Lentes violetas para facer visibles as mulleres esquecidas pola historia en Pontevedra

A web amosa xa 130 biografías, máis 200 fotos e unha ducia de vídeos © Concello de Pontevedra

Adela Castilla Durán, Adelina Gama Casalderrey, África López Fernández, Agripina Poza Cobas... E así ata 130 nomes de mulleres pontevedresas que tiveron unha importancia singular na historia da cidade e que na súa maioría non foron recoñecidas nin no seu tempo nin na historiografía posterior. O Concello de Pontevedra puxo en marcha a pasada semana a web Do Gris ao Violeta, resultado dun proceso de  “investigación, divulgación e homenaxe” que naceu hai 5 anos para “reparar o esquecemento e recoñecer o protagonismo das mulleres na vida de Pontevedra”, como destacou o concelleiro Luís Bará na presentación da iniciativa, que se enmarca no proxecto Memoria das Mulleres.

"Partimos do recoñecemento dunha realidade incuestionábel: a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. E da necesidade de corrixir esta discriminación"

A páxina amosa de momento unhas 130 biografías individuais, 21 artigos, máis de 200 fotos e 12 vídeos, con información de medio milleiro de pontevedresas, divididas entre mulleres da clase traballadora, mulleres pioneiras e mulleres que sufriron a represión. Na iniciativa colaboraron un gran número de investigadoras e investigadores, como Aurora Marco, Xosé Álvarez Castro, María Xesús López Escudeiro e Montse Fajardo.

"Partimos do recoñecemento dunha realidade incuestionábel: a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. E da necesidade de corrixir esta discriminación mediante o estudo das fontes orais e escritas, así como mediante a construción dun novo relato que lle dese protagonismo e visibilidade ao papel das mulleres na historia", destácase na web.

Nas biografías aparecen mariscadoras (Estrella Cortegoso), redeiras, traballadoras das conserveiras (Loli Soto), muiñeiras, leiteiras, mestras (Ernestina Otero Sestelo), taxistas (Dolores Trabado), vendedoras ambulantes de lambonadas (María Luísa Olañeta Barros), cantantes (Josefina Vélez), actrices (Fefa Sandoval) ou fotógrafas (Cándida Otero Fontán). 

Tamén se recollen numerosas loitas sociais nas que as mulleres foron protagonistas

Tamén se recollen numerosas loitas sociais nas que as mulleres foron protagonistas: Dende a protesta das leiteiras de Pontevedra de 1892, a loita polos montes comunais, a mobilización contra as obras da Brilat ou contra o dragado do río Verdugo ou as folgas en Regojo. Algunhas delas son Carmen Rey Freijanes, Carmen A Casqueira ou Aurelia Blanco.

Obradoiro de costura Obradoiro de costura © Concello de Pontevedra

Así mesmo, as mulleres que sufriron a represión franquista en 1936 e durante a Ditadura: asasinadas, exiliadas, presas, depuradas dos seus postos de traballo ou violadas pola súa resistencia. Consuelo Acuña Iglesias, Elvira Lodeiro González, Tucha Dios, Otilia Meis Pintos, Custodia Gama Casalderrey, Eusebia Durán Lusquiños, Francisca Doval García, Estrella Pintos Iglesias, Estrella Portela López, Josefina Arruti Viaño..., son só algunhas delas

Un dos grandes obxectivos do proxecto é promover a participación dos centros educativos no estudo e divulgación sobre as mulleres na historia de Pontevedra. Para iso, ademais do lanzamento da web, se están a preparar novos soportes de difusión, como a banda deseñada, o vídeo ou producións teatrais.

Mulleres volvendo de mariscar © Concello de Pontevedra

As mulleres no espazo público

Na web tamén se lembran os avances que nos últimos anos se conseguiron en Pontevedra no emprego de nomes de mulleres para a denominación de espazos públicos (Avenida Josefina Arruti, Parque Amalia Álvarez, Avenida María Victoria Moreno...), así como o acordo plenario aprobado en 2015, cunha vintena de mulleres que servirán para denominar vías urbanas e edificios nos vindeiros anos. E, igualmente, os murais feministas pintados en varios lugares da cidade ou a colocación de rótulos, placas conmemorativas e esculturas.

Finalmente, a páxina inclúe información sobre tres roteiros urbanos centrados na historia e na memoria das mulleres: Roteiro Mulleres en San Amaro. Percorrido feminino polo cemiterio municipal, Roteiro Pontevedra en feminino e Roteiro da Moureira. O río, o mar e as mulleres.

Mural dedicado en Pontevedra a María Victoria Moreno © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.