Máis de 30 operacións suspendidas no hospital Álvaro Cunqueiro por fallos na esterilización

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

O Sergas suspendeu máis de trinta operacións cirúrxicas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por problemas coa esterilización do material e para garantir a seguridade dos doentes. Foi a aparición dunhas partículas brancas nos colectores nos que se transporta o devandito material o que obrigou a Sanidade a reprogramar as intervencións e a manter tan só as urxentes. 

A aparición dunhas partículas brancas nos colectores que transportan o material obrigou a suspender e reprogramar varias operacións

O adiamento das operacións foi confirmado pola Consellería de Sanidade logo de que o sindicato CCOO denunciase a suspensión de "numerosas" intervencións por estes problemas. Ademais, asegura que xa se teñen adoptado medidas co obxectio de garantir a máxima seguridade para os pacientes. 

En total, son máis de trinta (32) as intervencións aprazadas, sete non urxentes previstas o pasado mércores e outras 25, dun total de 103, programadas para este xoves. A Federación de Sanidade de CCOO considera que "non é admisible" que ocurra algo "que se vén repetindo con máis frecuencia da desexada". Ademais, advirte de que estes problemas "non axudan" a diminuír unhas listas de espera que son "as maiores de Galicia". 

Foi o sindicato CCOO quen denunciou unha situación "que se vén repetindo con máis frecuencia da desexada"

Non é a primeira vez que o hospital Álvaro Cunqueiro sofre problemas co sistema de esterilización, que está montado no Meixoeiro. Ao ano da súa inauguración, aínda soportaba varias eivas, criticadas pola xunta de persoal e asumidas pola dirección do Sergas, que recoñecía a suspensión de operacións programadas, obrigando os pacientes a esperar ou marchar cando xa estaban listos para a intervención. Ademais, Sanidade mandou en varias ocasións material a Povisa como medida "transitoria" para arranxar a problemática. 

Agora, a área sanitaria de Vigo asegura que xa solicitou colectores prestados doutros centros, así como a utilización de bolsas estériles. Mesmo non descarta volver esterilizar o material noutros centros. Con todo, o Sergas lembra que a central de esterilización do Meixoeiro está acreditada coa ISO 9001-2000 e que é o único centro hospitalario que ten ese recoñecemento. 

Nova manifestación masiva a prol da sanidade pública

Manifestación a prol da sanidade pública, este xoves en Vigo / CC BY-NC-SA CIG

Os problemas en Atención Primararia "obriga os médicos de familia a derivar ás urxencias a todos os pacientes que non poidan esperar", resalta a Xunta de Persoal

A suspensión de intervencións no Cunqueiro por problemas coa esterilización transcendeu na mesma xornada en que milleiros de persoas volveron responder en Vigo a unha chamada de mobilización a prol da sanidade pública lanzada dende a Xunta de Persoal da área sanitaria e co apoio do sprincipais sindicatos. Unha paciente do Sergas foi a encargada de poñer voz a un manifesto que novamente puxo o acento na necesidade de "rescatar a sanidade pública" para que todos os servizos do hospital vigués e a súa contorna de influencia sexan "cen por cen públicos".

Os problemas, advirte o colectivo convocante, non se reducen só ao novo complexo hospitalario. "A situación é de tal gravidade" que o persoal médico nos centros de saúde "xa denunciou diante da Xerencia que asisten con preocupación ao deterioro da atención sanitaria que se presta" en Atención Primaria "e indican que esta situación se agravou particularmente coincidindo coa apertura do Álvaco Cunqueiro". "Isto -resaltan- fai que os médicos de familia teñan que derivar ás urxencias hospitalarias a todos aqueles pacientes que non poidan esperar tanto tempo" e mentres, agregan, instalacións como as do vello Meixoeiro seguen "pechadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.