Luís Tosar estréase como director cun documental sobre a revolución persoal de dez mulleres na India

Campaña 'Cambia de Papel' © Implicadas

Luís Tosar pasa ao outro lado da cámara e estréase como director en Cambia de papel, un documental codirixido por María Reimóndez e a cineasta támil Kutti Revathi. O filme trata a capacidade de impacto das mudanzas individuais e presenta de maneira anovadora a actividade da ONGD galega Implicadas no Desenvolvemento e da súa organización compañeira en Támil Nadu (India) PDI. Pon o foco nos protagonistas que conforman a historia: os relatos de cambio de dez mulleres e un home, o propio Tosar, que viaxou até Támil Nadu para impartir un curso de teatro ás mulleres inscritas nos programas da ONGD.

O documental estrearase o vindeiro martes 9 de abril ás 19:00 horas no CGAC, en Santiago de Compostela coa presenza do actor Luís Tosar e da escritora María Reimóndez

O documental estrearase o vindeiro martes 9 de abril ás 19:00 horas no CGAC, en Santiago de Compostela coa presenza do actor Luís Tosar e da escritora María Reimóndez. É para os dous o seu debut na dirección dun filme, un traballo que comparten coa cineasta támil Kutti Revathi. Kutti Revathi é tamén escritora, editora da revista feminista Panikkudam e da publicación sobre cinema feito por mulleres Kannadi, e é colaboradora asidua en proxectos de Implicadas. A banda sonora corre a cargo do músico e compositor Piti Sanz (Los Contentos, Di Elas...) e a montaxe é un traballo do cineasta Jorge Coira (18 Comidas, El año de la garrapata...). 

Nesta peza fálase dos múltiples papeis que as persoas desenvolvemos nas nosas vidas e de como o cambio, sobre todo nas condicións máis difíciles, fai que tamén se produza unha transformación no mundo que nos rodea. Cambia de papel trasládanos á pel da outra banda na busca da reflexión e da transformación necesaria para facer da nosa sociedade e do noso sistema un lugar mellor. Despois da estrea, a idea dos seus autores é que a peza viaxe por festivais e sirva para mover conciencias e motivar mudanzas persoais.

Campaña 'Cambia de Papel' © Implicadas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.