Máis incendios, máis grandes e con máis risco para a poboación

Brigada forestal traballando no incendio de Avión Dominio Público @BrifLaza

Máis incendios, máis grandes e con máis risco para a poboación. Esa é a evolución nas últimas horas dos lumes forestais que se veñen rexistrando fundamentalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra desde a noite do pasado domingo. Na noite deste xoves a Situación 2 de alerta, que contempla desaloxos por risco para a poboación, está activa en catro incendios, en Santiago, Porto do Son, Arbo e Crecente, que suman só entre eles máis de 3.300 hectáreas afectadas. Estas cifras deixan pequenos os incendios iniciados o luns e xa controlados de Cotobade, Caldas, Mondariz e Soutomaior, que suman unhas 1.100 hectáreas.

Situación dos principais incendios

-Santiago: Un incendio iniciado no mediodía do mércores na parroquia de Fecha que consumiu xa 800 hectáreas requiriu desaloxos e a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

-Porto do Son: Incendios iniciados nas parroquias de Baroña e Xuño acabaron uníndose e afectando a Queiruga e Caamaño e suman unhas 880 hectáreas, tamén con risco para a poboación e coa actuación da UME.

-Arbo: Un incendio iniciado na parroquia de Mourentán na noitiña do mércores afecta xa a 1.500 hectáreas, tamén con risco para a poboación.

-Crecente: Na tarde do mércores iniciouse un incendio na parroquia de Albeos que afecta a máis de 200 hectáreas e que tamén ameaza vivendas.

Ademais destes lumes con risco para a poboación, permanecen activos outros en Soutomaior (Arcade con 400 hectáreas e Soutomaior con 230 hectáreas), Cee (Toba, con 180 hectáreas), Avión (Nieva, con 345 hectáreas), e Vimianzo (Carnés, con 70 hectáreas).

Vista aérea do incendio de Arbo, que afecta a unhas 500 hectáreas e no que tamén se activaron desaloxos Dominio Público @BrifLaza

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.