"Grecia precisa cartos da UE para atender refuxiados pero os recursos acaban nas grandes ONG"

Antigas instalacións olímpicas en Atenas CC-BY-SA Miguelanxo Lar

ATENAS - Enviados especiais

Na periferia de Atenas atópanse parte das instalacións deportivas dos Xogos Olímpicos de 2004. Hai 12 anos, o barrio de Elliniko estaba cheo de persoas de todas as nacionalidades agardando ver xogar as deportistas de elite do momento. Paradas para limusinas, hoteis de cinco estrelas inaugurados para a ocasión ou tendas de souvenirs debuxaban a estampa dun país en voga.

Hoxe esas mesmas instalacións completamente deterioradas e abandonadas albergan tres campos de refuxiadas. Baixar do autobús e poñer o pé nas rúas que hai unha década pisaban as autoridades internacionais máis prestixiosas é radiografar o esqueleto dun país devastado pola crise. Sucidade, infraestruturas ruinosas e estado de abandono. Unha cidade deportiva fantasma que viviu mellores épocas e que coa decadencia propia da megalomanía inmobiliaria europea de usar e tirar dos anos de bonanza apagouse en silencio do tempo e da historia.

O maior almacén de doazóns ás refuxiadas en Grecia ocupa as antigas instalacións da cancha de baloncesto dos Xogos de Atenas 2004

Alí mesmo, nas instalacións faraónicas da antiga cancha de baloncesto dos Xogos, atopamos o maior almacén de doazóns ás refuxiadas que hai en Grecia. Onde antes había ringleiras de persoas agardando para animar o seu equipo, hoxe vemos un constante movemento de furgonetas e camións que traen e levan material de primeira necesidade para as máis de 57.000 persoas refuxiadas que se atopan bloqueadas en Grecia, agardando pola aprobación da petición de asilo.

No interior, arredor de cen voluntarias de distintas nacionalidades non paran de abrir paquetes, clasificar roupa e dobrala atendendo a criterios de talle, idade ou estación. As caixas amoreadas en cada milímetro dispoñible cóntanse a milleiros. Non existen espazos baleiros nese recuncho asfixiante de solidariedade que é o almacén autoxestionado de Elliniko.

Capitaneando o proxecto está Katerina Rouniouk, unha muller grega de enerxía incombustible e sorriso permanente que supervisa as labores de organización e estuda ao milímetro a xestión eficiente da nave.

Como comezou o proxecto do almacén?

As persoas gregas que traballamos aquí somos do porto do Pireo. Moitos colectivos sociais da zona decidimos unirnos para desenvolver unha iniciativa solidaria para axudar as refuxiadas no seu camiño a centroeuropa. Primeiro comezamos no porto, que era a onde chegaban, levando algunhas cousas. Dabámoslles auga, zume, galletas, té, comida ou roupa. Despois comezamos a ter moitas doazóns. Moita xente grega mandaba materiais. Decatámonos de que precisabamos un espazo para gardar todo. O goberno deixounos este espazo para poder meter o material. A nave non é do Estado. É dunha empresa privada pero cedeulla ao Estado e o Estado cedéunola a nós. Daquela isto abría só tres días á semana durante unhas poucas horas. Coa chegada masiva de doazóns de Grecia, España ou Holanda decidimos abrir todos os días de 10 da maña a 8 da tarde.

Cantas persoas desenvolven voluntariado aquí?

Depende. Algunhas veces moitísimas. Preto de cen. Outras só somos corenta, dez ou catro. Agora que é verán hai moita xente que vén botar unha man. Temos moitas voluntarias. A maioría veñen do Estado español. Durante o inverno isto baixa e somos especialmente a xente grega que estabamos axudando no porto. Agora que desmantelaron ese campamento (Pireo) vimos axudar aquí. Temos que organizar todo o material que hai dentro.

Cara onde distribuídes a axuda?

Despois de organizar e clasificar os produtos, enviámolos a todos os lugares de Grecia que os precisen. Non só os enviamos ás refuxiadas. Tamén os repartimos entre a xente grega que ten máis necesidades e a algúns hospitais. Enviamos comida, roupa, material hixiénico ou medicinas. Temos todo o que poidas imaxinar. Neste momento temos 25 contedores de España, once de Holanda e outros que chegaron dende Croacia. Son moitos os colectivos que colaboran con nós: Are you Syrious, Open the Borders... Cando nos piden envíos, algunhas veces teñen que pagar os custos do transporte. Outras veces son as nosas voluntarias as que donan cartos para poder pagar os custos.

"Precisamos mans e cartos; non queremos máis roupa, o que máis necesitamos é comida e material hixiénico e sanitario"

Cales son as necesidades básicas que tedes no almacén?

Precisamos mans e cartos. Este almacén é moi grande. Neste momento non queremos máis roupa. O que máis precisamos é comida e material hixiénico e sanitario. Xabón, toallas húmidas ou cueiros.

Cal é a mellor maneira de axudarvos, a través de doazóns económicas ou enviando produtos?

