O 93% da poboación galega que traballa a tempo parcial para coidar a familia son mulleres

Mobilización feminista en Santiago CC-BY-NC-SA CIG

Menores taxas de actividade e ocupación, máis paro e menos soldo por igual traballo. Son só algúns dos trazos que, como diversos estudos veñen lembrando as últimas semanas, definen o mercado laboral ao que se enfrontan as mulleres, tamén en Galicia. Estas análises detíñanse tamén nas taxas de inactividade que afectan ás mulleres por teren que atender a familia, isto é, as traballadoras que teñen que renunciar a procurar un emprego fóra da casa para dedicárense integramente aos coidados: un 4,8% fronte ao 0,6% dos homes. O panorama non é mellor entre a poboación que traballa a tempo parcial por motivos semellantes: neste caso, en máis do 90% dos casos a decisión ten que ser tomada por mulleres.

A media de mulleres que durante 2015 tiveron que reducir a xornada laboral por mor dos coidados achegábase ás 20.000, mentres que os homes quedaron en 1.000

Os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que durante 2015 unha media de 17.700 mulleres galegas declaraban traballar a tempo parcial por ter que coidar de menores, doentes ou persoas anciás, ou ben por estaren obrigadas a atender outras obrigas no seo da familia, segundo a enquisa de poboación activa (EPA). Ao longo dese mesmo ano a media de homes que tiveron que tomar esa determinación alboral en Galicia foi de unicamente 1.000. 

En liña coa diminución xeral da poboación activa galega -suma das persoas que están a traballar e das que están a buscar traballo-, o número total de homes e mulleres que traballan a tempo parcial para dedicárense aos coidados tamén diminuíu, pero a proporción apenas se alterou. Así, cinco anos atrás rexistrábanse 24.200 galegas a traballar con xornada parcial por mor dos coidados e daquela os homes que o facían eran menos de 2.000.

Nove de cada dez

Como nas medias anuais, os datos trimestrais da EPA acreditan tamén que, alén do resto de avatares do mercado laboral, este indicador apenas se move e cando o fai, é para que aumente a proporción de mulleres que teñen que renunciar á súa vida laboral a causa das obrigas familiares. Nesta liña, a finais do pasado ano case 20.000 mulleres indicaban que non traballaban a tempo completo por mor dos coidados, o 93% da poboación galega nesta situación. 

Isto sucede agora e sucedía en proporcións idénticas, por exemplo, no ano 2009, cando as persoas empregadas a tempo parcial para atender obrigas familiares eran moitas máis, ata chegar ás 30.000. Daquela asumían este papel uns 2.200 homes e o resto eran mulleres. Así, a proporción era idéntica á actual: 93% feminina, 7% masculina.

Ollo, posmachistas

Datos coma estes, abondosos ao fío das reivindicacións do 8 de marzo, son aludidos polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para subliñar que, "ao mesmo tempo" que se "lembra a discriminación á que son sometidas as mulleres", o movemento "posmachista ou neomachista" lanzará as súas mensaxes "baixo unha falsa bandeira da neutralidade". "Dirán que para cando un día do home, que tamén hai mulleres asasinas, que o feminismo promove a desigualdade". Son, en síntese, "argumentos demagóxicos" que, "asegurando que a intención do feminismo é atacar o home", a intención é "que as cousas queden como están", desiguais.

"A rebelión posmachista non busca máis que frear o avance da conquista de dereitos por parte da muller"

"A rebelión posmachista non busca máis que frear o avance da conquista de dereitos por parte da muller, manter o statu quo do home", resalta esta entidade profesional. E a igualdade non será unha realidade, salientan, "mentres as mulleres sigan sufrindo unha violencia normalizada que se minimice e mesmo se xustifique ou se negue; mentres a fenda salarial exista, mentres o peso das tarefas do fogar recaia sobre elas cunha dupla xornada" ou "mentre se viole ou increpe sexualmente as mozas".

Así as cousas, a entidade chama a "non permitir a neutralidade á hora de falar de equilibrio entre xéneros". "A demagoxia do posmachismo é intolerable", advirten, porque "se trata dunha cuestión de xustiza e dignidade". "A violencia contra as mulleres non é neutra", e considerala así é "negar a submisión á que se somete a muller por parte do poder estrutural do patriarcado". "Ignoremos e desmontemos o discurso politicamente correcto, loitemos pola igualdade eun día non serán necesarios os incentivos nin as políticas" ao respecto, conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.