Milleiros de persoas secundan as mobilizacións sindicais a prol das pensións públicas

Manifestación da CIG en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A defensa do sistema público de pensións e o rexeitamento da suba máxima do 0,25% anual consolídase como clave na axenda política e un dos eixos do rexurdimento das protestas na rúa. Apenas un mes despois de que milleiros de persoas acudisen ao chamamento do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas e de diversas plataformais locais, este domingo as mobilizacións convocadas dende os principais sindicatos volveron obter unha resposta masiva. Foron, nomeadamente, unha vintena de concentracións impulsadas pola CIG e, por outra banda, unha ducia convocadas por CC.OO. e UGT.

No caso da central sindical soberanista as marchas deste domingo enmárcase nunha campaña para "esixir a derrogación das reformas antisociais e antiobreiras" aprobadas durante a crise e cuxa derrogación, defende o seu secretario xeral, Paulo Carril -que participou na manifestación de Lugo-, é "a única alternativa para articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema de pensións público e o seu poder adquisitivo". Tamén, afirma, "que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional".

A CIG desenvolveu unha vintena de mobilizacións e CC.OO e mais UGT, unha ducia

Despois de que nalgúns foros se sinalase a ausencia de unidade sindical en Galicia malia cadrar as mobilizacións a prol das pensións na mesma xornada a CIG resalta que o seu rexeitamento ás reformas laborais e económicas esténdese "ás aplicadas en 2011 polo goberno do PSOE co apoio de CC.OO. e UGT e contra as que a CIG convocou unha folga xeral". Esa, salientan, é a razón que ao seu xuízo fai inviables protestas conxuntas aínda que tamén nas da central nacionalista se marche contra as reformas do Goberno de Rajoy. Para a CIG é "rechamante que organizacións que facilitaron ai mplantación destes recortes" estean agora a "convocar protestas" e o sindicato advirte ademais da súa aposta por avanzar cara a unha nova convocatoria de folga xeral.

Un intre da mobilización da CIG na Coruña / CIG

Nas mobilizacións de CC.OO. e UGT algúns dos seus representantes tamén foron cuestionados polo feito de que as protestas se desenvolvesen, nalgúns casos, a escasos metros das da CIG. En calquera caso, subliñan que ambos sindicatos están a dar "continuidade á campaña desenvolvida dende o pasado setembro a prol do traballo e as pensións dignas", reivindicacións aos que na actualidade se engade a crítica ás medidas "parciais e insuficientes" que serán aplicadas polo Goberno de España no caso de que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado chegue a ser aprobado.

Cabeceira da manifestación de CC.OO. e UGT en Vigo / UGT

O Executivo de Rajoy, salientan, prevé plans "curtopracistas, discriminatorios e electoralistas, moi afastadas do que propuxemos" mentres "a sociedade está farta de escoitar que o sistema de pensións non é viable". "España -advirten- destina ás pensiósn entre 3 e 4 puntos menos do PIB" que outros estados europeos como "Italia, Francia ou Alemaña", polo que "hai marxe" para "acometer" o "problema de ingresos" retirando da caixa da Seguridade Social "gastos que non lle corresponden, como os da súa propia estrutura, que deben ir á conta" dos propios orzamentos e non das cotizacións sociais.

Nunhas e noutras mobilizacións si existiron, así e todo, reivindicacións comúns como o rexeitamento do tope do 0,25% ou a advertencia de que a poboación pensionista galega segue a recibir as pensións máis baixas do Estado. Como en anteriores convocatorias estas manifestacións tamén estiveron apoiadas por representantes da oposición parlamentaria galega; Luís Villares, voceiro de En Marea, acudiu ás mobilizacións de Vigo, cidade na que tamén se manifestou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Pola banda do BNG a súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, acudiu á protesta da CIG en Lugo -a portavoz nacional, Ana Pontón, está a participar na asemblea da Alianza Libre Europea en Bruxelas-.

Un intre da mobilización de CC.OO e UGT na Coruña Dominio Público EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.