do Día da Patria, un triangular no que participarán As afiadoras de Ourense, o Suevia de Santiago e o Torques de Lugoeslavia. Comezará ás 19.20 horas do xoves 25 e pechará unha xornada na que o deporte tamén será protagonista. Ás 16 horas comezará unha exhibición a cargo de de SCEA (Sala Compostelana de Esgrima Antiga) e do grupo de estudo Jogo do Pau Galego de Compostela. Ás 17.30 horas será a quenda do Aberto de Billarda do Día da Patria, organizado pola Liga Nacional de Billarda (LNB). E ás 19 horas terá lugar a presentación da Plataforma Pro Oficialidade Galega.

Cada vez son máis as familias que se achegan ao Festigal con nenos e nenas pequenas. Para eles e elas hai tamén un feixe de actividades programadas para a tarde do 25:

16.00. Obradoiros de construción de xoguetes sonoros e instrumentos vexetais, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos

17.00. O carballo con botas presenta "A música das árbores". Contacontos e animación infantil con Anxo Moure

17.30. Obradoiro de bailes e xogos tradicionais, no que se ensinarán cancións, bailes e xogos tradicionais galegos, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos

18.00. Presentación do libro Rosalía pequeniña, con Uxía Senlle

18.30. Títeres O Galo Quirico da compañía Seis Dedos

19.30. Danza contemporánea Entre nanas e cascallos, da compañía de danza CISMA

Concerto no Festigal © BNG
O festigal é moito máis ca música © Vieiros
Ducias de entidades acoden ao Festigal a realizar presentacións e actividades © Galiza Nova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.