“Entroideiro ou besta?”: Campaña contra as agresións sexistas nestas festas

Cartel da campaña contra as agresións sexistas e o acoso no Entroido Dominio Público Praza Pública

“Entroideiro ou besta? O meu non é o teu non”. Ese é o lema da campaña contra as agresións sexistas e o acoso ás mulleres no entroido que veñen de pór en marcha para as festas que agora comezan tres empresas de Ourense dos ámbitos da comunicación, a consultaría de xénero e o deseño.

As empresas promotoras da iniciativa, financiada por elas mesmas, salienta que xurde “ante a máis que indignante escalada de actos sexistas producidos en grandes eventos que, amparada en contornas festivas e con situacións de excesos, leva tempo converténdose nunha importante reivindicación social”. O seu obxectivo, din, é que a campaña se converta nunha iniciativa cidadá á que se sume calquera particular ou institución interesada e que nas redes sociais se espalle co cancelo #EntroideiroouBesta.

A iniciativa loita contra “a falsa idea de que no Entroido todo vale” e é lanzada por tres empresas de Ourense

Contra a “falsa idea de que no Entroido todo vale e todo está permitido”, o lema da campaña, salientan os promotores, vai “dirixido aos abusadores e busca igualmente a complicidade dos demais homes”. “Que eles mesmos entendan a mensaxe do que significa que unha muller responda non, que eles mesmos elixan entre ser un Entroideiro, persoa que goza dunha festa marabillosa e libre, ou comportarse como unha besta”, conclúen as empresas promotoras da iniciativa, Red Talento Consultoras, RedCO3 Comunicación e Vai Vai Mr. Can.

Cartel da campaña contra as agresións sexistas e o acoso no Entroido Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.