Nova documentación suma dúbidas sobre a relación da Xunta coa mineira de Corcoesto

Manifestación contra a minaría contaminante CC-BY-SA gzvideos.info

As revelacións sobre o recurso que Mineira de Corcoesto interpuxo contra a Xunta no TSXG verten insinuacións e acusacións veladas de corrupción contra o Goberno de Núñez Feijóo. Nos documentos filtrados, o presidente da multinacional Edgewater, George Salamis, tería asegurado que "amigos do presidente" intentaran subornalo ofrecéndolle facilidades para o proxecto a cambio de "ofertas de axuda (que xeralmente quere dicir $$ nunha maleta Samsonite)". O xefe do Executivo galego xa cualificou de "calumnias" unhas acusacións que atribúe á reacción "desproporcionada" da empresa por térselle cancelado a iniciativa empresarial. Pero a sala do contencioso-administrativo do alto tribunal galego atoparase nos vindeiros días con outros documentos que poden deitar máis sombras sobre a actuación da Administración autonómica en todo o proceso que arrodeou este proxecto megamineiro, cancelado finalmente polo mesmo Goberno que lle dera un importante apoio nos seus inicios. 

A SGHN entregará no TSXG documentos sobre os "renglóns torcidos" na tramitación ambiental da mina por parte da Xunta

É a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), unha das organizacións máis activas na loita contra a megamina de Corcoesto, a que xa anunciou que entregará copia ao TSXG de varios documentos sobre os "renglóns torcidos" que, segundo di, se produciron na tramitación ambiental do proxecto e na aceptación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) por parte da Xunta. É, segundo puido saber Praza e á espera de que se faga pública a vindeira semana, documentación que evidenciaría os "peculiares" trámites que se seguiron para darlle o visto e prace ao proxecto, as´como as facilidades que a Administración deu a Edgewater. 

A SGHN aclara que mantiña "gardados" estes documentos ao estar "o proxecto paralizado", pero que agora os fará públicos e os porá en disposición do TSXG "por se considera oportuno incluílos na tramitación da demanda" e ante a "reaparecida ameaza da mina de Corcoeso coa demanda de Edgewater". 

A documentación evidenciaría os "peculiares" trámites seguidos pola Xunta para darlle o visto e prace ao proxecto mineiro

A organización ecoloxista asegura estar de acordo coa cancelación do proxecto por parte da Xunta e di "descoñecer se houbo ou non renglóns torcidos na paralización do proxecto" pero indica que si "houbo, sen dúbida ningunha, renglóns torcidos na tramitación ambiental e na DIA favorable aos intereses de explotar a mina de ouro de Corcoesto"

Precisamente, outra organización ecoloxista, Amigos da Terra, xa anunciou que solicitará á Fiscalía "unha exhaustiva investigación" da "presunta trama" que arrodea o caso da mina de Corcoesto. "Pediremos que estenda as súas pescudas ata a aprobación da, máis que cuestionable, DIA de 2012 por si esta puidera xa terse visto condicionada ou influída como parte da presenta trama corrupta" asegurou Ángel Dorrío, voceiro do colectivo nun comunicado

Amigos da Terra pedirá á Fiscalía unha "exhaustiva investigación" sobre a "prestunta trama corrupta" arredor da mina de Corcoesto

A polémica xorde, sobre todo, a raíz dun presunto correo electrónico no que o presidente da multinacional canadense, George Salamis, dille xerente da filial, Lluís Boixet, que non "alcanza a ver" que pode "facer de maneira distinta" para salvar o proxecto a parte de "pagarlles $$$ aos políticos". "Isto tería sido fácil e calquera pode facelo, pero non encaixa cos principios fundamentais de acordo aos cales facemos negocios", diría o máximo responsable da firma mineira, que insinúa o intento de suborno por arte de "amigos" de Feijóo e que compara o proceder da Xunta co Goberno de Venezuela, onde tamén intentou facer negocios. 

Consultados por este diario, Lluís Boixet, responsable de Mineira de Corcoesto, prefire non facer declaracións e remítese aos seus avogados tras aclarar que o tema tratado atópase nun proceso xudicial. 

 

A Xunta ve en Edgewater unha actuación "indigna"

Respecto das acusacións de Edgewater na demanda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa anunciou que o Goberno vai "estudalas" por se "poden ser susceptibles dalgunha acción penal". Ademais, asegurou que a reacción da multinacional son froito "dunha empresa que non puido levar adiante o seu proxecto por incapacidade técnica e económica e que segue demostrando a súa incapacidade, agora dun xeito bastante indigno ao intentar comparar a Administración galega coa de Venezuela". "Demostra a desorientación e parcialidade dunha empresa que intenta sacar do peto dos galegos o que non puido conseguir coa súa actividade empresarial", engadiu. 

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asegurou en declaracións á axencia Europa Press que moitas das alegacións presentadas ao proxecto de Edgewater en Corcoesto apuntaban a que a mineira quería "coller uns dereitos mineiros, revendelos e obter unha substancial plusvalía". Ademais, e ante as acusacións da empresa de "presións" por parte da Xunta, defende que a Administración actuou sempre "conforme á lei" e di "non entender a estratexia xurídica" da multinacional canadense. 

AGE insta a Xunta a denunciar a Edgewater se as acusacións desta "non son certas"

Por outra banda, AGE instou xa a Xunta a denunciar a Edgewater se as acusacións desta contra o Goberno galego “non son certas”. O viceportavoz da coalición, Antón Sánchez, pide “aclaracións” e avisa de que a cidadanía “non debe baixar a garda” perante a megaminaría. “Non presupoñemos nada. Pero se estas acusacións non son certas, e a Xunta debe explicarse, ao Goberno galego non lle queda outra ca denunciar penalmente a Edgewater e a súa dirección”, insiste o parlamentario, que cre que o Goberno galego "non pode perder nin un minuto en aclarar esta situación".

Canadense contra a megaminaría en Galicia CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.