O acordo lácteo que queda en "papel mollado"

Manifestación do sector leiteiro CC-BY-SA Sindicato Labrego Galego

"Papel mollado". O SLG define así os resultados, polo momento, do acordo lácteo que prometía subidas de prezo do leite aos gandeiros e que nin este sindicato nin Unións Agrarias (UUAA) asinaron pola falta de garantías que evitasen unhas condicións precarias para as granxas que, segundo denuncian, mantéñense a tal hora. 

O SLG denuncia que as subas prometidas foron, "no mellor dos casos", de entre medio e 1 céntimo

Malia os anuncios dalgunhas distribuidoras que anunciaron subas de prezo nas marcas brancas, o SLG denuncia que as industrias, "tras a sinatura do acordo, seguiron obrigando a asinar contratos no abano de prezos miserables e aos que nos tiñan afeitos". Denuncia que as subas foron, "no mellor dos casos", de entre medio e 1 céntimo. A secretaria xeral da organización, Isabel Vilalba, e o coordinador dos Sectores Gandeiros, Xabier Gómez Santiso, quixérono exemplificar deitando luz sobre o importe que están a pagar agora algunhas empreas. 

"As industrias seguiron obrigando a asinar contratos no abano de prezos miserables aos que nos tiñan afeitos"

Así, aseguran que Leche Celta paga a 27,5 céntimos, medio céntimo máis que antes das mobilizacións; Celega a 25,5; Lácteos Deza a 22; Leite Río sobre os 27 ou Reny Picot entre 24 e 26. Ademais, destacan que Entrepinares e Iparlat son as firmas que máis subiron o importe, arredor de 1 céntimo, e denuncian que Danone segue a impor contratos á baixa malia aumentar un 4,6% a súa facturación no terceiro trimestre de 2015. Ao tempo, lembran que hai outras compañías, com Lácteos Pérez ou Lácteos Ortegal, que acumulan varios impagos ás granxas. 

"Os novos contratos que está impoñendo a industria baixo as prácticas comerciais coercitivas e mafiosas que utilizaba antes das mobilizacións, están a repercutir subas insignificantes que non chegan nin a un céntimo, no mellor dos casos, polo que as melloras no prezo que se están a producir nos supermercados só serven para que as industrias aumenten a súa marxe de beneficio ao non repercutir eses incrementos no prezo que lle pagan ás granxas", explicou en rolda de prensa o SLG, que denunciou tamén que, malia que moitas industrias empregan com baremo para os prezos a cotización internacional do leite, a revalorización das últimas semanas non repercutiu nos gandeiros. 

Para o SLG, esta situación é "un desafío ao Ministerio de Agricultura", xa que no acordo lácteo asegurábase "expresamente" que as industrias repercutirían as melloras no prezo que fixesen as distribuidoras. "Pero nos novos contratos que se están a asinar, incúmprese este compromiso", advirten, ao igual que se estarían incumprindo outros como o desenvolvemento dun modelo de contrato-tipo no seo da Interprofesional Láctea para tomar como referente no sector, ou que o Ministerio regule a actividade dos primeiros compradores, "que son os que están a pagar os prezos máis baixos no mercado leiteiro por baixo dos 26 céntimos".

O SLG acusa o Ministerio de Agricultura de permitir que se incumpra xa o acordo lácteo

Segundo o sindicato, a situación "agrávase" co aumento da entrada de leiteo foráneo no Estado, algo que, segundo di, "non ten xustificación cando se lles está a poñer serias restricións á hora de producir ás nosas granxas e se utiliza o aumento da produción como escusa para baixar os prezos".

O SLG tamén advirte de que se están a manexar niveis de prezos de entre 32-33 céntimos como referencia de cara a cubrir os custos de produción, cando nos valores ofrecidos polo Ministerio, o prezo mínimo para cubrir custos nunha granxa galega "é de 34'9 céntimos". "As industrias pretenden que ese prezo non sexa asumido só por elas, senón que inclúa outros ingresos como as axudas que perciben as explotacións", denuncia.

O Sindicato Labrego reclama a convocatoria de todos os axentes e que se "retomen as negociacións"

Ante esta situación, o Ministerio reuniuse este luns coas industrias nun encontro para ver como evoluciona o acordo lácteo, ademais de coas distribuidoras, as cooperativas e o sindicato Asaja. Pero excluíu a COAG, na que se integra o SLG, e a UPA, onde se insire UUAA. "Denunciamos a marxinación da maioría dos gandeiros do Estado representados  nestas dúas organizacións agrarias", advirte o sindicato, que insta o Goberno a convocar todos os axentes e "retomar as negociacións de cara a buscar fórmulas que nos permitan chegar a un acordo que contemple prezos dignos e remuneradores para os produtores e as produtoras".

"O único que fixo o Ministerio este luns foi burlarse dos gandeiros que non tiveron representación e, ao tempo, sentar coas industrias e distribuidoras que se están a mofar del", remata o SLG. 

Leite 'incautado' polos gandeiros en Mercagalicia © Revista Afriga
Isabel Vilalba, no Observatorio do Mercado do Leite © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.