Narcotráfico e agresións sexuais, delitos que máis que aumentan en Galicia no inicio de 2018

Material incautado nunha operación contra o narcotráfico con ramificacións en Galicia en 2015 © Garda Civil

Nos últimos meses foron diversas as controversias, fundamentalmente a nivel municipal, a respecto de supostos incrementos rechamantes de determinado tipo de delitos, caso dos roubos en vivendas e infraccións semellantes contra a propiedade privada. No entanto, unha vez máis as estatísticas do Ministerio do Interior veñen certificar que Galicia segue a ser un dos territorios máis seguros do Estado -a cuarta autonomía cunha menor taxa de criminalidade, con 27,4 infraccións penais coñecidas por cada 1.000 habitantes, 16,7 puntos por baixo da media-. Ademais, entre as principais infraccións delitivas avaliadas non son os roubos, senón o tráfico de drogas e os delitos sexuais os únicos que aumentaron no comezo de 2018.

Interior destaca que Galicia se mantén como a cuarta autonomía máis segura

Segundo o balance de criminalidade dos primeiros tres meses do ano, que Interior vén de facer público, as forzas de seguridade tiveron coñecemento de algo máis de 17.500 infraccións penais, unha cifra moi semellante á rexistrada entre xaneiro e marzo de 2017. A tendencia xeral á baixa só a rachan os dous devanditos tipos delitivos: o tráfico de drogas aumenta un 32,1% no período, pasando de 81 a 107 "feitos coñecidos", na terminoloxía empregada polo Ministerio.

Tamén continúa o incremento de delitos contra a liberdade sexual, na liña do que vén sucedendo dende comezos da década, cunha suba do 15,5%, de 97 a 112 en tres meses. Nos roubos con violencia e intimidación tamén existe unha alza, aínda que moito menor, de apenas o 3%, e seguen roldando os 200.

Por cidades o incremento dos delitos sexuais dáse en todas agás Santiago e Pontevedra, mentres que os ligados ao tráfico de drogas aumentan na Coruña -de 4 a 10-, en Lugo -de 5 a 12- e mais en Vigo -de 16 a 20-. Os devanditos roubos en vivendas, pola súa banda, experimentan unha redución na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, pero neste período aumentaron en Vigo e Santiago. Así e todo, en todos os casos este tipo de delitos seguen a ser os segundos máis numerosos, aínda que as súas cifras son moito menores que as dos furtos, condutas delitivas máis habituais no conxunto de Galicia, segundo esta fonte estatística.

Manifestación feminista na Coruña contra as agresións sexuais CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.