Preferimos que nos envíen produtos aínda que sería máis económico mercar aquí e axudaría a nosa economía. O problema é que somos unha organización informal e non temos permitido recibir doazóns económicas como as ONG. Entón as persoas deben mercar todo o que queiran doar. O outro día dous rapaces españois foron ao mercado. Eu deilles unha lista do que precisabamos e trouxeron un montón de cousas. Tal vez deberiamos buscar unha solución para iso porque sería mellor mercar todo aquí.

"Nos 'squats' non está o Goberno, así que temos que apoialos a eles prioritariamente"

Como están as cousas agora?

Nestes momentos non temos demasiada comida e estamos intentando mandar os alimentos principalmente aos squats (espazos ocupados). Nos campamentos do Estado polo menos danlles comida todos os días. Pode estar mellor ou peor pero poden alimentarse. Nas squats non está o Goberno, así que nós temos que apoialos a eles prioritariamente.

Onde reside a importancia deste proxecto?

A xente normalmente escolle outro tipo de proxectos para botar unha man onde teñen contacto máis directo coas refuxiadas como campamentos ou squats, pero o almacén ten unha importancia básica na xestión do material para que chegue a todas elas. Eu son directora de rodaxe e polo meu traballo sei ben que unha boa organización é básica para que todo funcione dun xeito doado e rápido.

Tamén enviades a axuda aos campamentos xestionados polas ONG, o Goberno ou o Exército?

Si, a todos eles. Enviámola a todos os campamentos que precisen. Todos. Absolutamente todos. Teño moitas chamadas e e-mails de militares que traballan nos campamentos e tamén lles enviamos material. Neste caso é o propio exército o que vén aquí a buscalo.

"No porto de Pireo hai moita xente que ten refuxiadas vivindo nas súas casas; outros déixanlles usalas para ducharse e comer"

[Aparece unha muller polo almacén e Katerina e ela falan en Grego. Katerina informa:]

Esta muller que ves aquí é unha amiga miña do Pireo. Ten 13 refuxiadas vivindo con ela na súa casa. Ela tamén ven por aquí para levar comida. No porto de Pireo hai moita xente que ten refuxiadas vivindo nas súas casas. Outras déixanlles usar as súas casas para ducharse e comer aínda que despois vaian durmir aos campamentos. De feito, unha muller en Cabala ten 20 refuxiados na súa casa. Cando estes marchan, acolle a outros e así constantemente. Dende aquí sempre lle enviamos cousas.

Como pode afectar a situación de inestabilidade política en Turquía e o posible incumprimento do acordo entre a UE e Turquía a Grecia?

É unha situación moi difícil para Grecia. Teremos problemas. Se Turquía non cumpre o acordo comezarán a chegar novamente moitas refuxiadas. Para Turquía as refuxiadas son un gran negocio. Hai moitas mafias facendo o seu agosto con eles. Se abren as fronteiras seguiranse aproveitando destas persoas. Quítanlles os cartos. Hai xente que chegou a pagar 3.000 euros para cruzar a Lesbos. 

"Para Turquía as refuxiadas son un gran negocio. Hai moitas mafias facendo o seu agosto con eles. Se abren as fronteiras seguiranse aproveitando destas persoas"

Como valora o papel da UE na xestión da crise das refuxiadas?

Terrible. Non entendo por que a UE non lle dá cartos ao noso Goberno. Os recursos económicos da UE van directamente ás grandes ONG. Nós estamos facendo todo isto sendo voluntarias e eu quero ser voluntaria. Non quero gañar cartos con isto como fan as ONG. O noso goberno precisa que lle dean cartos. Ten que construír os campos. Darlles de comer ás refuxiadas. Moitos refuxiados chegan con problemas moi serios de saúde e teñen que usar os recursos do nosos sistema sanitario público. Con que cartos se paga iso se lle dan os recursos ás ONG? Moita xente di que o  noso goberno non está facendo nada. Tal vez o poderían facer mellor e máis organizado pero o noso país está nunha profunda crise. E por que os outros países e Europa non acollen refuxiadas?

"Non entendo por que a UE non lle dá cartos ao Goberno grego. Os recursos económicos da UE van directamente ás grandes ONG"

Cre que o Goberno de Alexis Tsipras está facendo suficiente?

Tal vez se houbese outro Goberno que fora de dereitas nada do que temos agora existiría. Non axudarían as refuxiadas da mesma maneira que se está facendo agora. Probablemente nin as axudarían. Mandaríanos de volta aos seus países.

"Se en Grecia houbese un goberno de dereitas, tal vez non axudaría as refuxiadas da mesma maneira ou mandaríaas de volta aos seus países"

Que representa a UE agora mesmo para ti?

Unha merda.
 


>> Para colaborar co almacén de Elliniko podes contactar coa organización SOS Refugiados no correo redsosrefugiados@gmail.com. Se estás pensando en ser voluntaria neste proxecto podes contactar: rouniouk@gmail.com

Katerina Rouniouk CC-BY-SA Miguelanxo Lar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.