O 40% dos centros de Infantil das cidades non usa o galego para nada

Contacontos nunha escola infantil en Galicia © Xunta

Poucos días despois da conmemoración do Día da Lingua Materna e de que en Galicia se lembrase que tan só o 18% dos nenos e nenas aprenden a falar en galego, un novo dato constata o devalo do idioma propio no país, especialmente entre os máis pequenos. O 76% dos centros de Educación Infantil das cidades imparten as clases maioritariamente ou exclusivamente en castelán, fronte ao 19% que intenta equiparar o uso de español e galego e o ínfimo 8,5% que usa maioritariamente a lingua galega. Ademais, case o 40% (38,7) exclúen o galego totalmente das súas aulas. 

O 76% dos centros de Educación Infantil das cidades imparten as clases maioritaria ou exclusivamente en castelán

Son os datos que se tiran dun novo informe d'A Mesa pola Normalización Lingüística, o cuarto estudo sobre a situación do galego nas aulas de Infantil de 3 a 6 anos, froito de enquisas realizadas en 941 centros públicos e privados, non só das cidades -como era o caso dos anteriores- senón ampliándose ao conxunto de Galicia. O aumento do ámbito xeográfico permitiu ratificar outra vez "a fractura entre o ámbito rural con maior presenza do galego e o urbano, onde a presenza do castelán mesmo coa exclusión absoluta do galego é evidente".

A porcentaxe de centros de ensino urbanos onde se usa maioritariamente o galego sobe apenas un 3%

De feito, os datos nas cidades apenas varían con respecto ao informe do ano pasado, dándose un lixeiro incremento na porcentaxe dos centros que imparten maioritariamente as clases en galego, do 5,2% do 2015-16 ao 8,5% do curso vixente. Unha suba "ínfima", como destaca A Mesa, que se pode explicar "por unha maior concienciación da necesidade de recuperar a nosa lingua, por parte do profesorado e tamén de nais e pais cunha maior sensibilidade co tema". 

Ningún centro infantil de Ferrol ten o galego como lingua maioritaria e o 90% deles imparte as clases só ou principalmente en castelán

En realidade, a situación aínda empeorou en moitas cidades. En Ferrol, A Coruña, Ourense, Lugo e Compostela, segundo indica o estudo, increméntase "significativamente" o número de centros que "non teñen reparo en admitir que exclúen completamente o galego da docencia", algo que a Mesa ve como unha actitude "sintomática da situación de completo desamparo institucional que vive a nosa lingua". Tan só o descenso de colexios que declaran ter como lingua exclusiva o castelán en Vigo e Pontevedra amortigua a tendencia clara ao aumento da exclusión do idioma propio no Ensino Infantil urbano. Todo, ademais, tendo en conta as dificultades para determinar que grao de galego se emprega nos centros onde se asegura manter o equilibrio de idiomas. 

De repararmos nos datos por cidades, o caso máis preocupante é o de Ferrol, onde segue sen haber centro ningún onde o galego sexa maioritario e onde o case o 90% deles asegura impartir as clases só en castelán ou maioritariamente en castelán. En Pontevedra, malia o aumento do equilibrio, ningún colexio di tampouco empregar o galego maioritariamente, mentres que na Coruña e en Vigo a porcentaxe tan só chega ao 3% e ao 4% respectivamente. 

En Lugo, pola súa banda, o galego está presente maioritariamente nun 13% dos centros, mentres que a maioría deles indica que intenta equiparar a distribución de ambas as linguas. En Ourense, a lingua propia é maioritaria no 17% dos colexios e nun 10% os dous idiomas estarían equilibrados. En Compostela, pola súa banda, case o 30% empregan sobre todo a lingua propia, pero o 68% usa o castelán exclusiva ou maioritariamente.

A Mesa denuncia o "escandaloso" aumento da eliminación total do galego: no 55% dos centros de Vigo a lingua propia está excluída

Con todo, a exclusión absoluta do galego abrangue o 55% dos centros en Vigo, mentres que en Lugo esta situación pasou do 0% ao 13%; do 6% ao 24% en Ourense; do 0% ao 7% en Santiago; do 7% ao 30% na Coruña; ou do 0% ao 29% en Ferrol. "Este aumento xeneralizado da eliminación do galego é escandaloso", quéixase A Mesa. 

 

A fractura entre o rural e o urbano

Para levar a cabo este estudo, dividíronse os centros analizados en cinco tramos segundo a poboación das localidades onde se atopan. Os resultados para o galego son moito mellores a medida que os centros abranguen menos habitantes. 

Así, nos centros de localidades con menos de 5.000 habitantes predomina maioritariamente o galego como lingua de ensinanza nun 64,4% deles, sendo maioritariamente en castelán nun 25,3%, e só o castelán como lingua de ensino nun 0,9% dos centros. O 9,4% dos centros asegura ter unha distribución idéntica. Nos das vilas entre 5.000 e 10.000, a distribuicón sería do 56%, o 28%, o 1% e o 15%, mentres que nas de entre 10.000 e 20.000 sería de 64%, 41%, 10% e 14%. 

Nas localidades con menos de 5.000 habitantes, o galego é maioritario no 64% dos centros; nas de menos de 10.000, no 56%

Nos municipios con entre 20.000 e 50.000 habitantes, o galego perde un peso notable ao dominar maioritariamente o castelán nun 52% dos centros, e só o castelán como lingua de ensinanza nun 6,6%. Maioritariamente en galego nun 27,3% dos centros, mentres que o 14,% dos centros asegura contar coa mesma distribución para as linguas.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, destaca que o estudo "suple unha acción que a Xunta está obrigada a facer segundo o seu propio decreto" e repara no feito de que nas enquisas tamén se preguntou sobre os materiais queu empregan nas clases e o idioma destes. Así, destaca a escaseza de materiais en galego fronte a materiais didácticos en castelán e inglés e "o agravio comparativo que supón" que os materiais en galego "teñan que ser elaborados polo propio profesorado fronte á gran cantidade de recursos en castelán e inglés". 

Contacontos nunha escola infantil en Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.