Medio milleiro de persoas e 30 colectivos marchan a Meirás pedindo a devolución do Pazo

Marcha cívica a Meirás CC-BY-SA CIG

Arredor de medio milleiro de persoas duns trinta colectivos participaron este sábado na quinta marcha cívica entre Sada e o Pazo de Meirás para volver reclamar á familia Franco a devolución das Torres e apremar o Goberno central para que active xa a demanda civil que permita a volta ao público do inmoble. 

Un home disfrazado de Franco regresou ao Pazo á cabeza dunha marcha dunhas 500 persoas

Ás 12 do mediodía saíu do centro de Sada unha marcha que rematou unha hora despois fronte ao Pazo, a onde acudiu tamén un dos manifestantes disfrazado de Francisco Franco, acompañado doutras personaxes como Carmen Franco ou un relixioso. Na mobilización estiveron representantes sindicais e políticos de En Marea ou o BNG e todos insistiron en esixir tamén a devolución da Casa Cornide, na Coruña, ou das figuras de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria. 

Os '19 de Meirás' critican a "inacción" do Goberno de Pedro Sánchez á hora de activar a recuperación das Torres

Tamén estiveron presentes no acto, apoiado pola Deputación da Coruña e o Concello de Sada, os 19 de Meirás, activistas nacionalistas que foron denunciados pola familia Franco pola ocupación simbólica do Pazo no verán de 2017. Néstor Rego, voceiro do colectivo, censurou a "inacción" do Executivo de Pedro Sánchez e lembrou que, do mesmo xeito que para "os demócratas españois é importante todo o relativo ao Valle de los Caídos, para os galegos é fundamental a devolución do Pazo e todo o patrimonio expoliado". 

A portavoz do BNG, Ana Pontón, considera "decepcionante" que o Goberno de Sánchez "non estea dando pasos para reclamar a devolución do Pazo" e pediu que "se formalice a demanda xudicial para devolver a súa titularidade aos galegos". Eva Solla, deputada de En Marea e líder de EU, lembrou que "as institucións europeas e internacionais denunciaron xa a impunidade do franquismo en España".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.