Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero, finalistas do Premio Couso

Concentración en memoria de José Couso CC-BY-NC-ND Adolfo Luján

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol deron a coñecer este martes as catro candidaturas finalistas á XIV edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, coincidindo ademais co 15º aniversario do inicio da Guerra de Irak, na que o xornalista ferrolán foi asasinado polo exército norteamericano, un crime para o que a súa familia continúa a reclamar xustizaAs propostas desta XIV edición son Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero. Dende hoxe e ata as 19.00 horas do 10 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir a candidatura gañadora.

Nacho Carretero, xornalista coruñés, ten traballado e colaborado en numerosas redaccións. É autor do libro Fariña, publicado pola editorial Libros del K.O., sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90 do século pasado, que en febreiro deste ano 2018 foi secuestrado por orde xudicial. "O narcotráfico estigmatizou Galicia; no resto de España viuse como folclore", destacaba nesta entrevistaRamón Chao, veterano escritor e xornalista nado en Vilalba, desenvolveu a súa carreira en Francia, en medios como Radio France Internationale, Triunfo, Le Monde ou Le Monde Diplomatique. Defensor da liberdade de prensa ao longo de toda a súa traxectoria, tamén realizou unha permanente reivindicación da lingua e a cultura galegas, dirixindo emisións radiofónicas en galego prohibidas pola ditadura franquista.

Zehra Doğan, xornalista kurda e editora da axencia de noticias Jinha, formada integramente por mujeres, atópase encarcerada na prisión de alta seguridade de Diyarbakır polo seu traballo como comunicadora, acusada polas autoridades turcas de "facer propaganda para unha organización terrorista". A súa axencia Jinha foi pechada en 2016 polo goberno. Julia Otero, monfortina, ten unha extensa carreira profesional vinculada principalmente á radio, aínda que tamén é salientable a súa etapa na televisión. Ao longo dos seus anos como xornalista, destacou pola defensa da liberdade de prensa e pola defensa da información rigorosa e contrastada. 

Está previsto que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa, en Ferrol. Como cada ano, o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre para celebrar os actos. O gañador ou gañadoras engadirá o seu nome aos dos premiados e premiadas nas trece edicións anteriores: Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005). O obxectivo deste galardón é recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

 

Nacho Carretero CC-BY-SA Praza Pública
Ramón Chao Dominio Público Praza Pública
Julia Otero CC-BY-SA Irakia
Zehra Doğan Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.