Milleiros de persoas en defensa do futuro da lingua

A Praza da Quintana, ateigada Dominio Público @anxelamontero

Milleiros de persoas (25 mil segundo a organización, 10 mil segundo o Concello de Santiago) deixaron claro este domingo que a lingua galega está moi viva e ten futuro. A convocatoria de Queremos Galego volveu ateigar a Praza da Quintana, onde se deu lectura ao manifesto "Polas fillas dos nosos fillos", un texto que critica con dureza a política lingüística da Xunta, que "demostra un total desleixo e desprezo pola lingua" e que alerta de que "a realidade é que é imposíbel vivirmos en galego con normalidade".

O manifesto da plataforma fixo fincapé na "transmisión xeracional do idioma" e demandou "compromisos reais materializados en accións concretas". Destacou tamén o compromiso das familias: "Moitas persoas educamos as nosas fillas e fillos en galego. Mantemos o galego cada día, entregámosllo ás máis novas e novos porque o defendemos e apreciamos. Facémolo con amor, esforzo e coidado, aínda que nos atopamos con dificultades permanentes, ás que lle temos que engadir o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política". E esixiu medidas normalizadoras en numerosos ámbitos: "Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e  revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego".

O bo tempo (este domingo brillou o sol, iso si, con algo de frío) animou unha manifestación multitudinaria na que dominou o ambiente festivo. Gaitas, cancións e consignas acompañaron os milleiros de manifestantes entre a Alameda e unha Praza da Quintana que quedou pequena. Alí Mofa e Befa, Caxade ou "O rap da lingua" de Migallas animaron a espera, mentres o groso da marcha ía entrando no espazo. 

Nos últimos días numerosas entidades e colectivos, dende A Mesa a Prolingua, pasando por Nova Escola Galega, STEG ou CIG-Ensino, denunciaron a situación que vive a lingua galega e a falta de resposta por parte da Xunta. Tamén a Real Academia, que pediu a derrogación do decreto de plurilingüismo e que a través de Henrique Monteagudo alertou de que "de seguirmos este camiño, os fillos dos nosos fillos xa non falarán galego". Ou AGAL, que nun manifesto demandou por un new-deal para o galego, un "novo consenso" que tomase como punto de partida a Lei Paz Andrade. Esta reivindicación tamén estivo presente na manifestación detrás da faixa de AGAL.

A marcha contou así mesmo coa participación de representantes de numerosas formacións políticas, dende o BNG a Podemos, pasando por Anova, Esquerda Unida ou, Compromiso por Galicia ou o PSdeG-PSOE. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, lamentou "a falla de apoio das institucións para o idioma que é de todos e todas, con independencia de ideoloxía ou cor política”. Vence criticou a política lingüística do PP: “Non aproveitou o autogoberno para defender o idioma, o autogoberno debe ser un dos principais valedores e axentes de prestixio do idioma e, hoxe por hoxe, non vemos ese compromiso na Xunta, ni no presidente nin no seu goberno”. O portavoz do Bloque salientou que "defender e reivindicar a lingua propia do país non é politizalo”, pola contra "politizan o idioma quen lexisla en contra del, os que fan leis que en lugar de promover o uso do idioma levantan barreiras e dificultades e emiten mensaxes negativas da nosa lingua”, dixo.

Outras organizacións políticas tamén fixeron público o seu posicionamento. Anova publicou unha declaración que comezaba dicindo "levamos na frente unha estrela, e esa estrela é a lingua de nós. A lingua galega vive, e vivirá máis de mil primaveras". "Farao conquistando os espazos que quere ocultarlle un poder ilexítimo. Farao esixindo e conquistando o dereito sen restricións a vivirmos a totalidade das nosas vidas usándoa en todas as situacións comunicativas posibles. Como calquera falante de calquera lingua do mundo", engadía. De igual xeito, Esquerda Unida salientou que "os recentes datos facilitados polo do IGE falan ás claras da urxencia dun cambio de rumbo na política lingüística da Xunta de Galicia, dada a importante perda de espazos de uso e número de falantes do idioma propio de Galicia que estes datos recollen". O Círculo Podemos de Compostela denunciou "o risco que corre a lingua galega desde a entrada na Xunta do goberno de Feijóo e as súas políticas retrógradas, políticas que non cumpren co seu deber de avanzar no proceso de normalización da lingua e que están a contribuír á súa desaparición social". Polo PSdeG-PSOE,  Pilar Cancela salientou que "imos á marcha para reivindicar a nosa fala, a identidade como pobo".

A Praza da Quintana, ateigada Dominio Público @anxelamontero
Bo tempo, sol e algo de frío, acompañou as e os manifestantes Dominio Público @tereixapaz
Saída da manifestación dende a Alameda compostelá © BNG
AGAL demandou un 'new deal' para o galego Dominio Público @miguelpenas
Nenas e nenos de todas as idadas foron protagonistas na manifestación Dominio Público @miriamflouzao
Os e as integrantes de Galiza Nova deixáronse oír na marcha Dominio Público @nacionssestat
A manifestación, dende o escenario instalado na Quintana © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.