Fomento licita o treito da A-76 que atravesará a Serra de Enciña da Lastra

A Serra de Enciña da Lastra e o río Sil © Turgalicia

O Ministerio de Fomento vén de sacar a licitación o treito máis complexo -e un dos máis polémicos- da autovía A-76, un total de 10,7 quilómetros entre a localidade leonesa de Requejo e A Veiga de Cascallá, no Concello de Rubiá. O BOE publicou este martes o anuncio. O percorrido atravesa a Serra de Enciña da Lastra, un espazo moi valioso e que está en parte protexido grazas á súa consideración como parque natural, tamén cruza o río Sil e en total inclúe dez viadutos e tres túneles. A velocidade media prevista será de 80 quilómetros por hora.

As obras terán un custe aproximado de 223 millóns de euros. O concurso valora principalmente o abaratamento da obra (os criterios económicos pesan o 70% da valoración final e os técnicos o 30%). O proxecto licitado sitúase entre os dous que xa están sendo redactados: A Veiga de Cascallá-O Barco e Villamartín de la Abadía-Requejo. A A-76 entre Ponferrada e Ourense ten un custe estimado de 1.221 millóns de euros para 125 quilómetros e foi moi criticada por atravesar espazos naturais moi ricos, coma a Ribeira Sacra, poñendo en perigo o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade.

Este treito en concreto recibiu importantes críticas polo dano que provocará na Serra de Enciña da Lastra e, de feito, a propia Xunta de Galicia pediu a modifización do trazado en 2010 (con goberno do PSOE en Madrid), para evitala. Entidades como Amigos da Terra ou ADEGA tamén presentaron alegacións, lembrando o valor natural desta zona. Hai, ademais, alternativas que terían un impacto moi inferior, coma os proxectos de levar esta vía máis ao sur, seguindo o actual trazado da N-536.

A este respecto, Amigos da Terra lembra que o treito que Fomento vén de sacar a licitación pode provocar "destrozos irreparables nun terreo calcáreo, con covas protexidas". Ademais destacan que "condicionará a paisaxe para sempre" e lembran que "o espazo protexido da Lastra está en vía de ampliación". Sinalan, igualmente, que neste lugar "xa hai unha vía de alta capacidade", en referencia á N-120. Pola súa banda, ADEGA subliña que o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é "a zona de maior biodiversidade tanto animal como vexetal de todo o territorio galego".

O treito, que terá un custe de 223 millóns, atravesa a serra e o Río Sil © Google Maps
A Serra de Enciña da Lastra e o río Sil © Turgalicia
Outra imaxe da serra © andreaoulego.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.